| Motivación O gran desenvolvemento da
sociedade da información, tanto na súa vertente analóxica
coma dixital, produciu un elevado crecemento dos novos
soportes ópticos (CDs e DVDs). En 2006, 36.000 millóns de
unidades foron fabricadas no mundo, mentres que en España a
fabricación foi de 570 millóns de unidades.
Esta tendencia de crecemento
vai acompañada dunha continua innovación en busca do
incremento continuo da capacidade de ditos soportes e a
obter dispositivos máis rápidos, económicos, de menor tamaño
e máis fiables.
Estes soportes están fabricados a
partires de policarbonato, aluminio, lacas e colorantes,
todos eles materiais que non son biodegradables. Debido a
esta composición, non poden ser depositados no contedor
amarelo xunto cos demais plásticos, polo que ata o de agora
debían ser desbotados xunto co resto de residuos inertes no
contedor verde.
A USC, a través do Plan de Desenvolvemento
Sostible dependente da Vicerreitoría de Calidade e
Planificación, detectou a necesidade de xestionar
sostiblemente este tipo de residuo, que debido ao carácter
docente e investigador da universidade, se xera en altas
cantidades.
Por esta razón, a USC contratou os
servizos da empresa vasca SARBIDE S.A, que a través do
proxecto
Cederika
oferta o servizo de recollida selectiva de CDs e DVDs. A
USC pasa así a ser a primeira universidade galega que aposta pola
axeitada xestión dos soportes ópticos desbotados.
Obxectivos
- Concienciar e sensibilizar á comunidade
universitaria no respecto cara o medio ambiente,
promovendo a xestión sostible dos residuos xerados.
- Satisfacer a demanda da xestión específica destes
tipos de residuos por manifestada por parte da
comunidade universitaria.
Procedemento
A recollida selectiva dos CDs e DVDs
realizarase mediante o depósito deste tipo de residuos en
contedores específicos colocados en todos os centros
docentes, bibliotecas e edificios administrativos da
universidade. Unha vez que os contedores estean completos, a
Unidade de Xestión de Residuos
Perigosos será a encargada de
proceder ao seu baleirado e almacenamento ata que os
responsables da empresa Cederika procedan á súa recepción e
posterior reciclaxe. É importante indicar que os CDs e DVDs
deben ser depositados no contedor sen a caixa plástica nin
funda que poidan posuír.
Ademais dos contedores, nalgunhas
localizacións específicas, colocaranse máquinas destrutoras
de información. Estes dispositivos inhabilitan os CDs e DVDs,
xa que lles realizan un taladrado que imposibilita a súa
posterior lectura.
En todos os centros haberá carteis
informativos da localización da máquina destrutora máis
cercana.
Recomendacións
-
Mantén os teus
discos fóra do alcance da luz solar directa
-
Non expoñas os
CDs e DVDs a altas temperaturas nin os poñas en contacto
directo con auga
-
Intenta que os
discos estean sempre limpos
Todas estas medidas
serven para aumentar a vida útil dos soportes ópticos o que
permite, non só aforrar cartos, senón reducir o impacto
ambiental destes soportes previndo o seu refugallo. |