Para referenciar esta páxina empregue o enderezo: http://www.usc.es/sur

Os colexios e residencias da USC conforman o chamado Servizo Universitario de Residencias (SUR), que ten o seu sistema xurídico recollido no Regulamento aprobado, o 14 de xuño de 1998, pola Xunta de Goberno desta Universidade e, por outra parte, nos Regulamentos de Réxime Interno de cada centro.
Forman parte do SUR os Colexios Maiores "Rodríguez Cadarso", "San Clemente" e "Fonseca", e as Residencias Universitarias "Burgo das Nacións" e "Monte da Condesa", situados todos eles no Campus de Compostela, así como a Residencia Universitaria "Jesús Bal y Gay", situada no Campus de Lugo. O equipo directivo de cada un destes centros está constituído por un director ou directora e polos subdirectores ou subdirectoras correspondentes.
O SUR proporciona aloxamento ó estudiantado e demais membros da comunidade universitaria, así como a outras persoas que, aínda que non pertenzan a esta Universidade, participen nas actividades organizadas por ela. Ademais de proporcionar aloxamento, o SUR promove a formación integral de residentes e colexiais, a través da realización de actividades culturais, sociais e deportivas. Para apoiar isto a Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua, no primeiro trimestre de cada curso académico, convoca e adxudica bolsas de colaboración (biblioteca, informática, socio-culturais, deportivas, etc.), ás que poden acceder residentes e colexiais.
A estes efectos, a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua publica anualmente as bases das convocatorias de prazas de aloxamento (ó redor de 1500) para estudantes de grao, master, 1º, 2º e 3º ciclo, Investigadores en formación, estudantes de posgrao, profesorado e persoal de investigación, PAS, visitantes, estudantes de programas de intercambio e estudantes con necesidades especiais. A convocatoria para o curso académico publícase no mes de xuño, abrindo un proceso que remata coa adxudicación definitiva das prazas no mes de setembro. Esta convocatoria, que ten que ser aprobada polo Consello de Goberno, contén, entre outros aspectos, os criterios de admisión, baremo e número de prazas dispoñibles para cada sector da comunidade universitaria. A convocatoria de verán publícase en maio e remata a primeiros de xullo.
Os prezos das habitacións son iguais en tódolos centros do SUR, en razón do tipo de habitación (individual ou dobre). As prazas de estudantes están subvencionadas en función da renda dispoñible do solicitante de acordo a cinco niveis. Para as rendas que sobrepasan determinado tope os prezos son sen subvención.