
A diana inicial de localización a que a organización do Fiadeiro de localización de Software Libre (CNL da ETSE, OSL, SNL) se propuxera apuntar nesta segunda edición eran 16 pequenos aplicativos; porén tivo que reducirse, xa que as persoas matriculadas nesta actividade finalmente foron só sete: un profesor universitario e seis alumnos e alumnas de titulacións diversas: Filoloxía Portuguesa, Física, ETIS e Enxeñaría Química. Tamén eran diversa a súa competencia declarada en galego, inglés e informática.
Tras as sesións formativas que lles impartiu persoal da OSL, nas cales coñeceron as ferramentas que ían utilizar, as memorias de tradución, os glosarios, etc., e tras unha primeira proba de tradución en que compartiron dúbidas e solucións, botaron oito horas de xornada –con paradas de descanso e xantar común- localizando os aplicativos encomendados, cun alto nivel de calidade: a media de corrección lingüística foi dun 8’6. Con axuda e, sobre todo, ganas, calquera pode contribuír a unha meirande presenza do galego no software libre.
Os oito aplicativos localizados han estar á disposición de calquera que teña instalado Ubuntu-USC ou no seu ordenador, pois coa vindeira actualización automática hánselle instalar estas ferramentas, dalgunha das cales xa podemos visualizar a súa interface en galego.
Trátase de:

Logo do proceso de revisión e avaliación das traducións realizadas, o II Open ETSE xa ten flamante gañador do premio «Máis e mellor»: o alumno de Física Javier Villar Bello (estudante), que recibirá un diploma acreditativo e 226 euros como recoñecemento económico ao traballo que realizou. A organización cuantifica a totalidade das traducións efectuadas en máis de 1.050 euros.
Todos os participantes, ademais de conseguiren un crédito de libre configuración, arrequentarán o seu currículum cun diploma de participación na actividade e mais cunha constancia do seu traballo de localización da aplicación que se lle encomendara; do mesmo xeito, han figurar nos créditos propios da versión localizada.
Os localizadores/as avaliaron moi satisfactoriamente toda a actividade, e déronlle unha puntuación global de 3,86 sobre 4. Tamén a organización valora positivamente o Fiadeiro: seguirá habendo máis edicións, e tentaremos seguir mellorando.
A destacar
Por un lado destacamos a incorporación dalgúns dos asistentes a comunidade galega de localización de Software Libre.
Por outro, a colaboración de Xosé Antón Gómez Méixome, lingüista e técnico de normalización lingüística do concello de Dodro. Agradecer a súa colaboración como na primeira edición.
Fonte orixinal: O cartafol dixital da USC.