Informacion Que é a OSL

Instalacións da OSL no Campus Sur da USC.
Instalacións da OSL no Campus Sur da USC.

A Oficina de Software Libre (OSL) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) créase no ano 2008 coa colaboración da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, para promover o uso e difusión do software libre na universidade, e de servir de nexo coa comunidade de software libre no seu entorno.

As funcións da OSL son principalmente de análise, estudo, planificación, consulta e dinamización. Desenvolve o seu traballo en colaboración cos órganos existentes na universidade pra mellorar alí onde sexa posible as suas prácticas.

Eixos estratéxicos

A Folla de Ruta da OSLUSC determina cinco eixos principais:

  • Docencia
  • Investigación
  • Administración
  • Visibilidade
  • Formación.

Estes eixos actúan tanto verticalmente, incidindo en cada un dos colectivos indicados, como transversalmente, desenvolvendo actividades de promoción e educación do conxunto da comunidade universitaria, así como tamén proporcionando visibilidade de cara ao exterior.

O principal e mais palpable resultado desta accción será a creación dunha comunidade (PDAs, PDI e alumnos) que esté familiarizada co modelo do Software Libre, coñeza as súas vantaxes e actúe á vez como demandante e como divulgadora do Software Libre na sociedade galega.

Para a articulación desta comunidade búscase non soamente crear usuarios, senón tamén desenvolvedores (no senso amplo: programadores, pero tamén tradutores, grafistas, analistas, correctores de erros), así como implicar ás empresas, á administración e ó conxunto da sociedade.

Cultura Libre

Un alicerce fundamental da OSLUSC é a aposta polo modelo de desenvolvemento que representa o Software Libre extrapolado ó resto das áreas de creación e investigación: un modelo baseado no desenvolvemento colaborativo e construtivo, na supervisión e crítica da comunidade, no establecemento de estándares e protocolos e no preserva-la función central (comunicadora, utilitaria ou estética) dos contidos por riba de intereses espúreos.

Con esta fin a OSLUSC pomove a xeración de contido libre dentro da USC e o emprego de licenzas libres recoñecidas (GNU GPL, FDL, Creative Commons, ...), formatos estandarizados e abertos, e a utilización de recursos de información libre.