ubuntu-usc

Curso de sistemas de clonación Clonezilla para os TEI da USC

Máis de 30 técnicos da USC estanse formando no uso de sistemas de clonación con Clonezilla para mellorar a súa capacitación á hora de realizar as implantacións de arranque dual que a Oficina de Software Libre da USC está a dirixir en coordinación coa Área TIC da USC.

Foto dunha sesión do curso de Clonezilla, edición Santiago

O plan de actuación da OSL para o fomento e difusión do software libre na comunidade universitaria ten como elemento vertebrador a distribución Ubuntu-USC. A través desta distribución, adaptada ás necesidades dos distintos colectivos da USC, a OSL está a crear os alicerces para acadar un despregue efectivo e real do software libre na USC.Nunha primeira fase do plan de implantación a medio prazo, estanse acometendo implantacións de arranque dual nas aulas de informática dos distintos centros, en estreita colaboración coa Área TIC da USC.

Un paso sen dúbida imprescindible para o éxito deste proceso é a adecuada formación aos técnicos informáticos da Área TIC para que adquiran os coñecementos necesarios tanto para xestionar e ofrecer asistencia á distribución de GNU/Linux como para realizar as implantacións de arranque dual.

Avalicación do curso de verán "Traballo diario con Ubuntu"

Asistentes ao curso de Ubuntu da Universidade de verán da USC

O pasado venres 22 de xullo rematou o curso “Traballo diario con Ubuntu” da Universidade de Verán da USC con gran éxito de asistencia e satisfacción por parte do alumnado e profesorado. Do total de 50 prazas dispoñibles matriculáronse 47 persoas das que 45 asistiron con regularidade.

O 52% dos asistentes eran estudantes da USC e o 23% eran docentes non universitarios dependentes da Consellería de Educación, e polo tanto posibles usuarios do equipamento do proxecto Abalar. A procedencia dos asistentes foi fundamentalmente da provincia de A Coruña e particularmente do contorno de Santiago de Compostela, motivado probablemente polo horario do curso, de luns a venres de 16:30 a 20:30 que era máis propicio para a xente próxima a Santiago.

Durante os 5 días do curso, os asistentes recibiron formación básica sobre como traballar comodamente no escritorio de Ubuntu, como desenvolverse pola internet a través do navegador Firefox, como atopar e instalar novos aplicativos no sistema, como resolver problemas cando non hai alternativas libres, como xogar en Ubuntu e unha rápida ollada a todas as posibilidades que ofrece este completo sistema operativo. O curso foi impartido por Enrique Estévez Fernández, Miguel Ángel Rodríguez Muiños, David Martínez Carballo, Francisco Diéguez Souto e Denís Fernández Cabrera.

Aberta a inscrición para o curso “Traballo diario con Ubuntu”

Logo do curso de Ubuntu2011

A OSL da USC informa que está aberto ata o vindeiro 8 de xullo o prazo de inscrición para o curso da Universidade de verán Traballo diario con Ubuntu. O sistema operativo libre da USC e do proxecto Abalar.

Está aberto ao público en xeral e non require coñecemento previos xa que partirá dende cero. Será de moita utilidade para os alumnos e ex-alumnos da USC que no futuro aspiren a ser profesores en primaria e secundaria na comunidade galega, xa que o proxecto Abalar emprega unha variante deste sistema operativo. Asemade, tamén é un seminario interesante para os profesores que na actualidade participan ou que participarán proximamente no proxecto Abalar.

O seminario é de 20 horas de duración e tramitouse o seu recoñecemento como curso puntuable para o profesorado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, estando só pendente da resolución final por parte da administración educativa.

O obxectivo do curso é introducir aos participantes de xeito metódico e exhaustivo nos detalles do funcionamento do GNU/Linux dende o punto de vista do usuario medio, como contraposición aos usuarios avanzados. Búscase amosar que o GNU/Linux está “listo para o escritorio”, derrubando o mito de que se trata de un sistema soamente para usuarios con coñecementos avanzados de informática. Porase énfase en que os participantes rematen o curso cos coñecementos necesarios para poder facer con Software Libre as mesmas tarefas que veñen realizando habitualmente noutras plataformas, para deste xeito axudar a aqueles que se atopen en proceso de migración.

O prazo de inscrición está aberto ata o día 8 de xullo de 2011. A matrícula pode realizarse ben por internet ou ben presencialmente, dende o 20 de xuño, na Secretaría da Universidade de Verán, Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela ou na Secretaría da Universidade de Verán, Área de Cultura do Campus de Lugo, Pazo de Montenegro, Praciña da Universidade, Lugo.

O custe de matrícula é de 70 € con carácter xeral e de 40 € para estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC.

Recoméndase consultar a normativa reguladora da universidade de verán.

Ciclo de cursos "Sistemas de clonado Clonezilla+DRBL"

Equipo coa Ubuntu-USC

A Oficina de Software Libre da USC en colaboración coa Área TIC planificou e organizou un ciclo de cursos sobre "Sistemas de clonado Clonezilla+DRBL" para os técnicos informáticos das aulas da área. Os cursos versarán principalmente nunha introdución o máis práctica posible nestas dúas ferramentas libres. Con dito curso, pretendese formar aos técnicos para que poidan realizar os clonados dos equipos das aulas e realizar o seu despregue por rede empregando software libre.

Ao igual que os anteriores cursos levados a cabo pola Oficina este ano, este ciclo de cursos inscríbense dentro dos plans de formación que a universidade ofrece aos seus membros pero esta vez a través do servizo de formación ao PAS. O curso está organizado en estreita colaboración entre a Area TIC e a Oficina, que elaboraron un programa que permita formar aos técnicos para o despregue, xestión e mantemento das instalacións de Software Libre da USC, salientando a implantación do arrinque dual nas aulas coa Ubuntu-USC.

Ciclo de cursos "Administración da Ubuntu-USC"

Equipo coa Ubuntu-USC

A Oficina de Software Libre da USC vai a impartir un ciclo de cursos sobre a "Administración da Ubuntu-USC" aos técnicos informáticos da Área TIC. Os cursos versarán principalmente na xestión e resolución de incidencias menores e usuais, coa finalidade de estabelecer unha primeira estadía no soporte técnico corporativo da USC na distribución de GNU/Linux adaptada para a universidade, Ubuntu-USC.

Ao igual que os anteriores cursos levados a cabo pola Oficina este ano("O Software Libre vitamina a formación da universidade no mes de abril"), este ciclo de cursos inscríbense dentro dos plans de formación que a universidade ofrece aos seus membros pero esta vez a través do servizo de formación ao PAS. O curso está organizado en estreita colaboración entre a Area TIC e a Oficina, que elaboraron un programa que permita formar aos técnicos para o despregue, xestión e mantemento das instalacións de Software Libre baseadas na Ubuntu-USC.

Documentación da Xornada de achegamento ao SwL para profesionais e empresas TIC

O xoves pasado tivo lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, a Xornada de achegamento ao SwL para profesionais e empresas TIC.
O evento estaba especialmente dirixido a persoal técnico, autónomos e/ou directivos de empresas TIC, tanto do sector privado como público, así como para o persoal desempregado técnico interesado na temática.

A OSL-USC gaña o premio Eganet na categoría de Software Libre

A Asociación de Empresas galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) celebrou onte a gala de entrega dos Premios EGANET'09. A estes premios concorren tódalas entidades, profesionais e empresas galegas ou con especial relación con Galicia que desenvolven produtos e/ou servizos TIC. O xurado está formado por recoñecidos expertos do sector, recollendo de entre os propios sustratos premiados.

Ubuntu-USC na aula de docencia de Dereito

Ao longo dos últimos días a Oficina de Software Libre da USC ven de migrar a aula de docencia da Facultade de Dereito ao sistema operante libre Ubuntu-USC, unha distribución de GNU/Linux baseada na popular Ubuntu con adaptacións para a Universidade de Compostela.

Ubuntu-USC na ETSE

A distribución de GNU/Linux Ubuntu xunto cos pacotes desenvolvidos pola Oficina de Software Libre da USC -- o que decote chamamos Ubuntu-USC -- foi orixinalmente un desenvolvemento pensado para o Plano Piloto de Introducción de GNU/Linux na Universidade (mais información).

Distribuir contido