Título: La dieta atlántica. El pescado y las algas. Su importancia en el neurodesarrollo y la función cerebral
Autor: Rafael Tojo Sierra e Rosaura Leis Trabazo
Editorial: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC
Lugar e ano: Santiago de Compostela 2009
No libro La dieta atlántica. El pescado y las algas. Su importancia en el neurodesarrollo y la función cerebral, que se presentou este venres en San Xerome, faise unha rigorosa revisión da evidencia científica sobre un área tan transcendente para a saúde como é o desenvolvemento e a función cerebral e as súas patoloxías durante todo o ciclo vital a través do estudo dalgunhas das excepcionais propiedades dos máis xenuínos produtos da Dieta Atlántica, os produtos do mar.
A publicación comeza cunha contextualización histórica, da dieta dos homínidos á dieta occidental actual, analizando as repercusións sobre a saúde e o benestar. Continúase contrapoñendo a dieta occidental á atlántica tomando como referencia o caso tradicional de Galicia e da súa pesca e acuicultura. Dedícaselle tamén capítulos destacados ao estudo da calidade nutricional de peixe, moluscos, crustáceos e algas e ao papel dos ácidos graxos Omega-3.
Antes de presentar as conclusións, Tojo e Leis analizan noutro capítulo os riscos potenciais do consumo de produtos procedentes de áreas de importante contaminación mariña. O libro conta tamén cun apartado de anexos onde se describen os compoñentes nutricionais destes produtos e as especies coas que debemos ter precaución no consumo, en especial a muller embarazada, a lactante e os nenos.