Saltar ao contido principal
Inicio  »  Servizos  »  Estación de Bioloxía Mariña da Graña

Estación de Bioloxía Mariña da Graña

Ir á web propia

Enderezo

Casa do Hórreo e Casa da Estrela
Rúa da Ribeira, nº 1 - 4
15590 A Graña - Ferrol (Galicia-España)
Teléfono: 981 563100, extensións: 30371 - 30372 - 30375
Teléfonos directos: 981 333371 / 981 333372 / 981 333375
Fax: 981 333373
Enderezo electrónico: ebmgusc@usc.es
Director: Prof. Dr. Victoriano Urgorri. vituco.urgorri@usc.es
Subdirectora: Profa. Dra. Celia Besteiro. celia.besteiro@usc.es
Xefe da Estación: Dr.   Guillermo Díaz-Agras. guillermo.diaz@usc.es
 

Descrición

A Estación de Bioloxía Mariña da Graña (EBMG) é unha institución científica da Universidade de Santiago de Compostela que se creou coa fin de fomentar e facilitar a investigación e a docencia na bioloxía mariña, e o asesoramento e difusión nos temas relacionados coa fauna e flora mariñas de Galicia. Asemade propicia o establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras Universidades e Institucións Científicas de España e doutros países.

A Casa do Hórreo

Cunha superficie de 400 m2, este edificio está destinado á investigación, con instalacións e medios axeitados para o desenvolvemento de traballos e reunións científicas, proxectos de investigación e teses de doutoramento. Posúe:

  • Dous laboratorios de investigación con acuarios de auga de mar e equipamento científico de estereomicroscopios, microscopios, cámaras dixitais, balanzas de precisión, estufas de desecamento, campá de extracción de gases, etc.
  • Laboratorio húmido con acuarios de auga de mar circulante en circuíto aberto.
  • Biblioteca e sala de ordenadores.
  • Cámara de investigación con control de temperatura e fotoperíodo.
  • Sala de mergullo con compresor para carga de botellas.
  • Dúas cámaras de conxelación de -20º C.
  • Tanque de auga de mar de 15 m3.

A Casa da Estrela

Posúe unha superficie de 500 m2 dedicados a fins docentes e máis a residencia, coa finalidade de facilitar a realización de actividades formadoras para os alumnos de 1º, 2º e 3º ciclo:

  • Laboratorio docente para 24 alumnos equipado cun estereomicroscopio e un microscopio para cada un e para o profesor; ademais ten circuíto pechado de TV, dúas campás de extracción de gases, un cribo de sedimentos, unha mufla, unha estufa de desecamento, un micrótomo e outro material para histoloxía.
  • Aula-seminario de 32 prazas.
  • Dous cuartos duplos con baño para profesores ou investigadores.
  • Seis cuartos cuádruplos para alumnos ou investigadores.
  • Sala de lecer, comedor e pequena cociña.

Situación

A Estación de Bioloxía Mariña da Graña está situada na Vila da Graña na Ría de Ferrol (Galicia - España), que xunto coas rías da Coruña e Ares, conforma unha unidade xeográfica denominada Golfo Ártabro, cunhas características biolóxicas, climáticas e morfolóxicas moi semellantes. Localizada a 43" 28' N e 8" 16' W, é unha situación privilexiada para o estudo da fauna e flora mariñas.

Monstraxes no Mar

Para as actividades de mergullo no mar, cóntase con dúas embarcacións de 5,25 m de eslora con motor fora borda de 55 e 90 CV., e para mostraxes dende superficie posúe un barco de fibra de vidro de 12 m de eslora equipado con mangas de plancto e varios tipos de dragas: Rectangular de naturalista, Rallier-du-Baty, epibenthic sledge, van Veen, Agassiz trawl, etc.