VI Premios á Innovación Educativa
na Universidade
A entrega dos VI Premios á
Innovación Educativa e mellora da calidade docente na USC (2006-2007) tivo lugar no Colexio de San Xerome nun acto presidido polo reitor Senén Barro e ao que, entre outros, asistiron a presidenta do xurado, a vicerreitora de Calidade e Planificación, Dolores Álvarez; a secretaria do mesmo, Felicidad Barreiro; e os vogais Xosé Cajide, Xosé Sordo, Dolores Andrés, José Carlos de Miguel e María Luisa Sanjuan.
Os galardóns, de periodicidade bianual teñen como finalidade fomentar a calidade e a innovación educativa no ensino superior para dar pulo aos procesos de mellora do ensino-aprendizaxe nos centros e departamentos da Universidade de Santiago, e contribuír á colaboración institucional na construción do espazo europeo de ensino superior. Para iso prémianse seis experiencias relacionadas con algún tipo de actividade con posibilidades de incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade, realizándose unha valoración dos seus beneficios mediante a achega de datos do alumnado e unha estimación do grao posible de permanencia da mellora acadada.
As experiencias premiadas
A profesora Mª Carmen Morán de Castro, do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da Facultade de Ciencias da Educación, acadou o primeiro premio como responsable da iniciativa ‘Dinámicas de simulación como estratexia formativa na titulación de Educación Social. Convocatoria de programas de dinamización sociocultural’.
O segundo premio recaeu no proxecto ‘Algunhas posibilidades das ferramentas virtuais como apoio á docencia presencial: unha experiencia na titulación de Relacións Laborais’ cuxo responsable foi Carlos Javier Álvarez Fernández, profesor do Departamento de Organización de empresas e comercialización.
‘Guía didáctica interactiva. Unha experiencia educativa innovadora na temática: Medidas e experiencias para a mellora do rendemento académico’ da profesora de Veterinaria Vicenta Rueda Núñez, e ‘Innovación docente en Bioestatística para a adquisición de competencias (Licenciatura en Bioloxía, 1º curso)’ coordinado pola docente de Matemáticas Rosa María Crujeiras Casais acadaron o terceiro e cuarto premio, respectivamente.
Por último, o profesor Enrique Macías Virgós, da Facultade de Matemáticas, foi o responsable da experiencia ‘Matemáticas para Farmacia’ recoñecida co quinto premio, mentres que ‘O traballo de investigación no ensino universitario: tácticas integradoras do labor colectivo’, responsabilidade da profesora de Filoloxía Soledad Pérez-Abadín Barro, foi merecedora do sexto.
Nesta sexta edición da convocatoria o xurado decidiu conceder tamén dous accésits, estes xa sen dotación económica, aos proxectos ‘Biotecnoloxía en Acuicultura: A concorrencia na aula como introdución ao mundo profesional’ de Ana María Otero Casal e a ‘Concerterio: concertos didácticos para centros escolares’ de Cecilia Portela López.
Os premios
A estes premios que convoca o Instituto de Ciencias da Educación se poden presentar experiencias de innovación en materias regradas, xa realizadas por centros, institutos, departamentos ou equipos docentes e investigadores da Universidade de Santiago. Deben tratar sobre unha experiencia educativa innovadora realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos e que supoña algún tipo de práctica docente susceptible de ser ampliada e mesmo xeneralizada a outros contextos do ensino superior, tanto dentro como fóra da USC. A experiencia terá sempre relación con algún tipo de actividade con posibilidades de incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade.
As propostas que se presenten deben estar referidas ás temáticas Titoría universitaria; Practicum das diferentes titulacións; Experiencias que vinculen as aprendizaxes do alumnado con marcos de extensión universitaria (voluntariado, proxectos sociais ou culturais, entre outros); Medidas e experiencias para a mellora do rendemento académico; Avaliación das aprendizaxes; Comunidades de aprendizaxe e redes docentes; Uso de materiais dixitais na docencia; Emprego de portafolios; e Experiencias de desenvolvemento de guías docentes.