A radiación solar que chega á superficie da terra é a causa dos ventos, da evaporación das augas superficiais, da circulación das correntes oceánicas, da formación de nubes e chuvia, da existencia de ecosistemas e a vida mesma. Resulta fundamental para a comprensión do clima e a variabilidade climática.
Ademais unha correcta caracterización da radiación solar promove o uso intelixente dos recursos naturais proporcionando infraestruturas de paneis fotovoltaicos ou sistemas solares térmicos cunha mellor optimización da situación, instalación, rendemento e xestión.
Os instrumentos que miden a radiación solar que chega á superficie da terra, a irradiancia, son os piranómetros. O proceso de calibración destes instrumentos faise necesario para garantir unha alta exactitude da medida.


No proceso de calibración dos piranómetros o laboratorio segue as recomendacións e esixencias da ISO 9847 "Solar energy- Calibration of field pyranometer by comparison to a reference pyranometer". O método utilizado é o de comparación cun patrón de referencia que cumpre con todos os criterios de especificación para un piranómetro estándar secundario proporcionados na ISO 9060:1990 "Solar energy - Specification and classification of instruments for measuring hemispherical solar and direct solar radiation". Concretamente, o LACEM realiza a calibración ao aire libre, sobre superficie horizontal, sen seguimento solar e baixo dúas condicións de ceo distintas; ceo despexado ou ceo pouco nubrado.
O Alcance da Actuación en Irradiancia Solar Global é o seguinte:
SENSORES: Piranómetro
PROCEDEMENTO: Comparación ao aire libre.
RANGO: De 0 a 1500 W/m2 (Rango espectral de 200 a 3600 nm)
PATRÓN: Piranómetro Estándar Secundario ISO 9060.
NOTA: Segundo a clasificación definida na "Guía para os instrumentos meteorolóxicos e métodos de observación", da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), o piránometro de referencia é catalogado como de "Alta calidade". A clasificación da OMM é unha adaptación da norma internacional ISO 9060 (1990), "alta calidade" considérase como "estándar secundario".