Páxina da USC
Instituto de Ciencias da Educación
I.C.E.
Páxina do ICE
 


 
 
 
 
 

I Premios á Innovación Educativa na Universidade

Os I Premios de Innovación Educativa na Universidade entregáronse a mañá do día 15 de novembro nun acto celebrado no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. A esta primeira edición, convocada polo Vicerrectorado de Ordenación Académica e Titulacións xunto co Instituto de Ciencias da Educación da USC, presentáronse experiencias educativas innovadoras realizadas no ámbito da USC nos últimos tres anos e que supoñeran algún tipo de práctica susceptible de ser ampliada e mesmo xeralizada a outros contextos do ensino superior, tanto dentro como fóra da Universidade. Os premios teñen unha cuantía de 300.000 pesetas.

Acto de entrega

Na área de Ciencias da Saúde resultou gañador o proxecto titulado "Métodos para a mellora do aprendizaxe na histoloxía", sendo o profesor responsable Sergio Vidal Ruibal e os membros do equipo Lucas Moya Jiménez e Florentina Guerrero Callejas, do Departamento de Anatomía e Producción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Na área de Tecnoloxías o traballo "Cultivando cultura e Terra Alén. Unha conxugación dos aspectos técnico-científicos cos humanísticos e medioambientais" foi o gañador. Roxelio Pérez Moreira foi o responsable do proxecto, da Escola Politécnica Superior de Lugo.

Na área de Ciencias Sociais resultou premiado o traballo "El espacio de la naturaleza en el arte", responsabilidade da profesora María Jesús Agra Pardiñas, do Departamento da Expresión Musical, Plástica e Corporal da Facultade de Ciencias da Educación.

Na área de Ciencias Experimentais o xurado acordou comparti-lo premio entre o traballo Topoloxia dos espacios euclidianos. Curso virtual, de Xosé M. Masa Vázquez, profesor da Facultade de Matemáticas, e "Contribución a unha mellora dos procedementos interactivos no proceso ensinanza aprendizaxe. Unha nova experiencia de interacción grupal na docencia da Bioquímica Clínica e Patoloxía Molecular", un proxecto das profesoras Pilar Arias Crespo e Montserrat Nogueira Álvarez, do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Facultade de Bioloxía.

Por último, na área de Humanidades resultou premiado o traballo titulado "Proxecto Xeoplaning. Experiencia de innovación educativa", dirixido polo profesor Carlos Ferras Sexto coa colaboración do Colectivo Xeoplaning, da Facultade de Xeografía e Historia.

Ademais, o xurado acordou conceder dezaseis accesits a cada un dos traballos presentados que non obtiveron premio na súa respectiva área. Así, na área de Ciencias da Saúde acadaron áccesits Mª del Carmen Segura Iglesias e colaboradores polos traballos Prions e as enfermidades causadas por eles, Bases xenéticas do autismo e A clonación. Juan Seoane Lestón e Pedro Diz Dios mereceron mención por Unha proposta de integración preclínica-clínica no ensino práctico da cirurxía oral e Natalia Vandenberghe por Informe de explotación en economía agraria.

Na área de Tecnoloxías o accesit recaeu no traballo de Juan Méndez e Efrén Arias titulado Proxecto Polifemo. Expofood: entorno virtual de comunicación e aprendizaxe.

En Ciencias Sociais, acadaron accesits Inmaculada Cárdenas polo traballo Experiencia innovadora nas ensinanzas da música na EU de Maxisterio; Alfonso García Tobío e Juan C. Pardo por Innovación e construcción de coñecemento: principios que fundamentan os procesos de cambio nas actividades docentes de dous profesores da Facultade de Ciencias da Educación; Domingo Neira por Innovación de programas en la Universidad; Jesús Salgado por Evaluación del aprovechamiento universitario basado en el modelo del feed-back de 360 grados y la evaluación continua: el caso de la asignatura de Psicología Económica; e José Díaz de Castro por O ensino de Administración de Empresas a grandes grupos. Da transmisión de coñecementos ó desenvolvemento de habilidades.

Os accesits na área de Ciencias Experimentais recaeron en José Ángel Docobo por Programa de Extensión Cultural de Astronomía; Javier Mas polo traballo Escuela de Otoño de Física Teórica; Mariana Landín por La literatura como recurso didáctico para el estudio de la historia de la Farmacia; e Jaime Fábregas por Programa Exenova: experiencia educativa innovadora.

Na área de Humanidades os accesits foron para Julio Vázquez polo traballo Integración de novas tecnoloxías na docencia de Historia da Arte; Pilar Alonso e Javier Yáñez por A agroindustria no Concello de Arzúa: o queixo Arzúa-Ulloa; e Milagros Fernández e colaboradoras por Unha experiencia de ensino para a aprendizaxe en Lingüística xeral.

No acto de entrega dos premios, o profesor Roxelio Pérez, quen pronunciou unhas palabras en representación de tódolos premiados, falou dos esforzo de rachar co convencional na docencia, polo que os galardóns foron "un recoñecemento á nosa osadía que nos obriga a seguir cos nosos traballos, premiados diariamente polos alumnos, quen realmente son os merecedores de mención". Pola súa banda, o vicerrector Celso Rodríguez, que recoñeceu a dificultade de outorga-los premios pola súa alta calidade, animou ós docentes a presentar proxectos á segunda convocatoria, que ten por obxectivo "que saian á luz pública moitas actividades non comúns que se realizan na Universidade".

O xurado deste primeiro certame estivo presidido polo vicerrector de Ordenación Académica e Titulacións, Celso Rodríguez. O xefe de División do ICE, José Manuel Vez, actuou como secretario e foron vocais Miguel Anxo Santos Rego, director do ICE, e os profesores José Sordo, Enrique Antonio González, Hermelindo Portela e José Antonio Varela.

SUBIR