
Beatus qui legit. Artigos periodísticos (1998-1999)
I Premio (1999)
Xesús Alonso Montero
2000, 96 páx., ISBN. 84-8121-848-0
PVP. 9.61 €
O xurado que concedeu o Premio Roberto Blanco Torres na súa primeira edición salientou nos traballos periodísticos de Xesús Alonso Montero a calidade formal e a erudición, a intelixencia e ponderada contribución á divulgación da literatura galega e moi especialmente a atención adicada á figura intelectual e significación histórica do xornalista Roberto Blanco Torres (1891-1936).

Un escritor nos xornais. Artigos periodísticos.
II Premio (2000)
Xosé Luis Méndez Ferrín
2001, 176 páx., ISBN. 84-8121-958-4
PVP. 13.22 €
Dende as páxinas do xornal Faro de Vigo, duas veces á semana, Xosé Luis Méndez Ferrín ofrécenos o seu pensamento libre, galeguista, orixinal e autónomo, ás veces tamén polémico, en dúas seccións fixas: Os camiños da vida e Segunda feira. O presente volume reúne, baixo o título Un escritor nos xornais, as colaboracións do escritor ó longo do ano 2000.

O novelo dos anacos e outros exemplos (2000-2001)
III Premio (2001)
Raimundo García Domínguez "Borobo"
2002, 325 páx., ISBN. 84-9750-123-3
PVP. 25.84 €
Raimundo García Domínguez "Borobo" falecido en 2003, foi o creador dun xénero especialmente orixinal no columnismo galego. Os seus célebres "Anacos", redactados na tensión diaria que caracteriza o traballo do xornalista , constitúen de seu unha crónica continuada do acontecer cotián, relato deslumbrante do día a día, tal que retallos de vida, que o autor detecta e ordena.

Á marxe. Palabra de escritor.(2 de xaneiro-10 de marzo de 2002)
IV Premio (2002)
Carlos Casares
2003, 93 páx, ISBN 84-9750-259-0
PVP 25.84 €
Velaquí unha novela aberta, tronzada pola morte repentina do seu autor: derradeiros fragmentos dun longo relato a través do cal o escritor establece unha nova forma de relación cos lectores debullada diariamente durante 14 anos por Carlos Casares (1941-2002) dende as páxinas de La Voz de Galicia. Estilo pulcro, accesible, consciente da pluralidade de públicos aos que se dirixía.

Barcos a Pique.
V Premio (2003)
Bieito Iglesias
2005, 136 páx. ISBN 84-9750-488-7
PVP 9.02 €
Recollidos neste libro, os textos de prensa que publicou Bieito Iglesias durante o ano 2003 en Tempos Novos e A Nosa Terra conforman no seu conxunto unha crónica do acontecer e, á vez, configuran un mosaico polifónico no que o autor refrenda que é dono dunha prosa literaria e xornalística - ou xornalística e literaria - de grande orixinalidade.
Conectando coa nosa mellor tradición narrativa, Bieito Iglesias amosa elegancia, honestidade intelectual e unha forte capacidade de comunicación. Esta orixinalidade non a perde agora, cando xa non ten urxencia da opinión pública. Porque todo o que non é actualidade de uúltimo impacto está vivo, ten valor sociolóxico e mantén o nervio ideolóxico

Palabras a Eito
VI Premio (2004)
Francisco Fernández del Riego
2005, 111 páx. ISBN 84-9750-520-4
PVP 9.02 €
Recollidos neste libro, os artigos publicados por Fernández del Riego semanalmente no suplemento "Culturas" do xornal La Voz de Galicia, baixo o título "De cotío", valórase a "personalidade e a calidade estilística do autor, a súa ollada aberta e universal sobre a cultura, o seu amor polo mundo do libro, atento non só ao discurso literario galego, senón tamén a outras linguas e outras literaturas, coas que establece un diálogo permanente e arrequecedor".

Crónicas inconformistas
VII Premio (2006)
Isaac Díaz Pardo
2006, 126 páx. ISBN 84-9750-776-2
PVP 12.00€
O autor destas Crónicas Incorformistas non é un periodista; é, sinxelamente, un cidadán que, de cando en vez, escribe nos periódicos, especiañmente nos últimos anos, un tempo cheo de graves ameazas e de desfeita de valores, sobre todo, dos valores clásicos. É preciso que o lector repare nesta idea: Isaac Díaz Pardo, que non é periodista, é un cidadan que escribe nos periódicos. Díaz Pardo, o cidadán, asómase semanalmente ás páxinas da prensa diaria para facer oír a súa voz de cidadán, de cidadán que, vivindo e respirando na cidade percibe, con lucidez, que a cidade está contaminándose, cada vez máis. Díaz Pardo, ao falar da contaminación (física e moral) non só a detecta e a denuncia, senón que examina as súas circunstancias, sinala as súas causas e alértanos sobre as consecuencias.

Perigosamente normais
VIII Premio (2007)
Anxos Sumai
2007, 115 páx. ISBN 978-849750-921-3
PVP 12.00 €
Os novos medios son para Anxos Sumai novos retos, camiños anovados para ampliar a súa base de lectores, plataformas nas que experimentar as posibilidades da escrita e de explorar novas dificultades e posibilidades narrativas. O blog, a radio, a web, supoñen novos usos da linguaxe porque a relación coa audiencia muda e porque tamén varían as posibilidades narrativas ao quedaren constrinxidas polas limitacións de tempo ou de espazo,que non só poden acurtar aínda máis o relato curto, senón que mesmo lle poden poñer límites que condicionen a forma de narrar a historia.