Saltar ao contido principal
Inicio  »  Servizos  »  Servizo de Prevención de Riscos  »  Servizo de Vixilancia da Saúde  »  Asistencia médica

Asistencia médica

É importante a clarificación dos seguintes conceptos dentro das prestacións médicas do Servizo de Vixilancia da Saúde:

Accidente de traballo

Enténdese por accidente de traballo toda lesión corporal que sufra o traballador con ocasión ou por mor do traballo que realiza. Así, entran dentro do concepto de accidente de traballo:

  • Os acontecidos durante a hora de traballo e no lugar de traballo.
  • Os que ocorran ó ir e ó voltar do traballo: “a ccidentes in itinere”.
  • Os que teñan lugar durante o desenvolvemento de funcións sindicais ou de goberno de entidades xestoras ou nos desprazamentos correspondentes.
  • Os acontecidos ó realizar actos de salvamento ou semellantes, se están relacionados co traballo.
  • As complicacións que acontezan como consecuencia do accidente de traballo, o agravamento de enfermidades ou defectos preexistentes, ou aparición doutras  como consecuencia do accidente de traballo.
  • Os accidentes sufridos polos traballadores emigrantes nas súas viaxes.
  • Os accidentes sufridos por mor do exercicio parlamentario, así como os ocorridos ó ir ou volver da sede do parlamento do Estado español. Igualmente se se trata de parlamentarios de comunidades autónomas, e tamén ó exercer funcións do goberno do Estado e das comunidades.

Enfermidade profesional

É aquela que se contrae como consecuencia directa do traballo realizado. Na lexislación española requírese que esa enfermidade profesional apareza incluída na relación oficial de enfermidades profesionais, e sexa causada pola acción específica dos elementos ou substancias nocivas que sexan recoñecidas pola regulamentación vixente (Lei xeral da seguridade social e actualizacións posteriores).

O 23 de xullo de 1962 a comisión da CEE  solicitou ós estados membros adopta-la Lista Europea de Enfermidades Profesionais. Esta recomendación foi acatada por España para  confecciona-la Lista Española de Enfermidades Profesionais.

Para poder consulta-la lista de enfermidades profesionais propoñémo-lo seguinte enderezo do Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el trabajo.

Enfermidades relacionadas co traballo

Son as chamadas tamén enfermidades indirectamente profesionais. Non teñen a súa orixe no traballo pero a súa aparición é facilitada por este, e poderían clasificarse como accidente de traballo nun momento determinado.

Nas prestacións realizadas polo Servizo de Vixilancia da Saúde inclúense:

  • Asistencia médica por accidente laboral, con ou sen baixa, incluíndo os accidentes “in itinere”.
  • Consultas por enfermidade común ou consultas urxentes dos traballadores presentadas en horario laboral .
  • Control da tensión arterial.
  • Análises: realízanse análises de sangue, ouriños, feces, exudados, microbiolóxicos, en relación coas consultas que se poidan facer durante o horario laboral ou as derivadas dos recoñecementos médicos. Para isto contamos coa inestimable colaboración do Laboratorio Central e de Microbioloxía do  “Hospital Clínico Universitario”.
  • Análises especiais que permiten o control biolóxico da exposición no lugar de traballo.
  • Espirometrías, electrocardiogramas, estudios de visión.
  • Curas e asistencia no caso de queimaduras, golpes, cortes e pequenas feridas.
  • Administración de inxectables (previamente prescritos polo seu médico nunha receita).
  • Recollida de datos antropométricos.
  • Control de dietas.
  • Extracción de tapóns de cerume.
  • Tratamento de fisioterapia:
    • Fisioterapia rehabilitadora.
    • Recomendacións adaptadas ó posto de traballo