Páxina da USC
Instituto de Ciencias da Educación
I.C.E.
Páxina do ICE
 


 
 
 
 
 

III Premios á Innovación Educativa na Universidade

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, presidiu no Salón de Graos do Colexio de San Xerome o acto de entrega dos 'Premios á Innovación Educativa na Universidade' que teñen por obxectivo o fomento da calidade e a innovación no ensino superior.

Acto de entrega

Os galardoados nesta edición foron:

  • Jesús Rodríguez Rodríguez da Facultade de Ciencias da Educación, polo traballo titulado 'A elaboración de materiais didácticos por para adultos/as. Unha experiencia didáctica innovadora co alumnado de 3º de Educación Social';

  • Felipe Gago Couso, da Facultade de Matemáticas, por 'Álxebra linear e multilinear';

  • Antonio López Díaz, da Facultade de Dereito, por 'Unha experiencia innovadora na docencia do Dereito Financeiro e Tributario. Novos procesos de ensino-aprendizaxe e uso das novas tecnoloxías. A avaliación continua como sistema de cualificación';

  • Onésimo Juncos Rabadán, da Facultade de Psicoloxía, pola "Aplicación del sistema de USC Virtual en la docencia de Desenvolvemento Adulto e Proceso de Envellecemento'.

Ademais, o xurado acordou conceder tres accésit a:

  • María Luísa Sanjuán Hernán-Pérez, da Facultade de Veterinaria, por 'Novas tecnoloxías no proceso de ensino-aprendizaxe aplicadas ó desenvolvemento teórico-práctico na docencia de Patoloxía Infecciosa e Epizootioloxía';

  • Ángeles López Agüera, da Facultade de Física, por 'Efectos da acción titorial derivada da avaliación de probas obxectivas en rendemento do alumno';

  • José Manuel Pérez Pena, da Facultade de Ciencias da Comunicación, por 'Centro de Recursos de Idiomas. Aula de autoaprendizaxe do Centro de Linguas Modernas da USC'. Cada un dos premiados nesta convocatoria recibirá 1.800 euros.

No acto de entrega, o reitor salientou a relevancia destes premios cara ao fomento da colaboración sostida intra e interdepartametais. Do mesmo xeito, lembrou que con estes galardóns a USC procura recoñecer as boas prácticas docentes que se están a desenvolver nos Campus de Lugo e Compostela. Non obstante, incidiu en que a relevancia deste certame vai máis aló das prácticas docentes no seo da USC, xa que serve de alicerce para a colaboración institucional na construcción do espazo europeo de ensino superior e para a xestión da calidade dentro da Universidade, procesos nos que segundo Senén Barro deben implicarse profesores, administradores e alumnos.

A xuízo do reitor esta terceira edición dos Premios redunda no traballo que se está a facer dende o Vicerrectorado de Calidade, en colaboración co ICE, para alimentar a estratexia de formación interna, dando coñecemento público das experiencias innovadoras, contando coa implicación das Áreas de Coñecemento e dos Departamentos, e mesmo xerando as sinerxias oportunas que favorezan o liderazgo da USC no eido da calidade. A este respecto subliñou que se trata dun eixo clave de desenvolvemento educativo, pero tamén social polas posibilidades que brindan as tarefas docentes de optimizar a imaxe da USC a tódolos niveis.

Na terceira edición dos 'Premios á innovación educativa na Universidade' participaron catorce traballos relacionados coas seguintes áreas temáticas:

  • 'Titoría universitaria'

  • 'Novas tecnoloxías no proceso de ensino-aprendizaxe'

  • 'Prácticum das diferentes titulacións'

  • 'Metodoloxías docentes innovadoras e avaliación das aprendizaxes'

  • 'Experiencias que vencellen as aprendizaxes do alumnado con marcos de extensión universitaria'.

A calidade das propostas levou ao reitor a afirmar que os vieiros da innovación nas labores docentes non son patrimonio de ningunha área ou ámbito de traballo específico.

O xurado encargado de escoller aos galardoados estivo composto polo vicerreitor de Calidade, José Sordo, en calidade de presidente do mesmo, polo director do Instituto de Ciencias da Educación (ICE), catro profesores da USC e por un xefe de división do ICE, que actuou como secretario.

SUBIR