Saltar ao contido principal
Inicio  »  Servizos  »  Programa de Formación e Innovación Docente  »  Matrícula e normas xerais

Matrícula e normas xerais

Persoas destinatarias

As actividades do  Programa de Formación e Innovación Docente (PFID) están destinadas ao Persoal Docente e Investigador (PDI) da Universidade de Santiago de Compostela que exerce ou colabora na docencia reglada: profesores/as dos corpos docentes universitarios e profesores/as contratados, investigadores/as contratados dos programas Parga Pondal, Ramón y Cajal ou investigadores/as Ángeles Alvariño e bolseiros/as-contratos predoutorais (FPI, FPU, María Barbeito, PREU).

    Para dar resposta ás necesidades dun colectivo tan amplo e diverso, o PFID establece unha oferta axeitada ás necesidades específicas dos grupos de destinatarios que se estrutura en diversas propostas:

    • Plan Xeral de Formación, está dirixido a profesores/as en activo e investigadores/as Ramón y Cajal e Parga Pondal con carga docente no POD do curso vixente.
    • Plan de Formación de Novéis, que se crea no curso 2010-11, está dirixido especialmente a investigadores Ramón y Cajal, Parga Pondal que non participan no POD, ou investigadores/as Ángeles Alvariño e bolseiros/as-contratos predoutorais (FPI, FPU, María Barbeito, PREU).
    • Formación a demanda: dirixido aos centros, coa posibilidade de que ata un máximo do 10% dos participantes sexan novéis, se así o determina o centro.
    • Proxectos de Innovación Educativa e exemplos de boas prácticas: dirixidos a profesores/as en activo ou grupos de profesores/as. Nos Proxectos de grupo poderán participar investigadores/as Ramón y Cajal e Parga Pondal con carga docente no POD do curso vixente.
    • Proxectos de creación de materiais didácticos dixitais para a docencia: dirixidos a profesores/as en activo o grupos de profesores/as. Nos Proxectos de grupo poderán participar investigadores/as Ramón y Cajal e Parga Pondal con carga docente no POD do curso vixente.

Matrícula

A lista completa de cursos dos plans xeral e de novéis e das actividades do plan a demanda, xestiónanse cunha aplicación informática localizada na sección da web denominada “Programación". Dende a dita sección pódense consultar os datos de cada curso (lugar, data e  horarios), descargar o programa seleccionando o nome do curso e preinscribirse. A programación de cursos e actividades estará aberta durante todo o curso (setembro a xullo) e a  oferta xeral pode sufrir variacións debido á incorporación de novos cursos ou pola baixa de cursos cando non se acade un número mínimo de persoas matriculadas.

Condicións do programa que afectan á oferta xeral, ao plan de novéis e ao plan de formación a demanda:

  • O período de oferta de cursos establécese entre setembro e xullo.
  • Os cursos que non cubran o 75% da matrícula ofertada anularanse, agás aqueles que leven práctica con ordenadores ou sesión de conversación en linguas, que terán un mínimo de dez persoas.

Procedemento de matrícula

A matrícula nos cursos do plan xeral e no plan de novéis e as actividades do plan a demanda, realízase a través de Internet. O enlace á  páxina de matrícula atópase en cada curso.

Unha vez aberta, a preinscrición pode facerse de dúas formas:

  1. Na pantalla do PFID, en cada curso aparece un apartado "Preinscrición", ao seleccionalo accédese á pantalla de identificación de usuarios, elixa Secretaría Virtual do PDI, e alí prema a opción "Inscribirme na actividade".
  2. Na Secretaría Virtual Docente, a través da sección de Matrícula e Actas selecciónase “Matrícula PFID” e aparece unha pantalla co perfil persoal que permite "Ir a oferta para matricularse".
  3. No caso de non ter credenciais de acceso á Secretaría Virtual ,consultar a ATIC (55555)

Gardada a matrícula, o sistema infórmalle da  preinscrición. A matrícula formalizarase desde o PFID de acordo coa orde de entrada da solicitude  e comunicaráselle con un correo a cada persona.

Límite do número de inscricións

  • Profesores/as en activo e investigadores/as Ramón y Cajal e Parga Pondal, poderán realizar ata un máximo de oito cursos en cada curso académico (incluíndo as actividades do plan a demanda).
  • Investigadores Ángeles Alvariño e  bolseiros/as-contratos predoutorais (FPI, FPU, María Barbeito, PREU) poderán realizar ata un máximo de catro cursos en cada curso académico (incluíndo as actividades do plan a demanda).

Renuncias

As persoas admitidas nun curso que non poidan asistir deberán comunicalo ao  PFID (vía e-mail), para poder ofertar a súa  praza ás persoas en lista de agarda. A renuncia debe ser feita cunha antelación mínima de tres días antes da data de inicio do curso.

Se non se renuncia nos térmos fixados anteriormente ou non se completa a asistencia mínima estipulada en cada curso (80% da duración total do curso), computará para os efectos de límite de cursos anual por usuario.

Certificados de asistencia e Diploma en Docencia Universitaria

Para o recoñecemento da formación docente dos profesores e investigadores contratados, a Universidade, ademais dos certificados de asistencia correspondentes a cada actividade, expide un Diploma acorde con cada un dos plans de formación (xeral ou de novéis). En ditos diplomas contabilizaranse os cursos do plan xeral, do plan de novéis e daquelas actividades a demanda encadradas na modalidade de Axudas para o desenvolvemento de actividades de formación en centros.

Este diploma será emitido a solicitude da persoa interesada, cando reúna o requisito de ter realizadas 100 horas de formación. Deste xeito:

  • Aos profesores/as en activo e investigadores/as Ramón y Cajal e Parga Pondal con carga docente no POD que teñan realizadas polo menos 100 horas de formación e así o soliciten, expediráselles o Diploma de Docencia Universitaria (DDU)
  • Aos investigadores Ramón y Cajal e Parga Pondal que non participan no POD ou Ángeles Alvariño e os bolseiros/as-contratos predoutorais (FPI, FPU, María Barbeito, PREU) que teñan realizadas polo menos 100 horas de formación e así o soliciten, expediráselles o Diploma de Docencia Universitaria para novéis (DDUN).

O interesado deberá solicitar a expedición deste diploma a través do correo electrónico, enviando un mail ao pfid@usc.es, indicando o nome completo, DNI  e especificando que se "solicita" a expedición do diploma en docencia universitaria.