Saltar ao contido principal
Inicio  »  Servizos  »  Escola Infantil "Breogán"  »  Normas de funcionamento interno

Normas de funcionamento interno

A Escola Infantil Breogán estará aberta durante todo o ano en horario de 8 da mañán a 8 da tarde, agás o mes de agosto que o centro permanecerá pechado. Durante o período de vacacións de Semana Santa e Nadal o horario do centro será de 8 a 15 horas. Durante o mes de xullo axustarase o horario para garantilo cumprimento da xornada de 25 horas do persoal laboral no dito mes, segundo o artigo 27 do actual Convenio Colectivo do Persoal Laboral das Universidades Públicas Galegas.

O primeiro día de setembro non se reciben nenos, as educadoras dedicaranse á preparación e organización das clases.

A primeira semana de setembro só se recibirán os nenos que estiveron no centro o ano anterior, para que se vaian adaptado á nova educadora e á clase. A segunda semana empezarán os nenos novos dun xeito escalonado.

Os nenos novos que dispoñan de praza de comedor non a utilizarán desde o primeiro día, senón que será a educadora da clase a que fixe unha data en función da súa adaptación na aula.

Antes de rematar o curso (en abril/maio aproximadamente) a Comisión da Escola publicará o número de prazas vacantes en cada grupo. A readmisión é automática, sempre e cando os pais continúen vinculados á Universidade.

Na primeira semana de maio, aproximadamente, ábrese un prazo de inscrición para presentar novas solicitudes. Unha vez rematado reúnese de novo a Comisión, e no caso de existiren máis solicitudes ca prazas vacantes, estas concederanse de acordo co baremo aprobado pola Xunta de Goberno.

En canto ao servizo de Comedor, de non poder atender a totalidade da demanda a Comisión de Escola elaborará e aprobará uns criterios de selección, que serán de público coñecemento polo usuarios.

O servizo está aberto en horario de 8 da mañá a 20:00h da tarde. Os nenos e nenas que non gocen de praza de comedor deben recollelos do Centro antes das 14h. Non se reciben nenos de tarde ata as 15:30h. As comidas serviranse á 13.00 horas e as merendas ás 17 h. Pese a amplitude de horario da Escola Infantil Breogán, o equipo pedagóxico da escola considera que non é conveniente a permanencia dos nenos e nenas máis de 6 horas e media ao día; así mesmo, de acordo co Decreto 329/2005 do 28 de xullo (DOGA, Nº 156, do 16 de agosto de 2005)pola que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, evitarase que o neno ou nena prolongue a súa estadía no centro máis de 8 horas diarias, agás circunstancias excepcionais, que deberán en todo caso xustificarse, así o determinen. En caso de temporal a Escola Infantil rexerase polas normas que dicte a Xunta de Galicia para os colexios públicos.

En caso de enfermidade os pais deberán avisar ao centro.

Aspectos sanitarios

Os pais e nais están na obriga de comunicar por escrito á Dirección do centro calquera tipo de alerxia que padeza o neno ou nena; medicamentos, alimentos, ou outros que se consideren.

Con fin de evitar que a E.I. sexa un foco de posíbeis infeccións, os nenos e nenas non poderán acudir a ela cando padezan algún proceso infecto-contaxioso e a súa incorporación á escola precisará dun informe
do seu médico.

En caso de que o neno ou nena enfermara no centro, avisaríase aos pais ou nais/titores ou titoras ou á persoa sinalada para casos de urxencia.

En caso de accidente, se non fose posible contactar coa familia, efectuaríase o seu traslado a un centro sanitario.

Cando o neno ou a nena precise que se lle administre algún medicamento, será necesario presentar a prescrición médica na que se indique a hora e dose.

Saídas do centro

Cada responsable deberá especificar quen/es serán as persoas encargadas de recoller ao/a menor, para calquera saída do centro. Non se autorizará a saída do/a menor con persoas que non estean debidamente autorizadas.