Móvete!! – Acredítate!! 2013-2014
Luns, 03 de xuño de 2013
Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionalización
Regulamentación das probas de lingua para a mobilidade estudiantil e a acreditación do B1
Móvete!!
- Porque moverse significa saír e coñecer novas
formas de aprender, novas formas de ensinar e novas formas de traballar.
- Porque cremos que a mobilidade é unha oportunidade
de enriquecemento persoal.
- Porque está demostrado que a mobilidade mellora a
empregabilidade.
- Por isto queremos que o maior número de vós poida
realizar un
período de mobilidade noutra universidade con algún dos programas
existentes.
Os requisitos básicos para solicitar algunha das bolsas de mobilidade son:
ter superado o 15% de créditos da túa carreira e
aprobar o exame da lingua establecido para o país ao que queres ir.
Acredítate!!
Para obter o título de grao necesitas acreditar o dominio dunha lingua estranxeira no nivel
chamado
soleira ou B1 segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER).
Como fago para acreditar o nivel de lingua?
Tes varias maneiras:
- Aprobando un dos cursos do nivel B1 que
organizamos no propio CLM
- Superando a proba que realizamos no CLM e que é
recoñecida en todas as universidades españolas
Como funciona o proceso de acreditación do nivel B1 mediante unha proba no CLM?
É moi sinxelo: dende o mes de setembro os exames de lingua para os programas de mobilidade e
para a acreditación do B1 vanse estruturar en
dúas probas. Ambas as probas vanse celebrar ao longo de todo o curso, segundo un calendario
publicado previamente.
Ti matricúlaste da proba B1-A dunha lingua; se a superas, serás apto para a mobilidade cara a
un país que esixa o nivel B1 desa lingua. Unha vez superada a proba A, se queres, pódeste
matricular na proba B1-B desa mesma lingua; se a superas, terás acreditado o nivel B1 que necesitas
para o grao. Ambas as dúas probas son complementarias.
Resumindo:
se superas a proba B1-A = es apto para a mobilidade;
se superas, a maiores, a proba B1-B = terás acreditado o nivel B1.
Que vantaxes ten o novo procedemento?
- Podes escoller a data na que te queres examinar.
- Sen présas nin presións polo pechamento de convocatorias de
mobilidade; podes examinarte tranquilamente nas datas nas que teñas menos traballo.
- Se suspendes unha vez, podes volver a matricularte e acudir outro
día; tes catro oportunidades para cada proba B1-A e B1-B de cada lingua, mentres pertences á
comunidade universitaria.
- Podes planificar e preparar a túa mobilidade e a acreditación do B1
dende o 1º curso.
Como teño que matricularme?
Matricúlaste a través da túa secretaría virtual. Podes escoller a(s) lingua(s) da(s) que
queres examinarte e a(s) data(s) da(s) proba(s). A matrícula pecha dez días hábiles antes de cada
proba. A matrícula para a proba B1-A custa 10 € e para a proba complementaria B1-B da mesma lingua
custa 20 €. Non poderás matricularte na proba B1-B sen ter aprobada a B1-A. Non se fan devolucións
fora de prazo de matrícula.
Hai límite de prazas?
Si. Cada quenda ten prazas limitadas e se a cota se cubrise xa para unha data, o sistema
non che deixará matricular para ese día, pero poderás escoller outra data.
Atención: isto esixe pola túa parte certa planificación! Non esperes ao último
momento!
Que pasará cando estea próximo o peche de convocatorias de mobilidade e eu aínda non teña
realizadas as probas?
O novo sistema pretende eliminar as présas de última hora. Porque non son boas, nin para ti
nin para nós. Por iso, se queres ir de mobilidade, prepárate xa e aproveita todo o ano académico
para faceres as probas cando máis che conveña.
Non esperes ao final! Prepárate xa e terás máis opcións e mellores resultados!
Máis información
A convocatoria sairá en xullo 2013. Nese momento atoparás toda a información que precises.
Este é só un aviso para que saibas o que imos facer e te poidas preparar.