1.- As experiencias de innovación en materias regradas, xa realizadas por centros, institutos, departamentos ou equipos docentes e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, presentaranse preferentemente en galego, e terán unha extensión máxima de 25 folios (DIN A4), letra Times New Roman, tamaño 12, a dobre espazo e nunha soa cara, por triplicado, consistente en orixinal e dúas copias. Se fora necesario, entregarase material complementario (publicacións, dossier, disco, video, CD-ROM, etc.).
2.- A documentación entregarase, dirixida ao reitor da USC, no Rexistro Xeral da Universidade, en Santiago de Compostela ou en Lugo. En calquera caso, especificarase no envío "Documentación para os VII Premios á Innovación Educativa e Mellora da Calidade Docente na USC".
3.- Constará claramente o título do traballo, o centro, instituto, departamento e o nome e apelidos da profesora ou do profesor responsable da experiencia, así como enderezo completo e teléfono de contacto máis directo na Universidade. No caso de haber máis dun responsable da experiencia, é absolutamente preciso sinalar o nome dun único ‘responsable principal’ para os efectos derivados destes premios. É imprescindible, no caso de traballos desenvolvidos en equipo, a conformidade, mediante sinatura dos diferentes membros do equipo, para a presentación da experiencia. O/a responsable principal figurará no POD do seu departamento no curso académico 2008-2009.
4.- O contido debe tratar sobre unha experiencia educativa innovadora realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos, e que supoña algún tipo de práctica docente susceptible de ser ampliada e mesmo xeneralizada a outros contextos do ensino superior, tanto dentro como fora da USC. A experiencia terá sempre relación con algún tipo de actividade con posibilidades de incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade (elaboración de materiais, aplicación de novas tecnoloxías, innovacións nas prácticas e nos programas, acción titorial, etc.). En todo caso, farase unha breve valoración dos beneficios que supuxo a experiencia, mediante a aportación de datos do alumnado, e unha estimación do grao posible de permanencia da mellora acadada.
5.- As experiencias estarán referidas ás seguintes Temáticas: Medidas e experiencias para a mellora do rendemento académico; Titoría universitaria; Practicum das diferentes titulacións; Avaliación das aprendizaxes; Experiencias que vinculen as aprendizaxes do alumnado con marcos de extensión universitaria (voluntariado, proxectos sociais, culturais, etc.); Comunidades de aprendizaxe e redes docentes; Uso de materiais dixitais na docencia; Emprego de portafolios; Experiencias de desenvolvemento de guías docentes.
6.- Serán premiadas un máximo de seis experiencias que o xurado estime de maior calidade consonte coas bases desta convocatoria. Os premios estarán dotados coas seguintes asignacións económicas: 1º premio: 3.500 euros; 2º premio: 2.700 euros; 3º premio: 2.200 euros; 4º premio: 1.700 euros; 5º premio: 1.200 euros; 6º premio: 700 euros.
Os premios serán satisfeitos, xunto coa entrega dun diploma acreditativo, á profesora ou profesor representante do grupo no Acto de Entrega, que será presidido polo reitor da USC. O xurado tamén poderá conceder ata un máximo de tres accésits sen percepción económica.
7.- A Universidade resérvase o dereito de facer unha publicación das experiencias que o xurado estime de maior interese para a innovación educativa na USC. Deste xeito, a presentación ao premio implicará a cesión dos dereitos de edición por un período de dous anos así como a renuncia aos dereitos de autor correspondentes a unha primeira edición. A publicación que, no seu caso, se derive será realizada polo ICE da USC. Os autores dos traballos que se publiquen comprométense a presentar unha versión do seu traballo susceptible de ser editada en formato de capítulo de libro. Para isto, disporán dun prazo de dous meses a partir do momento no que se lles comunique a concesión do premio.
8.- Unha das dúas copias que acompañen ao orixinal presentado quedarán en depósito no ICE. Previa petición escrita, o orixinal, xunto coa copia restante, será devolto no prazo máximo dun mes a contar desde o día da entrega dos premios.
9.- A admisión de orixinais rematará o día 17 de abril de 2009. A entrega de premios terá lugar en Santiago de Compostela, no prazo dos catro meses posteriores ao da admisión, no transcurso dun acto público presidido polo reitor da USC.
10.- Haberán de transcurrir dous anos entre a concesión dun destes premios e a posibilidade de presentación dos premiados a unha nova convocatoria dos mesmos.
11.- O xurado dos Premios estará presidido polo reitor ou vicerreitor en quen delegue, e del formarán parte, con voz e voto, o director do ICE, ou persoa en quen delegue, catro profesores da USC, designados polo reitor, e un xefe de división do ICE (que actuará como secretario). O veredicto do xurado será inapelable.
12.- O xurado, que resolverá todas as cuestións non previstas, será nomeado polo reitor da USC.
13.- A participación nestes VII Premios á Innovación Educativa e Mellora da Calidade Docente na USC comporta a aceptación expresa destas bases.