Os estudos de Matemáticas na Universidade de
Santiago de Compostela (USC) son relativamente recentes, se
pensamos que a propia Universidade conta con máis de
cincocentos anos de historia. Se ben as Matemáticas
estiveron presentes na Universidade de Santiago dende, polo
menos, mediados do século XVIII, época na que
existía a cátedra de "Ars Mathematicae",
temos que agardar ata o século XX, en que a creación
de diferentes cátedras e iniciativas coma o Seminario
Durán Loriga e o Observatorio Astronómico, desembocaron
finalmente no establecemento de estudos conducentes a un título
de Matemáticas.
En efecto, no presente curso académico 2007-08 cúmprese
o 50 aniversario da Licenciatura de Matemáticas na
USC pois o primeiro curso da Sección de Matemáticas
da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela
foi creado por Orden de 18 de setembro de 1957 (BOE do 22
de outubro) “con plena validez académica y caracter
oficial a partir del curso 1957- 58”. A Facultade de
Ciencias, que se creou no ano 1845 xa contaba coa Sección
de Química dende o ano 1922, e acollería a Sección
de Bioloxía, a partir do curso 1966-67, e a de Física,
a partir do 1976-77.
A celebración deste 50 aniversario coincide co 30 aniversario
da creación da Facultade que se instituíu como
tal polo Decreto Regulador do 14 de outubro de 1977 (BOE do
11 de novembro). As Facultades de Bioloxía, Física
e Matemáticas compartiron o edificio da Facultade de
Ciencias, que dende o ano 1961 era o que hoxe ocupa a Facultade
de Química, e a mediados dos oitenta pasaron a ocupar
as actuais instalacións no Campus Sur.
Nesta etapa tivo importancia o Colexio Universitario de Lugo,
que albergou unha Sección de Matemáticas dende
o ano 1972 ata a súa supresión no 1988. Alí
impartíanse os tres primeiros cursos da Licenciatura
de Matemáticas.
Con ocasión do 50 aniversario do inicio da Licenciatura
de Matemáticas na nosa Universidade, a Xunta de Facultade
na sesión celebrada o pasado día 13 de setembro
de 2007, acordou por unanimidade a organización de
diferentes actos e actividades para unha axeitada conmemoración
da efeméride. As actividades están dirixidas
fundamentalmente á lembranza histórica da creación
da Licenciatura e os feitos máis importantes destes
50 anos, que sirva de homenaxe e recoñecemento a todos
os que teñen contribuído a colocar a Facultade
no destacado lugar que ocupa hoxe. A celebración contará
tamén cunha serie de actividades científicas,
culturais e lúdicas, dirixidas ao público en
xeral, destinadas a destacar a importancia das Matemáticas
na vida humana.
|