Na selección do emprazamento atendeuse tanto ás características morfolóxicas da masa de auga e da cunca como á proximidade ó Campus Universitario de Santiago, ás comunicacións e ós servizos nas súas inmediacións.
O encoro do Con está situado no lugar de Castroagudín, termo municipal de Vilagarcía de Arousa, cidade ben comunicada e onde podemos atopar excelentes servizos. Trátase dunha pequena masa de auga, orixinalmente construída para o consumo urbano, enclavada na faldra do Monte Xiabre a 130 m de altitude.
As súas reducidas dimensións (2.04 Km de perímetro e 0.28 Km2 de superficie) e o estado das súas augas (oligotróficas) fano idóneo para os obxectivos de investigación perseguidos. O seu reducido tamaño, xunto coas infraestructuras existentes, facilitan e abaratan o control e a vixiancia da masa de auga.

A cunca de drenaxe, de 7.5 Km de perímetro e 2.7 Km2 de superficie, atópase en bo estado de conservación, e está sometida case por completo a explotación madeireira. O río do Con, que a alimenta, constitúe o eixo principal de drenaxe cunha lonxitude de 2 Km, un desnivel de 270 m e cun caudal medio aproximado duns 100 l/s, o que permite o seu control experimental. A calidade das súas augas neste tramo é boa e a protección e control de toda a pechada ate o encoro pódese facer sen dificultade.

A zona está a ser utilizada regularmente polo Concello para o desenvolvemento de actividades medioambientais e nela están incluídas varias rotas de sendeirismo, unha área de recreo, e un miradoiro turístico.
A Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" está situada no Concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), na aldea de Castroagudín - Cea.
Tren: hai trens rexionais frecuentes dende Santiago de Compostela e Pontevedra. Consúltese Renfe.
Bus: varias empresas comunican con Vilagarcía: Monbús/La Unión (Vilagarcía-Cambados-O Grove), Pereira (Vilagarcía-Bamio e Catoira), Benito Abalo (Vilagarcía-Caldas), Monbús/Castromil (Vilagarcía-Santiago), Núñez Barros (Vilagarcía-Pontevedra). Estación de autobuses de Vilagarcía de Arousa
Avión: os aeroportos máis axeitados están en Santiago de Compostela e Vigo.
Coche: pódese chegar seguindo a PO-531, pero a mellor vía é a autoestrada A9 (saída 110) que fai o enlace con Vilagarcía mediante a C-531 (AUDASA). Ver mapas anexos de Google Maps:
Vilagarcía - EHEC AP9 - EHEC Caldas de Reis - EHEC