II Premios á Innovación Educativa
na Universidade
Os II Premios de Innovación Educativa na Universidade
entregáronse nun acto celebrado no Salón de Graos do
Colexio de San Xerome baixo a presidencia do rector compostelán,
Senén Barro. A convocatoria, que premia con 1.800 € as experiencias
en cada unha das cinco grandes áreas de coñecemento, trata
de apoiar a posta en marcha de proxectos orientados á mellora
da docencia por medio da integración das novas tecnoloxías,
canalizando aquelas iniciativas do profesorado que fomenten
a innovación nos métodos docentes, a reflexión compartida,
o intercambio de experiencias, a discusión de formulacións
didácticas, así como a creación de materiais que fagan uso
das novas tecnoloxías da información e a comunicación. Prémianse
así experiencias educativas innovadoras realizadas no ámbito
da USC nos últimos tres anos e que supoñeran algún tipo
de práctica susceptible de ser ampliada e mesmo xeralizada
a outros contextos do ensino superior, tanto dentro como
fóra da Universidade.

Trala entrega dos premios, o rector da
USC, Senén Barro, dixo que a concesión deste premios representa
o recoñecemento ó labor desenvolvido polos universitarios
cara un proceso de mellora continua da calidade, pero tamén
"que as experiencias eficaces ou estimulantes para os estudiantes
poden e deben aplicarse noutros centros e ámbitos, porque
a finalidade última e mellora-la formación ofertada".
Os proxectos premiados
Na área de Ciencias da Saúde resultou gañador o proxecto titulado
O ensino-aprendizaxe de Psicoloxía Médica na USC: Aportación
dunha experienca metodolóxica innovadora, sendo a profesora
responsable Ángela Torres Iglesias e no que participou un
numeroso equipo de colaboradores da Área de Psiquiatría do
Departamento de Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública.
Na área de Ciencias Sociais foi premiado o traballo
e-ADE
Lucus. Unha experiencia de apoio virtual á docencia en Administración
de Empresas, responsabilidade dos profesores José Díez
de Castro e Luis Gago González, da Facultade de Administración
e Dirección de Empresas do Campus de Lugo.
O traballo
O desenvolvemento de habilidades orais e pedagóxicas
de alumnos de Filoloxía Inglesa a través dunha experiencia
de microensino, responsabilidade do profesor de Filoloxía
Inglesa Ignacio Palacios Martínez, foi o gañador do premio
na Área de Humanidades.
Por último, o xurado acordou conceder un accésit na Área de
Ciencias Sociais, dotado con 900 €, á experiencia
A dirección
e xestión da 'Revista de Ciencias Penales', presentado
polo profesor do departamento de Dereito Público Especial,
Miguel Abel Souto. Os premios nas Áreas de Ciencias Experientais
e da Tecnoloxías quedaron desertos.
O xurado desta segunda edición dos premios á innovación educativa,
presidido polo vicerrector de Calidade, José Sordo, estivo
formado polos profesores Miguel A. Santos Rego, Celso Rodríguez
Fernández, Alfonso García Tobío, Antonio Rigueiro Rodríguez
e José Ramón González Juanatey