Saltar ao contido principal
Inicio  »  Servizos  »  Servizo Universitario de Residencias  »  Aloxamento para visitantes

Aloxamento para visitantes

Normas de xestión para aloxamento de visitantes no Servizo Universitario de Residencias

Aos efectos desta normativa, Visitante é toda persoa que, non sendo membro da nosa Comunidade Universitaria, ven realizar algunha actividade docente, investigadora ou cultural na USC. Queda excluído o estudantado matriculado en estudos conducentes á obtención de titulacións de grado ou de posgrado e CAP ou equivalente.

  1. As solicitudes de reserva realizaranse mediante o modelo aprobado pola Vicerreitoría con competencia na materia, cumprimentado en todos os seus apartados -nome do visitante, tipo de cuarto, data de entrada e saída, etc.- que se enviará por correo electrónico á dirección que nel figure.
  2. Poderán facerse a través de calquera das estruturas orgánicas da Universidade (Facultades, Escolas Universitarias, Departamentos, Institutos,...).
  3. A Sección de Servizos á Comunidade Universitaria do Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado, poñerase en contacto co solicitante, tamén a través do correo electrónico, para comunicarlle en que colexio maior ou residencia se lle concede a reserva ou a imposibilidade da concesión, ben por non dispor de prazas vacantes ben por non axeitarse a petición a estas normas.
  4. O importe do aloxamento será abonado polo Departamento, Instituto, Facultade ou Escola que realizou a reserva, ou polo propio interesado.
    • No primeiro caso, o responsable económico do centro de gasto deberá enviar, coa maior brevidade posible, a folla de pedimento debidamente cumprimentada coa autorización da retención do gasto, á administración do colexio maior ou residencia asignado. Contra esta folla expedirase o correspondente cargo interno.
    • Se o importe do aloxamento corre a cargo do interesado este deberá abonalo o primeiro día da súa estancia, segundo se indica de seguido:
      1. Na administración do centro onde lle foi concedida a praza, por medio de tarxeta de crédito.
      2. Co impreso de pago normalizado que se lle facilitará no propio centro.
      3. No caso de que a entrada no Centro se realice en sábado, domingo ou festivo, o visitante, previamente á súa chegada, deberá abonar o custo do aloxamento mediante:
      4. Transferencia bancaria á conta desta Universidade nº 2091 0388 98 3110001172 de Caixa Galicia, Oficina Principal, Santiago de Compostela.
        O xustificante da transferencia entregarao ao persoal de servizo ese día no Centro.
  5. No caso de anulación da reserva, que se fará por correo electrónico, non se efectuará ningún cargo se se comunica cunha antelación mínima de 7 días. De non mediar dita comunicación que xustifique a anulación, o custo completo do aloxamento será abonado por quen efectuou a reserva quen, á súa vez, farase responsable dos problemas que poidan xurdir.
  6. Os prezos, que como norma xeral serán revisados anualmente, son os que figuran como Anexo I a estas normas.