Documentacion Soporte

Aínda que a función principal da Oficina de Software Libre non é prestar soporte técnico, na medida en que o resto das nosas actividades nolo permitan sempre estamos dipostos a axudar cas dúbidas e problemas que os usuarios de software libre da universidade poidan ter.

Nembargante, recomendámosche que antes de recorrer á oficina busques soporte na comunidade, que é o xeito habitual de apoio e transmisión de coñecemento entre os usuarios de software libre e constitúe, de feito, boa parte do valor do mesmo. As relaccións que se establecen entre os usuarios, a realimentación (en moitos casos directa) cos desenvolvedores, o feito de se saber parte do propio proceso de producción das ferramentas que se están a empregar e ter voz (e talvez parte) no seu futuro desenvolvemento son unha faceta humana e autoformativa que moitas veces se pasa por alto.

Un bo punto de entrada para o usuario son os Grupos de Usuarios de GNU/Linux da Galiza, que non soamente se adican ao sistema operante que lles da nome, senón que promoven o uso de todo tipo de aplicacións libres. Tamén organizan regularmente conferencias, congresos e diversos tipos de actividades que poden ser interesantes dende un punto de vista tanto lúdico coma formativo.

Se pola contra o que precisas é soporte empresarial (solucións de empresa, garantía de asistencia as vintecatro horas, etc.) entón será mellor que recorras a un contrato cun axente especializado. Na Galiza hai un número importante e crecente de empresas que proporcionan servizos sobre Software Libre, e podes atopar boa parte delas na Asociación de Empresas Galegas de Software Libre.

Finalmente, no ámbito institucional e da administración podes contactar con Mancomún, o centro de referemcoa e servizos de software libre promovido pola Consellaría de Innovación e Industria da Xunta.

No caso de precisar recorrer á oficina, pódeste poñer en contacto connosco no enderezo de correo electrónico osl [arroba] usc.es ou chamando ao teléfono 981 59 44 88 e marcando a extensión 16341.