Presentación
Proxectos de investigación
Actividades
Resultados
Enlaces
Área reservada

Exploración de capacidades metalingüísticas na linguaxe infantil

Obxectivos xerais

Guión:
1. Antecedentes e presupostos
2. Esquema dos obxectivos
3. Referencias bibliográficas




1. Antecedentes e presupostos

Estudar a fala infantil atendendo ao seu valor expresivo e interactivo non é, en rigor, unha empresa novidosa nin insólita. Mirando cara o pasado da Lingüística en xeral, e cara o da Psicolingüística en particular, saltan axiña á vista as aportacións de, entre outros, L. S. Vygotsky (1934), R. Jakobson (1941), R. Brown (1973), e M. A. K. Halliday (1975). Cos seus traballos, estes autores sentaron as bases para o recoñecemento dunha gramática peculiar idiosincrásica no neno inmerso no proceso de adquisición. Afirmaron a natureza semántico-comunicativa das emisións verbais, así como a preeminencia do significado referencial e sinalizador sobre a forma na fala infantil. Con todo, a súa obra non tivo a penas continuadores ata mediados dos 90, cando as novas tecnoloxías e o deseño de medios electrónicos facilitaron o rastrexo e a acumulación de materiais, e o seu posterior tratamento informático. O labor de B. MacWhinney e o seu equipo no desenvolvemento do sistema CHILDES resultou capital para o avance dunhas investigacións sobre a linguaxe infantil que agora se centraban nos datos, e non tanto na teoría formal da adquisición. Rompíase así coa tendencia que ata entón prevalecera na Psicolingüística evolutiva.

Asemade, a tradición lingüística de carácter social e antropolóxico vixente nos Estados Unidos dende principios do século XX con antropólogos como F. Boas e E. Sapir, e continuada polo maxisterio de K. L. Pike no círculo do Summer Institute of Linguistics, daba lugar á formación dunha corrente multidisciplinar coñecida como Lingüística cognitiva. Nela participan lingüistas da altura de R. Longacre, Th. Givon, P. Hopper, o S. M. Lamb; psicolingüistas do prestixio de D. Slobin, E. Bates e M. Tomasello, sen esquecer ao xa citado MacWhinney; neurolingüistas como D. Caplan, M. Paradis, ou L. Menn; e, por último, expertos en intelixencia artificial e redes como J. Elman e K. Plunkett. O programa de investigación integrador que a corrente cognitiva propugna, implica unha aproximación á linguaxe infantil na que se presta especial atención á significación comunicativa dos actos verbais (e non-verbais) dos nenos. No estudo, realizado dende un punto de vista globalizador, hai un achegamento ás dimensións biolóxica, social, psicolóxica e formal. Ora ben, o interese céntrase, ao final, na eficacia comunicativa das emisións. O valor destas no tocante ao intercambio de información determinará a súa función no código singular infantil. A efectividade no proceso comunicativo será precisamente un síntoma de progreso conceptual y dunha evolución cognitiva normal por parte do neno. A investigación empírica, con mostras de fala infantil recollidas en diferentes entornos idiomáticos (na liña de M. Bowerman), vén de poñer de manifesto a pegada lingüística particular no desenvolvemento conceptual e cognitivo; por iso será, sen dúbida, unha excelente base para deseñar modelos artificiais de procesamento ou de aprendizaxe que dean marxe á diversidade interidiomática.

O progreso dos estudos pragmáticos dende finais dos anos sesenta e setenta propicióu investigacións centradas nos devanditos aspectos da linguaxe infantil. O simposio de 1974 sobre o discurso infantil, organizado por S. M. Ervin-Tripp e C. Mitchell-Kernan no seo da American Anthropological Association, constitúe un pulo decisivo para os achegamentos comunicativos á fala dos nenos. As actas deste simposio (Ervin-Tripp & Mitchell-Kernan 1977), xunto co volume colectivo editado por E. Ochs & B. B. Schieffelin (1979), son as primicias dunha liña de investigación que se consolidará ao longo dos vintecinco anos posteriores. Agora, coa perspectiva que dá o tempo, pódese afirmar que o estudo dos recursos pragmáticos en idade infantil está plenamente consolidado. Por unha banda, véñense realizando traballos centrados na microanálise das estratexias comunicativas e habilidades pragmáticas na interacción social neno-neno e neno-adulto. Están tamén estudados o sistema de toma de turnos, os actos de fala, a deíxe, ou os diferentes tipos de actividades conversacionais, entre outras cuestións. Por outra banda, o enfoque pragmático está a incidir nas investigacións sobor do desenvolvemento do compoñente gramatical. De feito, na bibliografías máis actual enténdese a adquisición lingüística como un aspecto do proceso de socialización (Ochs 1996; Ochs & Schieffelin 1984, 1995). Ochs & Schieffelin (1995) sosteñen que as prácticas sociais en que interactúan os nenos están intimamente conectadas coa evolución da gramática infantil. De aí que esta se deba estudar sen facer abstracción dos contextos e as prácticas sociais (Vygotsky). Na década dos noventa, o afondamento na interface gramática-pragmática adquire, pois, especial importancia, tanto dende a perspectiva social como dende a perspectiva cognitiva. Concretamente, posúen singular interese os traballos (xa mencionados) de Slobin ou Tomasello.

En definitiva, o enfoque cognitivo-comunicativo e a vocación factual dos estudos definen hoxe en día o groso das investigacións sobre a adquisición. As emisións infantís constitúen mensaxes de pleno dereito, que cómpre analizar e valorar considerando as súas propiedades (sonoras, construcionais, significativas) e a súa finalidade interactiva. É indispensable a visión sistémica (e non só individualizada) das características de expresión, de combinatoria e de contido, xa que o valor comunicativo é conxunto. Con toda probabilidade, hai propiedades de construción gramatical cuxa emerxencia gradual vai ligada a aspectos de praxe.





2. Esquema dos obxectivos

As consideracións expostas no apartado anterior son as coordenadas dende as que fixamos os obxectivos da nosa investigación. Estas son as metas que nos propoñemos alcanzar:

(a) Revalorizar o carácter específico, pero codificado, da lingua dos nenos.

(b) Deixar patente a importancia de dispoñer de materiais comunicativos naturais (de nenos que adquiren o galego e de nenos que adquiren o castelán) relativos a unha fase determinada do proceso adquisitivo (entre o ano e medio e os catro anos).

(c) O corpus, convenientemente tratado e etiquetado mediante transcricións segundo o sistema CHILDES, permitirá establecer pautas e principios sobre la eficacia comunicativa das emisións infantís, e sobre a repercusión dalgúns recursos pragmáticos na evolución da gramática.

(d) Propoñer tendencias e fases de desenvolvemento gramatical sobre a base de certas habilidades pragmático-discursivas dos nenos.

(e) Contemplar todos estes aspectos no deseño dun sistema de avaliación que permita detectar e ponderar déficits comunicativos en idade infantil.



Estes obxectivos cobran aínda máis trascendencia cando se ten en conta que a nosa non é unha investigación aillada. Pola contra, forma parte do proxecto coordinado Eficacia comunicativa y evaluación del lenguaje en el habla infantil y afásica no que tamén participan lingüistas da Universitat de València especializados no estudo das patoloxías da linguaxe. Este proxecto coordinado ten os seguintes propósitos:

(a) Sistematizar e valorar as estratexias de praxe que inciden na función comunicativa da fala infantil (en proceso de desenvolvemento) y del afásico (en proceso de regresión).

(b) A partir dos resultados obtidos, trazar perfís ou canons de gramáticas idiosincráticas no neno e no afásico. Deste xeito, contaráse con patróns susceptibles de tomarse como puntos de referencia na valoración de casos particulares; poderanse establecer tamén eventuais paralelismos entre as estratexias comunicativas do neno e as do adulto mermado na súas habilidades verbais.

(c) Deseñar sistemas e protocolos de avaluación axustados ás realidades estudadas, aplicando os factores de praxe que se demostrasen relevantes, e considerando a súa función na construción gramatical das mensaxes. Detectados os déficits, e definidos estes nas súas particularidades, será máis doado orientar a terapéutica oportuna.





3. Referencias bibliográficas

Brown, R. (1973): A first language: The early stages, London, George Allen & Unwin.

Halliday, M. A. K. (1975): Learning how to mean: Explorations in the development of language, London, Edward Arnold.

Ervin-Tripp, S. M. & C. Mitchell-Kernan (eds.) (1977): Child discourse, New York, Academic Press.

Jakobson, R. (1941): Kindersprache, Aphasie und allgemeine Lautgesetze, Upsala, Almqvist & Wiksell. Existe unha tradución ao inglés: Child language, aphasia and general sound laws, The Hague, Mouton, 1968.

Ochs (1996): "Linguistic resources for socializing humanity" en J. Gumperz & S. E. Levinson (eds.), Rethinking linguistic relativity, Cambridge, UK., Cambridge University Press, 407-437.

Ochs, E. & B. B. Schieffelin (eds.) (1979): Developmental pragmatics, New York, Academic Press.

Ochs, E. & B. B. Schieffelin (1984): "Language Acquisition and Socialization: Three Developmental Stories and their Implications", en R. A. Shweder & R. A. LeVine (eds.), Culture Theory: Essays in Mind, Self and Emotion, Cambridge, Cambridge University Press, 276-320. Recollido en A. Duranti (ed.), Linguistic Anthropology: A Reader, Oxford, Blackwell, 2001, 263-301.

Ochs, E. & B. B. Schieffelin (1995): "The impact of language socialization on grammatical development" en P. Fletcher & B. MacWhinney (eds.), The handbook of child language, Oxford/Cambridge, Mass., Blackwell, 73-94.

Vygotsky, L. S. (1934): Myslenie i rec´, Moskva/Leningrad, Gosudarstvennoe Social´no-Ekonomiceskoe Izdatel´stvo. Existe unha tradución ao inglés: Thought and language, Cambridge, Mass., The M. I. T. Press, 1962.