A USC conta cun Plan Estratéxico para desenvolver ata 2010, e entre os dez obxectivos estratéxicos fixados para o eido da docencia, recóllese o de “Normalizar e promover o uso da lingua galega na función docente”.
O 16 de outubro de 2002 o Claustro aprobaba o Plan de Normalización Lingüística da USC, como primeiro desenvolvemento do dito Plan Estratéxico. Nel indícase expresamente que “o proceso de normalización da Universidade de Santiago de Compostela debe contar como peza chave cun incremento significativo e progresivo no uso do galego nas tarefas propias do PDI”.
No referido ao ámbito do persoal docente e investigador fíxanse tres obxectivos principais, aos que se subordinan 23 medidas:
1. Promover a adquisición de coñecementos de lingua galega e a mellora da calidade lingüística do persoal docente e investigador.
2. Consolidar a lingua galega como un dos idiomas instrumentais da docencia.
3. Incrementar o emprego da lingua galega nas tarefas de investigación e divulgación dos coñecementos científicos.
Ademais, as Liñas xerais da programación plurianual 2007-2010, aprobadas no Claustro Universitario do 31 de maio de 2007, inclúen o obxectivo de reducir a distancia entre a Universidade como cúpula do sistema educativo e formativo e o resto do sistema educativo galego, en canto ao uso do idioma propio como mecanismo vehicular de educación. É dicir, de aproximar o uso do galego nas aulas da USC ás ratios do bacharelato.