|
Problemática
Existe gran diversidade de factores que poderían incidir na
contaminación lumínica no ámbito universitario. A
continuación, menciónanse os máis estendidos e
relevantes:
Luminaria
Os problemas veñen determinados pola baixa eficiencia en
canto a focalizar a iluminación dos seguintes deseños:
-Tipo farol: Carente de grupo óptico que acolla totalmente
a lámpada, decote dotada con paredes laterais opalinas
e cun FHS (fluxo luminoso emitido cara ao hemisferio
superior sobre o total eficaz da luminaria) entre 35-45%.
-Tipo globo (piramidal, esférico o con reixa
interior): Caracterizadas por un FHS superior ao 20%,
sobre todo as esféricas, carentes de grupo óptico,
sen apantallar ou, no seu
defecto, dotados dun reflector na parte superior. Débese
puntualizar que a curva fotométrica dos globos con reixa
interior caracterízase por un menor fluxo inútil emitido
cara arriba con respecto aos globos totalmente
descubertos e, polo tanto, son máis recomendables.
Cabe salientar en ambas as tipoloxías de luminarias a
presenza dunha disposición vertical da lámpada, dun modo
xeneralizado.
Lámpada
As inadecuadas son as de vapor de mercurio
incluíndo baixo este termo as lámpadas de haloxenuros
metálicos. Os problemas que ocasionan proveñen do seu
espectro de emisión, caracterizado pola emisión
fortemente nesgada en bandas non útiles para a
iluminación (IR) e moi contaminantes para a observación
dos corpos celestes, amais de nociva para as especies
nocturnas (UV). Asemade, o seus inconvenientes tamén se
xustifican porque están fabricadas a base de metais
tóxicos, caracterízanse por un maior consumo (menor
eficiencia) e unha depreciación do seu rendemento co tempo.
Outros inconvenientes
-Prodúcense en moitos casos apantallamento da
luminancia ocasionada polo crecemento das especies
vexetais, que dificulta unha correcta iluminación.
-Non existe un control rigoroso do horario de
funcionamento dos sistemas de iluminación que estea de
acordo coas actividades obxecto da iluminación.
Detectáronse varios casos en que o número de puntos de
luz activos é independente de que a actividade que se
quere iluminar se estea a desenvolver ou non.
Proposta de medidas preventivas e
correctoras
Algunhas medidas para aliviar a contaminación lumínica
presente nos campus da USC poderían ser (seguindo
criterios establecidos na lexislación vixente nalgunhas
zonas do Estado) en:
Utilización de lámpadas axeitadas
-Implica a supresión progresiva das lámpadas de vapor de
mercurio, potenciando as lámpadas de vapor de sodio de baixa
presión. Só por requirimentos cromáticos e necesidades
dunha adecuada ou maior potencia se colocarán lámpadas
de sodio de alta presión.
-Esta substitución vén xustificada polas vantaxes
enerxéticas, en termos de eficiencia, e pola mellora no
resplandor nocturno do ceo que se acada. Débese ter en
conta que esta substitución diminúe a reprodución
cromática, polo que a calidade de iluminación pode verse
minguada pero non a súa intensidade.
Utilización de luminarias apropiadas
-É prioritario retirar as luminarias tipo globo cando non
dispoñan da semiesfera superior opaca e de dispositivos
reflectores eficientes que permitan recuperar o fluxo da
parte superior e dirixilo para alumar a superficie
desexada (chan). Se non é posible retiralas é
conveniente opacar internamente o 50 % do hemisferio
superior das luminarias.
-A elección da luminaria adecuada carrexa a avaliación da
súa distribución fotométrica co gallo de evitar a
emisión do fluxo luminoso en direccións que non é
necesario iluminar, dirixíndoo cara áreas de interese.
Por isto, sería aconsellable o emprego de luminarias
dotadas dun equipo óptico interior opaco provisto do
volume necesario para albergar totalmente a lámpada ou,
no seu defecto, portando un reflector adecuado e
adoptando unha disposición da lámpada preferentemente en
posición horizontal. Asemade, a pantalla de peche desta
carcasa deberá ser plana ou lixeiramente curva,
transparente, e preferentemente de vidro. Podería
empregarse tamén, nalgúns casos, metacrilato.
-Así mesmo, o peche das luminarias debe garantir
condicións herméticas para evitar fenómenos de opacidade
e perda de reflexión dos elementos ópticos producidos
pola suciedade. Luminarias (grupos ópticos) cun grao de
protección IP-65 satisfan este criterio, debendo esta
propiedade verificarse e manterse durante a vida útil do
dispositivo óptico.
-Recoméndase consultar as luminarias certificadas pola
Oficina Técnica para a Protección da Calidade do Ceo (OTPC)
do Instituto Astrofísico de Canarias (IAC) que establece
unha sistematización segundo o seu uso, fixando un valor
porcentual de FHS.
Adecuación dos niveis luminotécnicos
A
regulación da luminancia debe axustarse ás
características dos espazos a iluminar. É aconsellable
a adopción de valores propostos en publicacións editadas
por diferentes organismos especializados en materia de
iluminación:
Outras recomendacións
-Modificar, sempre que non afecte dun xeito sensible á
perda de iluminación, a inclinación das luminarias ata
situalas paralelas ao plano horizontal.
-Considerar en conxunto as características fotométricas
das luminarias, o lugar de colocación, altura e
orientación.
-Ter
en conta a posible existencia de superficies
reflectoras como os pavimentos ou fachadas de edificios,
adaptando os niveis de iluminación ao seu factor de
reflexión inherente ao material.
-Aplicar medidas correctoras como a colocación de
viseiras paralúmenes en luminarias cun grado de
inclinación problemático ou corrixir a altura inaxeitada
para conseguir un grao de apantallamento óptimo.
-Pode pensarse adaptar o horario de funcionamento das
instalacións ao ciclo de iluminación natural mediante a
regulación horaria da iluminación (uso de células
fotoeléctricas ou reloxos astronómicos). Esta medida é
aconsellable particularmente nos espazos dedicados a
actividades recreativas, lúdicas e ornamentais.
-Débese procurar considerar a presencia de posibles
obstáculos á hora de emprazar novos puntos de luz, é
dicir, non situar as luminarias en lugares onde poida
haber dificultades para acadar os niveis luminotécnicos
óptimos (como as barreiras vexetais, fachadas……), xa que
carrexa á necesidade de engadir máis luminarias dun
xeito superfluo.
-É
necesario realizar mantemento periódico mediante tarefas
de poda das especies vexetais que interfiran na
luminancia dos sistemas de iluminación.
-Deben eliminarse ou substituírse os focos e proxectores
que emiten o fluxo luminoso directamente cara ao ceo por
outros caracterizados por un feixe de luz concentrado e
con pantallas asimétricas que permitan alumar as zonas
de interese.
-Pode
resultar interesante a adopción tanto dentro como fóra
dos edificios das seguintes medidas tendentes cara a
unha redución da intensidade lumínica:
-
Redución dos niveis de potencia dos sistemas de
iluminación, mediante a substitución das lámpadas de
vapor de mercurio por vapor de sodio.
-
Inactivación de puntos de luz dentro e fóra dos
edificios dependendo da actividade de interese,
mantendo os niveis mínimos que garantan as
condicións de seguridade e visibilidade.
-
Instalación de redutores de fluxo nos lugares nos
que non poidan apagarse totalmente a certas horas
(aparcamentos, vías públicas…).
|