Páxina da USC
Instituto de Ciencias da Educación
I.C.E.
Páxina do ICE
 

Inicio >> ICE >> Iniciativas >> Outros >>Publicación Memoria ICE-USC 2002-2006

 
 
 
 
 

Publicada Memoria ICE-USC 2002-2006

Portada Memoria

Introdución do Director do ICE-USC

Quen teña a xentileza de enxergar as páxinas que seguen poderá coñecer, repasar ou mesmo albiscar, dependendo do seu grao de curiosidade, ou da súa dispoñibilidade para tales mesteres, a dinámica da presenza pública levada a cabo polo Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela desde o ecuador do ano 2002 ata a metade deste 2006 polo que andamos.

Velaí, pois, o relato, suficientemente condensado, do noso compromiso coa educación en Galicia a través do traballo feito no único Instituto Universitario co que aínda hoxe conta o país nos eidos da formación do profesorado e da investigación educativa. O que si temos nos principais Campus son Departamentos relacionados coas Ciencias da Educación, cos que nos une un permanente afán de colaboración e complementariedade.

Naturalmente, o que se presenta, cunha extensión obrigadamente curta, é a referencia das ideas, programas, accións e publicacións que, a modo de iniciativas propias ou compartidas, puidemos desenvolver ao longo destes últimos anos grazas a implicación de moitas mulleres e homes, profesionais de amplo e variado perfil académico que co seu saber, maioritariamente ateigado de entusiasmo, lograron marcar e cumprir propósitos de avance á altura das circunstancias que hoxe debuxan os sobranceiros retos da educación, entre outros: a lingua galega na educación e na sociedade, mellora da calidade, atención á inmigración, xestión pedagóxica das novas tecnoloxías, cambio curricular, espazo europeo da educación superior, escola e educación social, novas aprendizaxes e competencias no mundo do traballo, educación para a cidadanía, ou a motivación dos profesores.

Adianto xa o recoñecemento a todas as persoas e institucións que teiman en percibir as posibilidades reais de artellar boas ideas e proxectos desde unha instancia tan vencellada ao progreso do coñecemento educativo, pero tamén ás magníficas prácticas que realizan centos de mestras e mestres, de profesoras e profesores, de educadoras e educadores nas aldeas, vilas e cidades desta vizosa parte de Europa.

Sen dúbida, é moito o que queda por facer. Non obstante, non deberíamos esquecer que a motivación dos humanos aliméntase daquelo co que nos imos identificando, procurando unha imaxe de axentes efectivos dando pulo a obxectivos valiosos. E aí onde ten que agromar a conciencia do que é posible facer, pois dispomos de evidencia sobrada sobre o que chegamos a abranguer cando abrimos canles de participación, e de produción, na esfera pública da sociedade que contribúe a que sexamos e permanezamos.

Permítaseme a licencia desa obviedade que a unhas situacións se pode aplicar máis doadamente que a outras. Os mellores alicerces do ICE, rebasando os trinta e cinco anos de vida, seguirán xurdindo da empírica vontade de traballar arreo, abrindo pistas nas que a mellor pedagoxía poida remontar e aterrar o voo da súa imprescindible exploración encol do avance educativo na sociedade galega; iso sí, compartindo, colaborando e ofrecendo soporte tanxible a quen teñan a amabilidade de agasallar con novos vieiros por onde discorrer máis programas que sexan de utilidade á universidade, ao conxunto do sistema educativo e ao país.

Coido, con toda modestia, que o contido desta Memoria amosa elementos de análise e de reflexión suficientes sobre o que pretendía subliñar no parágrafo anterior: ver ao ICE como portal de encontro para todos os investigadores e profesionais da educación, independentemente do nivel de ensino, escalafón administrativo ou ámbito de especialización didáctica. Nos seus diminuídos espazos físicos sempre tiveron acubillo grandes ‘empresas’, que o foron e o serán sempre cando axustan ideas e enerxías, sementando folgos para continuar crendo na forza epistemolóxica e no poder transformador da educación. O que non é de recibo histórico é conxugar os discursos sobre a prospectiva educativa desta terra descoñecendo o que, con moi modestos medios, ten aportado este Instituto Universitario desde Compostela.

Precisamente por iso, as súas posibilidades de órgano catalizador para continuar afondando no desenvolvemento educativo de Galicia seguen agardando decisións que nos homologuen con latitudes coas que desexamos converxer. Fuxindo de evocacións retóricas, todos somos razoablemente responsables de consensuar políticas educativas dignas dunha democracia que avanza pero que aínda ten arranxos pendentes no seu percorrido cívico. A intelixencia social aplicada neste eido do coñecemento recomenda levar adiante aquelas medidas que comporten mais aproveitamento dos recursos económicos e das infraestruturas xa existentes.

Se Galicia precisa dun Instituto de referencia para o estudo da administración, innovación e avaliación educativas, e mesmo para facer boa investigación, coa ineludible axuda dos profesores que non traballan na universidade, estou seguro de non ser o único en pensar que o ICE-USC estaría polo labor de contribuir, mancomunadamente coas outras universidades de Galicia, a crear ese organismo e a dotalo de contido e de sentido práctico, na celmosa dimensión que interesa ao futuro dos asuntos educativos para mellor formación da cidadanía nun mundo globalizado. Tampouco se trata de ningunha novidade, pois tal idea foi obxecto de proposta institucional (San Xerome dixit hai algo mais dun lustro). Volvémola lembrar porque estamos convencidos do seu potencial para o progreso da calidade educativa por estes pagos, e porque, sinxelamente, somos inasequibles ao desalento. Nada hai, nin pode haber, nesta materia, usando os versos de Tennyson, sen a teimuda porfía capaz de vencer todas as frustracións para seguir aventando os mellores remedios posibles diante das irredentas dificultades.

E se de vencer frustracións se trata, agora chegou o momento de rematar cunha que se pode representar mesturada coa perplexidade e o paradoxo. Facendo investigacións como as que leva feito ao longo e ancho de tres decenios (cunha vizosa colección de libros rotulada, xustamente, “investigación educativa”), resulta que este Instituto non conta nos rexistros oficiais como instituto de investigación, senón como instituto universitario sen máis. No seu descargo, tal vez o abano de tarefas e labores abranguidas poida explicar o apocado ritmo dese degoiro.

Xa que logo, neste intre, lonxe xa dos outeiros minados de incomprensión, temos que dar os pasos precisos cara a definitiva configuración do ICE como Instituto de Investigación Educativa. Alomenos contamos co sentir favorable da nosa máxima autoridade reitoral, expresado coas mesmas palabras en distintas comparecencias, razón dabondo para sermos optimistas de cara aos vindeiros anos. Por celo investigador non vai quedar, e para mostra chega coa referencia á convocatoria feita polo mesmo ICE este 2006, e que supón a inmediata activación de doce proxectos de investigación (non cinguidos exclusivamente ao ámbito das ciencias da educación) a realizar nos dous vindeiros anos, que se suman, loxicamente, aos que se están desenvolvendo na actualidade.

Esta Convocatoria é pioneira entre os ICEs das universidades españolas. Polo seu alcance no eido universitario e non universitario, erguendo pontes de comunicación entre ideas e persoas que investigan nos diferentes niveis de ensino e nas distintas modalidades da intervención educativa, e mesmo garantindo a presencia estratéxica deste Instituto en vindeiras iniciativas de envergadura instructiva para a a sociedade galega.

A Memoria que agora ofrecemos á comunidade universitaria e educativa en xeral culmina outra andaina do Instituto, na modesta opinión de quen asina chea de fiestras abertas para enxergar posibilidades de poder xuntar aínda máis vontades. Así pois, nesta solaina temporal apetece lembrar nomes que teñen dado folgos á viaxe realizada. Empezando polo Reitor Senén Barro, ao que recoñecemos alto sentido institucional e agradecemos o respecto e autonomía coa que temos planificado e tomado as decisións que criamos mellores para o futuro do ICE. O seu apoio ás iniciativas presentadas deunos alento e seguridade.

Desde logo, nada sería posible á marxe do magnífico labor do persoal de administración e servizos (con Elvira Rodríguez e Mónica Requeijo sempre á frente, e coa aportación de Nélida Francos, Esther Sar, Victoria del Río, María Luisa del Río, Pepe e Ana María Cunqueiro, e Rafael Varela, entre outros), e do persoal docente e investigador que aquí desenvolve tarefas e funcións nas que apoiar unha engranaxe académica que, aínda complicándose por momentos, tamén fornece de agradables sensacións no plano das relacións humanas.

Grazas a todas as persoas que teñen axudado a que sigamos estando onde sempre quixemos que estivera o ICE desta gran Universidade. Non podería esquecer a ninguén porque todas e todos foron espléndidos proveedores de ideas, proxectos e marcos de acción. Xunto á amizade e o compromiso amosado por José Manuel Vez, tiven a ledicia de contar coa confianza de Felicidad Barreiro, María José Méndez, Mar Lorenzo, Celso Rodríguez, Ana Porto, Euloxio Pernas, Beatriz Cebreiro e Carmen Fernández. Non esquezo, naturalmente, o traballo realizado por Carmen Morán, Pepe Armas, Pepe Mendoza, e Bieito Silva, Profesores do Instituto, xunto con Manuel Antonio Fernández (coordinador do Taller de Educación Ambiental), tanto no eido da formación do profesorado de ensino secundario como no propiamente investigador. E tampouco ás bolseiras e persoal de investigación (Begoña Gómez, Carmen Cambeiro, Diana Priegue, Nuria Abal, Lucía Maquieira, Charo Castro e Sonia Basanta) que tanto teñen mesturado a atención aos seus proxectos co labor de atender eficazmente aos moitos asuntos que nestas paredes demandan a cotío unha resposta rápida.

O paso do tempo non esmorece senón que fai medrar a satisfacción pola oportunidade de compartir non poucos proxectos e bastantes ilusións coas profesoras e os profesores da nosa universidade que teñen feito do ICE o que, afortunadamente, sempre foi e todos confiamos que siga sendo: unha casa de estudo incondicionalmente aberta ás ideas e ás vontades que só queren o mellor para a Universidade de Santiago de Compostela e para a Educación en Galicia.

Miguel Anxo Santos Rego
Director do ICE-USC
Xullo 2006