Páxina da USC
Instituto de Ciencias da Educación
I.C.E.
Páxina do ICE
 


 
 
 
 
 

IV Premios á Innovación Educativa na Universidade

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, fixo entrega dos Premios á Innovación Educativa na Universidade na súa edición de 2004, promovidos polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE). O acto, celebrado no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, contou ademais coa presenza do vicerreitor de Calidade e Planificación Estratéxica, José Sordo, así como dos membros do xurado encargados de avaliar os traballos presentados a concurso.

Acto de entrega

Os premios, por decisión unánime do xurado, recaeron nos traballos ‘Unha experiencia innovadora no ensino da Química Analítica. EQUIGRAF, un material didáctico para o estudo do equilibrio ácido-base mediante metodoloxía gráfica por ordenador’, de Mª del Carmen Yebra Biurrun; ‘Diseño de juegos para aprender divirtiéndose en el ámbito de las Ciencias  de la Computación’, de Eduardo M. Sánchez Vila; ‘Bioloxía, Arquitectura e Memoria. Aprendendo a multidisciplinariedade’, dos profesores Beatriz Prieto Lamas e Antonio Martínez Cortizas; e ‘Unha experiencia innovadora na docencia da materia de Cartografía I. Novos procesos de ensino-aprendizaxe e uso das novas tecnoloxías’, do que é autor o profesor Jesús Díaz Centeno. Os premios están dotados con 1.800 euros e diploma acreditativo.

Os traballos gañadores

A profesora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía desenvolveu e empregou no traballo presentado a concurso a aplicación informática EQUIGRAF para o estudo do equilibrio ácido-base en disolución acuosa. Esta ferramenta serve de apoio, tanto aos estudantes coma ao profesor no desenvolvemento das materias Química Analítica I e II, pertencentes ao Plano de Estudos da Licenciatura en Química.

Esta aplicación informática permite o acceso sistemático a diversos arquivos da folla de cálculo Microsoft Excel, correspondéndolle a cadanseu unha metodoloxía gráfica que permite estudar, desenvolver e obter de maneira automatizada os distintos tipos de gráficos empregados e efectuar os cálculos relativos a este tipo de estudo, entre os que se atopan o cálculo do pH e as concentracións no equilibrio.

O sistema proposto é un software de utilidade para o traballo na aula e para o estudo independente por parte do alumno, permitindo afondar nos coñecementos adquiridos nas clases sen restriccións de tempo nin de espazo. A súa execución leva a un proceso de aprendizaxe interactivo e adaptado ás necesidades do estudante xa que non executa os cálculos mecanicamente, senón que o usuario ten que tomar decisións e razoar as simplificacións que se poden efectuar no criterio das condicións protónicas para o cálculo do pH das disolucións.

Logo da súa aplicación real, a profesora Yebra apunta que os estudantes están máis atentos, motivados e interesados polas materias, ademais de que a asistencia ás clases incrementouse notablemente así como o emprego das horas de titorías e o rendemento académico.

Baixo o título de ‘Unha experiencia innovadora na docencia da materia de Cartografía I. Novos procesos de ensino-aprendizaxe e uso das novas tecnoloxías’ o proxecto do profesor Jesús Díaz persegue o desenvolvemento dunha nova metodoloxía educativa en sintonía co Espazo Europeo de Ensino Superior. Destinado inicialmente aos estudantes matriculados na asignatura de Cartografía I da titulación de Enxeñaría Técnica en Topografía, o proxecto pretende a elaboración dun sitio web e un CDRom co obxecto de completar a docencia presencial e permitindo guiar e facilitar a aprendizaxe da materia mediante a adquisición de determinados coñecementos e capacidades dun xeito autónomo e adaptado ás peculiaridades individuais dos seus usuarios. A experiencia debía estar dotada dun contido científico, comprensible e integrado nun amplo e detallado programa didáctico que incluía documentos, exercicios, actividades, recursos web e software necesario para o desenvolvemento das prácticas. Ademais contemplou a realización de probas de autoavaliación e a elaboración de contidos adicionais que contribuisen ao avance autónomo e na profundización do saber facer.

O proxecto presentado polo profesor do Departamento de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Eduardo Sánchez Vila recolle un conxunto de experiencias baseadas na introdución de xogos no ámbito educativo universitario. Neste senso, as experiencias propostas aportaron no momento da súa posta en práctica “aspectos positivos no proceso de aprendizaxe“, sinalou o seu promotor, que se concretarían nun maior interese e participación pola materia, maior asistencia a clase, “a motivación que supón traballar en equipo e, en xeral, unha dinamización do rol dos estudantes nas clases”, engadiu o profesor Sánchez Vila.

Os xogos foron aplicados tanto na dimensión práctica como na teórica. Así, na primeira vertente se utilizaron nunha unidade didáctica que ten como obxectivos a introdución ao sistema operativo UNIX e á práctica dos comandos básicos para executar accións neste sistema operativo. O obxectivo foi propiciar que os estudantes aprenderan a desenvolverse con sistemas operativos que non dispoñen das populares fiestras, como Windows. Para cubrir estes obxectivos deseñáronse dous xogos denominados ‘O axente secreto’ e ‘Evita a desconexión dos sistema’.

Xa na dimensión teórica, deseñáronse tres xogos cos que se pretendía construir Internet de forma progresiva, comezando coa conexión entre dous ordenadores e terminando coa creación dunha rede de datos de ordenadores.

Finalmente, o traballo ‘Bioloxía, Arquitectura e Memoria. Aprendendo a multidisciplinariedade’, dos profesores do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola Beatriz Prieto Lamas e Antonio Martínez Cortizas, reprantexou as prácticas da asignatura de Bioxeoquímica, desenvolvendo unha nova experiencia cuxo carácter innovador radica en aprender a Bioloxía empregando como base disciplinas como a Arqueoloxía, a Historia ou a Arquitectura. O obxectivo da experiencia foi o de contribuir a facer do biólogo un profesional máis integrado na sociedade de maneira que nel se conxuguen tecnoloxía, ciencia, cultura e sociedade.

O xurado encargado da valoración dos traballos presentados a esta convocatoria estivo integrado polos profesores José Sordo, Miguel A. Santos Rego, Celso Rodríguez, Mercedes Brea, Francisco Fraga, Antonio Blanco e Felicidad Barreiro Fernández.

Quinta convocatoria dos Premios á Innovación Educativa

No mesmo acto, o reitor Senén Barro presentou a quinta convocatoria destes premios aos que se poden presentar as experiencias de innovación en materias regradas da USC, realizadas por centros, institutos, departamentos ou equipos docentes e investigadores da Universidade de Santiago. O prazo para a presentación de orixinais permanecerá aberto ata o día 30 de novembro de 2005.

Os traballos presentaranse preferentemente en galego cunha extensión máxima de 25 folios (DIN A4) a dobre espazo, nunha soa cara e por triplicado. O contido debe tratar sobre unha experiencia educativa innovadora realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos e que supoña algún tipo de práctica docente susceptible de ser ampliada e mesmo xeneralizada a outros contextos do ensino superior, tanto dentro como fóra da USC. A experiencia terá sempre relacións con algún tipo de actividade con posibilidade de incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade.

As propostas presentadas estarán referidas a algunhas das seguinte temáticas Titoría universitaria; Novas tecnoloxías no proceso de ensino-aprendizaxe; Practicum das diferentes titulacións; Metodoloxías docentes innovadoras e avaliacións das aprendizaxes; e Experiencias que vinculen as aprendizaxes do alumnado con marcos de extensión universitaria (voluntariado, proxectos sociais ou culturais, entre outros.

Serán premiados, con 1.800 euros cada unha, un máximo de cinco experiencias que o xurado estime de maior interese para a innovación educativa na USC.