Saltar ao contido principal
Inicio  »  Servizos  »  Oficina Web  »  Tutorial sobre o uso da ferramenta  »  Recomendacións

Recomendacións

Textos

  • Evite empregar unha linguaxe administrativa para explicar as cousas.
  • Póñase sempre no papel do usuario que accede á páxina, para non dar por sabido ni por suposto as cousas.
  • Non empregue maiúsculas para escribir o texto xa que dificulta a lectura.
  • Intente ser o máis conciso posible nos seus textos.
  • Evite a eliminación de preposicións e artigos nos títulos.
  • Estruture os seus contidos; o título da páxina en Encabezado 1, os epígrafes importantes en Encabezado 2, os apartados dentro dos epígrafes en Encabezado 3... unha boa estrutura facilita a navegación ao usuario.
  • Non poña ligazóns co texto "prema aquí" ou "esta ligazón"; é preferible empregar ligazóns do tipo "iniciar a aplicación", "ampliar a novidade", "obter máis información"... xa que así queda claro o que se atopa despois.

Documentos para descargar

  • Evite, na medida do posible, documentos de MS Word (doc) para descargar ou de Writer (odt), xa que non todos os usuarios teñen o MS Office  ou OpenOffice instalado; empregue o formato RTF (formato de texto estándar), para os documentos de texto que deban ser modificados, ou o formato PDF.
  • Non coloque documentos para descargar sen indicar o tipo de arquivo e o tamaño que ocupa.

Documentos PDF

  • Os documentos PDF tamén teñen que cumprir os criterios de accesibilidade.
  • Se o arquivo PDF é creado directamente por procesadores de texto, é máis doado que sexa accesible.
  • Os documentos PDF que proveñen dun escaneado, precisan un proceso de OCR (Optical Character Recognition) para convertir as imaxes en texto.
  • O feito de que o PDF teña escaneada unha sinatura, un cuño ou o selo da entrada en rexistro non o oficializa, iso só se consegue se se asina dixitalmente. Se se quere incluir a data de entrada no rexistro, pódese engadir unha liña de texto ao final do documento, cumprindo a mesma funcionalidade e mellorando a accesibilidade.

Boas recomendacións para crear PDFs accesibles

  • O documento debe estar etiquetado. Para iso deberá ter unha estrutura lóxica, se se crea o texto cun procesador de textos, neste deberánse usar elementos estruturais (títulos de diversos niveis, viñetas…). O procesador de textos ten unha serie de estilos predefinidos (Título 1, Título 2, etc.) que permiten a creación dun mapa do documento coherente coa estrutura.
  • Debe ter unha ordeación lóxica da lectura. Esta ordeación pódese alterar se se empregan columnas, táboas, cadros de texto flotantes…
  • As imaxes deben ter texto alternativo. Nas propiedades da imaxes que se inclúen no procesador de textos é preciso especificar ese texto alternativo que se emprega para describir o contido da imaxe.
  • É preciso especificar o idioma do documento.
  • As táboas deben facerse coa inserción dun elemento de Táboa, non mediante o tabulador.

Contidos

  • Cando elabore os contidos teña en conta que non todos os usuarios dispoñen de banda ancha para acceder a eles, canto máis conciso sexa nos textos e menos ocupen os documentos e as imaxes, antes accederá aos contidos o usuario.
  • Non empregue as táboas máis que para incluir datos tabulados.

Multimedia

  • Os elementos multimedia superfluos deben eliminarse, especialmente todos os casos de información textual amosada como imaxe ou animación (coa excepción dos títulos que estean integrados nun gráfico comercial ou imaxe visual que teñan que formar parte da mesma).
  • As animacións (Flash) deben empregarse só para describir o funcionamento de procesos ou dinámicas de movemento. Debido ás restricións de ancho de banda e a que non se visualizan en moitos dispositivos móbiles, o emprego de arquivos de animación debe minimizarse no web.
  • A opción de executar automaticamente arquivos de son queda prohibida, a opción para difundir arquivos sonoros é a de colocalos para a súa descarga.

Código

  • Queda expresamente prohibido o emprego de efectos visuais mediante a inclusión de código Javascript ou applets de Java, ou a implementación de "pop-ups" ou páxinas emerxentes.
  • Se quere copiar un texto feito en MS Word, empregue a opción de Pegar dende MS Word [Páxina web con animación Flash, 466 Kb].
  • Antes de Publicar, é importante empregar a opción Limpar código HTML [Páxina web con animación Flash, 92 Kb] para evitar posibles erros de accesibilidade das páxinas.

Apariencia

  • Non intente establecer un xeito de visualizar as cousas, xa que os usuarios poden ter diferentes configuracións de pantalla, acceder dende distintos dispositivos, ter outros sistemas operativos, diferentes navegadores, etc. e pode variar o xeito de ver os contidos.
  • Non intente cambiar a apariencia das páxinas baseándose na súa percepción subxectiva, xa que podería non axustarse ao Manual de estilo de deseño web da USC.

Se ten calquera dúbida, póñase en contacto coa Oficina Web.