Presentación
Proxectos de investigación
Actividades
Resultados
Enlaces
Área reservada

Grupo de investigación

Koiné é un grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, formado por profesores e investigadores adscritos á Área de Lingüística Xeral. Aínda que a súa constitución oficial como equipo estable data de hai un lustro, as súas orixes remóntanse aos comezos da década dos noventa. Durante todo este tempo a actividade do grupo encadrouse, sobre todo, no marco da historiografía da lingüística e dos estudos sobre a adquisición da primeira lingua polo neno. Nos últimos anos, o labor do grupo está a centrarse inequivocamente no terreo dos estudos adquisitivos, no que se ubican tamén as investigacións persoais da maior parte dos seus membros.

Arestora, Koiné dedícase de xeito case exclusivo á realización proxecto coordinado cun equipo de investigadores do Departament de Teoria dels Llenguatges de la Universitat de València. O equipo de Valencia traballa no terreo da afasioloxía lingüística, o cal abre a porta a un suxestivo contraste de resultados (está en xogo a hipótese dun posible paralelismo entre os procesos de evolución e regresión lingüística). Entre os froitos do traballo realizado durante o desenvolvemento do proxecto, cómpre salientar a constitución do corpus Koiné de fala infantil, e do corpus Perla que recolle produccións lingüística de suxeitos afásicos.