Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultad de Física

Facultade de Física

Facultade de Física

Dirección

Rúa Xosé María Suárez Núñez, s/n. Campus sur
15782 Santiago de Compostela

Web: http://www.usc.es/fisica
Teléfono con extensión: 981563100-13952
Teléfono con extensión: 981563100-13954
Fax: 881814112
Correo electrónico: zfisdeca@usc.es

Ir a la Web propia

Bienvenida

A Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela creouse o 25 de xullo de 1981 por transformación da sección que viña funcionando na Facultade de Química dende o ano 1977.
Durante estes anos a Facultade de Física consolidouse como un importante centro de docencia e investigación sendo un referente notable na formación de físicos en Galicia e gozando dun gran prestixio nacional e internacional. Por mor deste desenvolvemento a sede inicial da Facultade ampliou as súas instalacións ó edificio do Monte da condesa onde está situado o Departamento de Electrónica e Computación. O resto dos departamentos (Física Aplicada, Física da Materia Condensada e Física de Partículas) alóxanse no edificio principal. Parte dos membros do Departamento de Física Aplicada (ós da área de coñecemento de Óptica) teñen os seus despachos e laboratorios de investigación na Escola de Óptica e Optometría, tamén situada no edificio do Monte da Condesa.
A Biblioteca intercentros de Física e Óptica conta con 149 postos de consulta na sala de lectura e na hemeroteca situadas ámbalas dúas na planta baixa do edificio principal da Facultade. Os seus fondos comprenden mais de 12.500 volumes de libros e 535 títulos de revistas que abarcan tódalas áreas de coñecemento directamente relacionadas coa docencia e investigación desenvolvida no centro.
A biblioteca ten 3 terminais para acceso ó catálogo automatizado (capel), fotocopiadora e Pc para acceso ás bases de datos en CD-ROM. Ademais destes servicios informáticos e de reprografía ofrécense os de préstamo a domicilio e consulta en sala.
Ata 1992 os estudios da Licenciatura en Ciencias Físicas tiñan unha duración de cinco anos ofrecendo dúas especialidades: Electrónica e Física Fundamental. No curso 1992/1993 comeza un novo Plano de Estudios que configura as diferentes materias (troncais, obrigatorias, optativas e de libre configuración) por créditos, equivalendo, no momento actual, 1 crédito a 10 horas lectivas. O alumno tiña que cursar 300 créditos para lograr o seu título de Licenciado ofrecéndoselle a posibilidade de cinco orientacións ou especialidades: Electrónica, Optoelectrónica, Física Fundamental, Física de Materiais e Física de Partículas. Ademais ofréceselle a posibilidade de currículo libre.
O plano de estudios actualmente en vigor (plano 2001) que comezou a impartirse no curso 2001/2002 é unha modificación do de 1993. Aínda que o número de créditos é o mesmo (300) estructúrase en cinco anos de duración, cun primeiro ciclo de tres anos (180 créditos) e un segundo de dous (120 créditos), existindo as mesmas posibilidades curriculares de especialidades e libre configuración que o do ano 1993.
Aínda que o obxectivo principal da Facultade de Física é a docencia da titulación, a nivel de investigación trátase dun dos centros da Universidade de Santiago máis competitivo como demostra o feito de que se trata dun dos centros que consegue máis contratos e proxectos da Unión Europea, da Comisión Interministerial española de Ciencia e Tecnoloxía e de numerosas empresas. Os grupos de investigadores encadrados na Facultade realizan investigación en moitos dos campos da Física, dende os máis formais ata os máis aplicados, así como en outros campos relacionados con esta. Algúns deles corresponden a investigacións en Electrónica, Optoelectrónica, Superconductividade, Microimáns, Partículas Elementais, Física Matemática, Astrofísica e Cosmoloxía, Ciencia e Tecnoloxía de materiais, Biofísica e Medio Ambiente. A intensa actividade investigadora fai que existan numerosos bolseiros e profesores visitantes procedentes de diversos países.
Os grupos investigadores da Facultade de Física manteñen diversas colaboracións internacionais pertencendo a algunhas redes de investigadores financiadas pola Unión Europea, e outras con Latinoamérica.
Ó remata-los estudios de primeiro e segundo ciclo o alumnado pode incorporarse a algún destes grupos iniciando os seus estudios de doutoramento que lle permitirían chegar a ser membro do cadro de persoal docente e investigador das diversas universidades e centros de investigación.