Vacinas
No Servizo dispoñemos de vacinas e da información que precise sobre elas. Ademais
facilitamos un
carné
de vacinación no que se anotan as doses postas e as previstas. As vacinas son
seguintes:
- vacina antigripal
- vacina do tétano
- vacinación da difteria
- vacina da rubéola
- vacina da hepatite B
- outras vacinas
As enfermidades infecciosas foron unha importante causa de morbimortalidade ó longo da
historia. Dada a gran variabilidade dos axentes infecciosos, o sistema inmunolóxico produce
diferentes tipos de resposta co fin de controla-lo maior número de infeccións posibles. As
respostas do organismo ante un axente patóxeno divídense clasicamente en dúas categorías:
-
resposta innata, que non require un contacto previo co patóxeno.
-
resposta inmune adaptativa, que é máis específica e que necesita dun contacto previo co
axente patóxeno.
No tempo actual a mortalidade a causa destas enfermidades nos países desenvolvidos diminuíu
notablemente gracias ás campañas de saneamento, illamento e vacinación postas en marcha. Está
comprobado que a prevención a través das vacinas é un método eficaz na loita contra determinadas
enfemidades (erradicación da varíola).
Vacinación antigripal
A gripe é un dos problemas epidemiolóxicos máis frecuentes da nosa época:
- A gripe é producida por un virus do xénero dos influenzavirus que afecta sobre todo ás vías
respiratorias superiores, ocasionando un cadro clínico con síntomas xerais, benigno e autolimitado,
agás en poboacións de risco.
- A principal fonte de infección constitúena os enfermos, e durante os tres primeiros días da
enfermidade a posibilidade de contaxio é máxima. O virus é moi sensible ós axentes externos,
polo que o mecanismo de transmisión é sempre directo.
- Os factores climáticos (baixa temperatura, humidade) facilitan a transmisión ó favorece-lo
amoreamento das persoas. A fácil transmisión do virus explícase pola súa alta concentración nas
secrecións orofarínxeas e a baixa dose infecciosa necesaria.
- A época de vacinación é, habitualmente, a principios de outono, e adáptase ó calendario oficial
da vacinación.
Indicacións. Recoméndase especialmente nos seguintes grupos de risco:
- persoas que padecen afeccións pulmonares crónicas: bronquite, enfisema, asma, bronquiectasia,
tuberculose, fibrose e outras
- persoas que padecen afeccións cardíacas crónicas: enfermidade cardíaca hipertensiva e valvular
e outras
- persoas que padecen afeccións renais crónicas: nefrite, insuficiencia renal e outras
- persoas que padecen outras enfermidades crónicas: diabete mellitus, lupus eritematoso, hepatite
e outras
- persoas con terapia inmunosupresora
- persoas expostas a un risco elevado de contaxio por calquera razón: servizos de asistencia ó
público, profesores, sanitarios, outros
- persoas maiores de 65 anos
Contraindicacións para a administración da vacina
- Enfermidade febril ou infección aguda.
- Hipersensibilidade ó ovo ou ás proteínas do polo.
- Hipersensibilidade a algún dos compoñentes da vacina.
- En caso de embarazo, consulte ó seu xinecólogo.
Efectos secundarios
-
Reaccións locais no lugar da inxección: arroibamento, inflamación e endurecemento da
zona.
-
Reaccións sistémicas: febre, malestar, calafríos, cansazo, dor de cabeza, dor muscular,
cadro pseudogripal, que adoita durar dun a dous días, e non necesita tratamento.
- Máis raramente poden aparecer reaccións alérxicas que adoitan ser graves: vasculite, trastornos
neurolóxicos e diminución transitoria das plaquetas.
Vacinación do tétano
O tétano é unha enfermidade producida polo
Clostridium tetani, que é un bacilo grampositivo e anaerobio. Pode presentarse en forma
vexetativa ou esporulada, amplamente distribuídas, en forma de esporas, no lixo, esterco, metais
oxidados e material contaminado con feces humanas e animais.
- As formas vexetativas do bacilo poden inactivarse pola calor e desinfectantes e son destruídas
por algúns antibióticos. Sen embargo, as esporas son altamente resistentes á desinfección química,
e poden sobrevivir en auga fervendo entre varios minutos e unha hora. Poden, ademais, sobrevivir en
solos secos durante anos.
- A enfermidade aguda é producida por unha exotoxina do bacilo tetánico que prolifera en medios
anaerobios no sitio da lesión. O período de incubación é de entre tres e vinteún días, cunha media
de dez días, aínda que pode chegar a meses, e caracterízase pola aparición de signos inflamatorios
locais na porta de entrada da infección, febrícula, contracturas e espasmos musculares.
- A distribución do tétano é mundial. En España houbo un descenso de infeccións e mantense
estable desde 1985, nos últimos anos foron detectados unha media de 50 casos por ano. A pesar da
diminución da incidencia da enfermidade, a letalidade é elevada, oscila entre un 30%e o 90%, o que
dá unha especial importancia á enfermidade.
Indicacións.- recoméndase a vacinación antitetánica para toda a poboación (nenos e
adultos). É de particular interese en:
- servizos de xardinaría
- agricultores
- tódalas persoas que teñan relación co campo ou con animais (profesores, persoal de
laboratorio…)
Contraindicacións para a administración da vacina
- Enfermidade febril ou infección aguda.
- Alerxia a algún dos seus compoñentes.
- Antecedentes de trombocitopenia ou complicacións neurolóxicas despois dunha vacinación anterior
fronte ó tétano.
- O embarazo e a lactancia non son contraindicacións da vacinación.
Efectos secundarios
-
Reaccións de carácter local
: arroibamento, inflamación, dor no lugar da inxección. Tamén pode haber inflamación
dos ganglios linfáticos locais, pero isto é máis frecuente en personas hiperinmunizadas.
-
Reaccións sistémicas
: son pouco frecuentes e van desde a dor de cabeza a calafríos, febre, artralxias,
mialxias...
Vacinación da difteria
A difteria é unha enfermidade bacteriana aguda localizada con maior frecuencia na rexión
orofarínxea.
- O período de incubación é de dous a cinco días. Afecta con maior frecuencia a nenos menores de
15 anos, pero tamén a adultos non vacinados.
- En España, a incidencia declarada disminuíu. Pola contra, en diversos puntos da rexión europea
houbo un renovo nos últimos anos (Moscova, Polonia, Bulgaria, Dinamarca, Alemaña).
- É unha vacina incluída no calendario infantil de vacinacións. Na actualidade recoméndase
continua-las vacinacións no adulto xuntamente coa vacina antitetánica.
Indicacións. Recoméndase a vacina para tódalas persoas (nenos e adultos).
Contraindicacións para a administracción da vacina
- Enfermidade febril ou infección aguda.
- Alerxia a algún dos compoñentes.
- Antecedente de trombocitopenia ou complicación neurolóxicas despois dunha vacinación anterior
de tétano/difteria.
Efectos secundarios
Os efectos adversos debidos ó compoñente diftérico son escasos, limitándose a síntomas locais e
sintomatoloxía xeral leve. No neno maior e no adulto existe o risco de reaccións sistémicas ou de
hipersensibilidade, polo que a dosificación é menor.
Rubéola
A rubéola é unha enfermidade vírica exantemática que habitualmente se padece en idade infantil
sen complicacións. A súa importancia vén determinada pola afectación do embrión nos primeiros meses
da xestación cando a padece a muller embarazada.
A vacina da rubéola está incluída no calendario das vacinacións infantil, (ós 15 meses para
nenos e nenas; ós 12 anos para as nenas).
É recomendable que toda muller en idade fértil teña defensas (anticorpos) que lle protexan
contra esta enfermidade e, se non os tivese, saría aconsellable a vacinación (para evitar
padecer a rubéola durante un posible embarazo). Despois dunha vacinación contra a rubéola é
importante evita-lo embarazo durante tres ou catro meses.
A vacinación consiste nunha soa dose no momento elixido, logo do estudio analítico dos
anticorpos para comprobar que a interesada non padeceu a enfermidade. Hai que ter en conta que
moitas veces a enfermidade é asintomática, e a interesada non se entera de que a está
padecendo.
Efectos secundarios
As reaccións adversas de tipo severo son raras. Pode ocasionalmente provocar exantema (lesión
cutánea) e linfoadenopatías. Tamén poden aparecer artrite ou artralxia trala vacinación. De tódolos
xeitos a frecuencia e severidade as reaccións adversas son sempre menores cás provocadas pola
enfermidade natural.
Vacinación da Hepatite B
A hepatite B é unha enfermidade vírica cun longo período de incubación entre corenta e cento
oitenta días, período en que a enfermidade xa se pode transmitir.
- O virus da hepatite B pode sobrevivir exposto ó aire durante máis dunha semana.
- A vía de transmisión máis importante é o sangue, pero tamén outros fluídos corporais son
potencialmente infecciosos, como o seme, saliva, suor, bágoas, leite, ouriños…
- A hepatite B é recoñecida como enfermidade de transmisión sexual, e hoxe por hoxe considérase
esta como a vía de transmisión máis importante en áreas de baixo endemismo.
- A hepatite B constitúe na actualidade un importante problema de saúde pública a nivel mundial,
debido á alta prevalencia da enfermidade nalgunhas zonas e á posibilidade de desenvolvemento de
formas crónicas graves.
- Por outra banda, o virus da hepatite B parece que está moi vinculado co cancro hepático,
sobre todo en pacientes portadores crónicos de HbsAg. Esta relación é especialmente importante
nalgunhas rexións de Asia e África.
- A vacina da hepatite B está indicada en tódalas persoas que teñan o risco de contrae--la
enfermidade.
Indicacións. Como
risco laboral na Universidade considérase que a vacina da hepatite B está indicada
en:
- persoas que traballen en institucións sanitarias expostas a contactos co sangue, e/ou productos
biolóxicos
- persoal profesional de laboratorios onde se manexen mostras de productos biolóxicos
- gardaría
Contraindicacións para a administracción da vacina
- Alerxia a algún dos compoñentes da vacina.
- Infeccións febrís graves.
- Estado cardiopulmonar gravemente comprometido.
Efectos secundarios
-
Reaccións locais: polo xeral tolérase ben, pero pode terse unha lixeira dor, arroibamento
e induración.
-
Reaccións sistémicas:
- ocasionalmente: cadro pseudogripal, vertixe, dor de cabeza, vómitos, diarrea, dor
abdominal, dispepsia, probas de función hepáticas normais, erupcións cutáneas, picor...
- outros efectos máis raros
Outras vacinas
Ademais das vacinas habituais, en situacións concretas, viaxes, por exemplo, aconséllanse outras
vacinacións dependendo das enfermidades endémicas que haxa no país de destino. Entre estas podemos
citar:
- hepatite A
- febre amarela
- outras