|
Motivación
A nosa sociedade amosa un nivel de vida no que o alto ritmo
de consumo implica un esgotamento paulatino dos recursos
naturais e un continuo aumento dos residuos xerados. Esta
tendencia nos hábitos de consumo da sociedade é transferible
ás universidades, xa que son institucións nas que un elevado
número de persoas desenvolven diariamente as súas
actividades profesionais.
Por esta razón, dende a Coordinación do Plan de
Desenvolvemento Sostible, promóvese a realización dun estudo
que sirva para avaliar o impacto da actividade universitaria
no entorno que a rodea.
Obxectivos
-
Coñecer os principais impactos que a comunidade
universitaria ten no entorno.
-
Difundir os resultados destes impactos entre os membros
da comunidade universitaria e da sociedade en xeral,
para sensibilizar do impacto da actividade humana no
medio.
-
Avaliar os impactos máis negativos e propoñer posibles
medidas para minimizalos.
-
Potenciar e posibilitar a acción consecuente da
comunidade universitaria tanto na súa actividade cotiá
como a través dos órganos de goberno para reducir o
impacto ambiental.
Antecedentes
No ano 2007, o Plan de Desenvolvemento
Sostible realizou, en colaboración co profesor Ramón López
Rodríguez, un estudo de pegada ecolóxica en dous centros
universitarios. Este estudo revelou que a Facultade de
Ciencias Económicas e Empresariais (campus de Santiago)
necesitaría un total de 463,58 ha/ano de bosque
galego para poder asimilar as emisións de CO2
asociadas á súa actividade académica (unhas 344 veces a súa
propia superficie); e a Escola Universitaria de Formación
do Profesorado (campus de Lugo) necesitaría 115,92
ha/ano (unhas 193 veces a súa propia superficie).
Cando os anteriores resultados
se relacionan cos membros da comunidade universitaria de
cada centro, os valores que se obteñen son máis similares:
0,13 ha/persoa/ano para a Facultade de Ciencias
Económicas e Empresariais e 0,15 ha/persoa/ano
para a Escola Universitaria de Formación do Profesorado.
Metodoloxía
aplicada
No estudo desenvólvese unha metodoloxía baseada na proposta
por Rees e Wackernagel (primeiros autores que definiron un
método de cálculo para a pegada ecolóxica) e nos estudos
realizados pola Universidade Politécnica de Cataluña. O
procedemento permitirá coñecer a superficie de bosque galego
necesaria para asimilar as emisións de CO2
asociadas a:
-
O consumo eléctrico.
-
O consumo de combustibles fósiles (gasóleo e gas natural).
-
As emisións asociadas á mobilidade.
-
O consumo de papel.
-
As emisións asociadas á construción do edificio.
-
O consumo de auga.
-
A xeración de residuos urbanos.
-
A xeración de residuos perigosos.
Principais
resultados
A pegada ecolóxica da USC no ano 2007 é de 0,16
ha/persoa/ano, o que corresponde ao 2,56% da pegada
ecolóxica galega. Isto tradúcese en que a Universidade de
Santiago de Compostela necesitaría unha extensión de
5.217 ha de bosque galego para asimilar as emisións de
CO2 producidas, máis de 55 veces a extensión
ocupada polos campus de Santiago e Lugo.
O principal impacto ambiental identificado é o asociado ao
consumo de electricidade, seguido polo impacto asociado ao
consumo de gas natural (para produción de electricidade e
calor, nas instalacións de coxeración, e para a xeración de
calor en determinadas caldeiras) e polo impacto da
mobilidade.
Documentos
|