Títulos
 

1) MÁSTER EN ESTUDOS TEÓRICOS E COMPARADOS DA LITERATURA E DA CULTURA.
2) MÁSTER MUNDUS CROSSWAYS IN EUROPEAN HUMANITIES
3) DOUTORAMENTO EN TEORÍA DA LITERATURA E LITERATURA COMPARADA

 

 
O máster ten unha orientación académica e investigadora, e intégrase na etapa de formación do programa de doutoramento en Teoría da literatura e literatura comparada. Oriéntase fundamentalmente ós estudios literarios a partir dunha perspectiva interdisciplinar, teórica, crítica e comparatista, aberta dende a súa centralidade literaria ós estudos fílmicos, intermediais e interartísticos, así como ás relacións entre a literatura e as novas tecnoloxías, a cultura de masas e as escrituras emerxentes.

Na súa actual formulación, plenamente adaptada ó EEES, o programa ven dunha sobranceira tradición (primeiro programa de doutoramento en teoría da literatura e literatura comparada da universidade española (en1991-1992), que acadou e mantivo ininterrompidamente a Mención de Calidade do Ministerio de Educación e Ciencia e a ANECA. Está integrado no programa de máster conxuntos da UE Erasmus Mundus, Crossways in European Humanities, nun consorcio formado polas prestixiosas universidades de St. Andrews, Sheffield, Tübingen, Perpignan-Via Domitia, Bergamo e Nova de Lisboa, así como na rede Hermes para estudios literarios e culturais europeos, formada polas universidades de Aarhus, Giessen, Católica de Leuven, Lisboa, University College of London, Onderzoekschool Literatuurwetenschap, Wisconsin-Madison e Standford, rede específicamente adicada á promoción da investigación predoutoral dos estudantes de máster e doutoramento.  

O programa ten un carácter pluridepartamental e interdisciplinar cunha vocación científica e de formación académica, cun carácter mixto orientado á investigación e á profesionalización dos alumnos, e prestará unha especial atención á apertura aos estudantes do resto de Europa e América Latina, en consonancia coas relacións interculturais que fan de Santiago de Compostela, e da súa Universidade, referentes privilexiados nos espazos mencionados.
Os contidos formativos do programa atenderán a un desenvolvemento actualizado, teórico e práctico, dos sistemas teóricos e metodolóxicos vixentes no eido dos Estudos literarios, dende os seus antecedentes máis significativos desde a Retórica e Poética clásicas ata as últimas tendencias disciplinares nos campos literario, artístico e cultural. Do mesmo xeito, o programa favorecerá un aprofundamento dos coñecementos da literatura ou literaturas que o estudante cursara no primeiro e segundo ciclos ou grao, arrequentándoos desde unha perspectiva comparatista de carácter transnacional e plurilingüística.

Os contidos formativos do máster concrétanse nos seguintes itinerarios de especialización:
-Especialista en Crítica literaria e análise cultural (30 créditos)
-Especialista en Cultura dixital e escrituras emerxentes (35 créditos)
-Especialista en Literatura Europea Comparada (35 créditos)
-Especialista en Interartes e Estudos filmoliterarios (30 créditos).
-Especialista en Estudos teatrais (30 créditos).

Como etapa de formación do programa de doutoramento, o programa facilitará a realización de teses de doutoramento de índole teórica e comparada e proporcionará, así mesmo, o instrumental básico, os coñecementos rigorosos e a preparación necesaria para poder ocupar determinados postos de traballo relacionados co eido das Humanidades.

NOVIDADE: INFORMACIÓN MATRÍCULA CURSO 2011-2012

Enlace á titulación no portal da USC

 

Volver a POP TLLC

volver