A Oficina de Relacións Exteriores (ORE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é un servizo administrativo que depende directamente da Vicerreitoría de Relacións Institucionais e cuxo obxectivo é dar resposta ás necesidades de estudantes, docentes e persoal da administración e servizos no ámbito da mobilidade nacional e internacional.
A ORE tamén se encarga da tramitación, rexistro e seguimento dos convenios de cooperación no ámbito académico, cultural e de investigación dos que é parte a USC.
Entre as competencias da ORE figura a xestión dos programas de mobilidade nacional e internacional. Os estudantes da USC reciben dende a ORE asesoramento e respaldo institucional nas diferentes fases da mobilidade; da mesma forma que ésta se encarga da recepción, acreditación e acollida dos estudantes de intercambio procedentes das universidades socias.
Polo que respecta á mobilidade nacional ofértanse 400 prazas de intercambio coa práctica totalidade das universidades españolas. Dentro do marco da mobilidade estudantil internacional, xestiónanse e convocan anualmente máis de 1200 prazas de intercambio con máis de 400 institucións de Educación Superior en todo o mundo entre os programas SOCRATES/ ERASMUS, os convenios internacionais, os acordos bilaterais de Intercambio ademais do programa de Estudantes Visitantes.
A USC ten unha arraigada tradición iberoamericana que se intensifica no ano 2004 co desenvolvemento do programa "Os Camiños da USC en América" que, ademais de reforzar a proxección iberoamericana, consolida á USC como bisagra institucional no ámbito iberoamericano de educación superior e que reflicte, na súa letra e espírito, a Declaración de Compostela, colofón declarativo da Conferencia Iberoamericana de reitores (USC, febreiro 2004).
A USC promoveu a creación dunha nova rede universitaria de ámbito europeo denominada Grupo Compostela de universidades, integrada nunhas 80 universidades de 25 países. Esta iniciativa ten o obxectivo primordial de aproveitamento dinámico do patrimonio cultural xurdido en torno ao Camiño de Santiago, entendido éste como fenómeno social que contribuíu decisivamente ao encontro do concepto e a personalidade de Europa. Este proxecto conta coa colaboración da Unión Europea, a UNESCO, a Xunta de Galicia e a Fundación Galicia-Europa.