Páxina da USC
Instituto de Ciencias da Educación
I.C.E.
Páxina do ICE
 


 
 
 
 
 

V Premios á Innovación Educativa na Universidade

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, fixo entrega esta mañá dos Premios á Innovación Educativa na Universidade na súa edición de 2005 promovidos polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE). O acto, celebrado no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, contou ademais coa presenza da vicerreitora de Calidade e Planificación, Mª Paz García Rubio, así como dos membros do xurado encargados de avaliar os traballos presentados a concurso.

O Reitor xunto aos premiados e aos integrantes do xurado dos V Premios á Innovación Educativa

Os premios, por decisión unánime do xurado, recaeron nos traballos ‘As visitas didácticas como actividade formativa: unha experiencia de innovación educativa na USC’, de Quíntin Álvarez Núñez, da Facultade de Ciencias da Educación; ‘Nueva herramienta didáctica para el diseño de agrupaciones de antenas de dipolos teniendo en cuenta los efectos de acoplo mutuo’, do que é responsable o profesor da Facultade de Física Francisco José Ares Pena; ‘Apoio virtual á realización de proxectos fin de carreira’, coordinado polo docente da Escola Politécnica Superior de Lugo Martín Barrasa Rioja; ‘A xeometría a través da historia’, a cargo de Mª Teresa Fernández Blanco, da Facultade de Ciencias da Educación; e ‘Programa de autoaprendizaxe no Diagnóstico Diferencial das principais enfermidades de natureza infecto-contaxiosa que causan alteracións reprodutivas no gando vacún. VACVET’, encabezado por Mª Luisa Sanjuán Hernán-Pérez, da Facultade de Veterinaria. Os premios están dotados con 1.800 euros e diploma acreditativo.

O xurado valorou, de acordo coas bases da convocatoria, que os traballos premiados afonden no fomento da innovación educativa no ensino superior para dar pulo aos procesos de mellora do ensino-aprendizaxe nos centros e departamentos da Universidade de Santiago, e contribuír á colaboración institucional na construción do espazo europeo de ensino superior, tendo como referencia os principios fundamentais expresados na Declaración de Bolonia de 1998.
Bases da convocatoria
A estes premios podianse presentar as experiencias de innovación en materias regradas da USC, realizadas por centros, institutos, departamentos ou equipos docentes e investigadores da Universidade de Santiago.

O contido debía tratar sobre unha experiencia educativa innovadora realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos e que supoña algún tipo de práctica docente susceptible de ser ampliada e mesmo xeneralizada a outros contextos do ensino superior, tanto dentro como fóra da USC. A experiencia terá sempre relacións con algún tipo de actividade con posibilidade de incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade.

As propostas presentadas debían estar referidas a algunhas das seguinte temáticas Titoría universitaria; Novas tecnoloxías no proceso de ensino-aprendizaxe; Practicum das diferentes titulacións; Metodoloxías docentes innovadoras e avaliacións das aprendizaxes; e Experiencias que vinculen as aprendizaxes do alumnado con marcos de extensión universitaria (voluntariado, proxectos sociais ou culturais, entre outros.

O xurado encargado da valoración dos traballos presentados a esta convocatoria estivo integrado polos profesores José Sordo, Miguel A. Santos Rego, Celso Rodríguez, Mercedes Brea, Francisco Fraga, Antonio Blanco e Felicidad Barreiro Fernández.