Actualizado a 6-6-05

   
Espazo Europeo de Educación Superior

 

         
     

1. Antecedentes

2. Retos

3. Implicacións para a titulación de Psicoloxía

4. Na nosa Universidade

5. Na nosa Facultade

 5.1. Actividades relacionadas co proceso de converxencia

    5.1.1. Experiencia piloto de titorías universtitarias individualizadas

     5.1.2. Programa de formación do profesorado

    5.1.3. Experiencia piloto de adaptación de materias ao crédito europeo

    5.1.4. Estudo sobre a carga de traballo dos estudantes

    5.1.5. Estudo para o deseño do Prácticum no futuro plan de estudos de Grao en Psicoloxía

  5.2. Documentos de traballo

    5.2.1. Competencias do Psicólogo/a

     5.2.2. Modelo da Guía Docente

     
         
       
 

1. Antecedentes

 
   

Coa denominación de Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) faise referencia ao proceso de converxencia dos sistemas nacionais europeos de educación superior que se promove dende a Unión Europea.

A iniciativa ten a súa orixe nos programas de mobilidade de estudantes que, como o ERASMUS, comezaron no 1987 e que determinaron a necesidade de encontrar un sistema axeitado de equivalencias e recoñecemento de estudos.

Por mor da experiencia con estes programas, os responsábeis de Educación de distintos países europeos comezaron a forxar a idea de armonizar os sistemas de educación superior, facéndoos máis semellantes, de xeito que:

* Se adoptase un sistema de titulacións e concepto de crédito común, para formentar a comparabilidade e o recoñecemento dos estudos, co obxectivo de favorecer a mobilidade dos estudantes e a integración dos titulados nun mercado laboral unificado.

* Se impulase a cooperación europea para garantir a calidade e para desenvolver uns criterios e unhas metodoloxías educativas comparábeis.

   
         
       
 

2. Retos

 
   

Ao longo dunha serie de reunións de responsábeis gubernamentais e institucionais, fóronse definindo as características dos futuros planos de estudo e outros aspectos do Espazo Europeo de Educación Superior, que poden resumirse en tres ámbitos de actuación:

 

A Comisión Europea acometeu diversas medidas para facilitar e impulsar o proceso de converxencia. Designou conselleiros ECTS e promotores DS nos países participantes, encargou informes e puxo en marcha o programa piloto denominado Tuning educational structures in Europe. Neste último analizouse, por disciplinas, a estrutura, contidos básicos, as competencias xenéricas e específicas e as habilidades e destrezas a conseguir nas ensinanzas universitarias.

 Grande parte dos estados membros e asociados da Unión Europea implantaron, ou ben teñen previstas, as reformas necesarias para a adaptación dos seus sistemas nacionais de ensinanza superior, dado que, segundo o compromiso adoptado, estas terán que levarse a cabo antes do 2010.

En España, realizáronse numerosos encontros que serviron para sensibilizar á universidade na sua globalidade.

A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) tamén incluíu entre os seus temas prioritarios a harmonización do sistema universitario español.

Verbo do marco legal actual, as previsións que a LOU contempla para posibilitar as reformas que teñan que realizarse nas estruturas dos estudos están desenvolvidas no articulado correspondente ao título XIII da propia lei.

Mediante un documento marco o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte iniciou, nas instancias implicadas, o debate que debe inspirar as directivas sobre os distintos aspectos da converxencia.

Até o momento publicáronse: 

  • O Real Decreto polo que se estabelece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio español.

  • O Real Decreto polo que se estabelece o procedemento para a expedición, polas universidades, do Suplemento Europeo ao Título.

  • O Real Decreto sobre homologación de planos de estudo e títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio español.

  • O Real Decreto polo que se regulan as condicións de homologación e convalidación de títulos e estudos estranxeiros de educación superior.

  • O Real Decreto polo que se estabelece a estrutura das ensinanzas universitarias e se regulan os estudos universitarios oficiais de grao.

  • O Real Decreto polo que se regulan os estudos universitarios oficiais de postgrao.

   
   

 

   
       
 

3. Implicacións para a Titulación de Psicoloxía

 
   

      A concreción das medidas de converxencia nos estudos de Psicoloxía, atenderá, con toda probabilidade, ás análises realizadas en tres ámbitos fundamentais:

 

1.      A Conferencia de Decanos de Psicoloxía

2.      Os proxectos Europsy e EuropsyT

3.    O programa de Converxencia da “Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y la Acreditación(ANECA) 

 

1.  A Conferencia de Decanos de Psicoloxía reflexionou e debatíu acerca do Espazo Europeo de Educación Superior en distintas reunións de carácter ordinario e monográfico. En ditas reunións fóronse definindo posturas, que cabería sintetizar nos seguintes puntos:

  • No tocante ao nivel de grao (licenciado), a conferencia de decanos considérao insuficiente para o exercicio profesional da Psicoloxía. Tómase en consideración que, segundo as directrices do propio ministerio, o título ten que ser de carácter xeralista e está destinado a proporcionar aos estudantes os rudimentos científicos e instrumentais da disciplina, previsíbelmente ao longo de 4 anos (240 créditos). Esta formación habería de completarse coa de postgrao (título de máster) de cara a que a incorporación no mercado laboral como psicólogo/a se produza con certas garantías. Cabe a posibilidade de que o título de grao puidera cualificar para traballar, pero so baixo a supervisión ou control dun psicólogo co título de Máster.

 

  • Verbo do título de postgrao (máster), a conferencia de decanos considera precisa a implantación de masters oficiais relacionados cos ámbitos profesionais tradicionais e emerxentes da Psicoloxía, así como de regular uns contidos mínimos comúns. O acceso aos mesmos habería de requerir do título de licenciado da disciplina psicolóxica. Por outra banda, a denominación “Psicoloxía” no título de máster debería reservarse aos mencionados ámbitos tradicionais, buscando denominacións alternativas para másters con carácter interdisciplinario e de acceso menos restrinxido.

 

 

2.   Os proxectos EuroPsyT e EuroPsy, auspiciados polo programa Leonardo da Vinci da Comisión Europea, permitiron explorar os aspectos comúns e diferenciais das titulacións de Psicoloxía en Europa e definiron un modelo de mínimos para a educación e o entrenamento na disciplina. Nos proxectos participaron e seguen a participar representantes de distintos países europeos, entre eles o profesor J.M. Peiró da Universidade de Valencia.

 

Na actualidade, o grupo de traballo EuroPsy está a ultimar o deseño do Diploma Europeo de Psicoloxía (EDP), que foi refrendado pola EFPA en Xullo de 2003 e será previsíbelmente incorporado á próxima normativa do Parlamento Europeo sobre Cualificacións Profesionais. O EDP habilitará directamente para exercer a Psicoloxía nos países comunitarios. Para obtelo, o titulado deberá acreditar posuir unha serie de competencias precisas para realizar as funcións do psicólogo nun ámbito de intervención determinado. Dita acreditación será avalada por un profesional autorizado en exercicio, que supervisará a práctica do aspirante durante un ano.

No nº 86 (decembro de 2003) da revista "Papeles del Psicólogo" [ ir ] e do suplemento informativo "Infocop" [ ir ] do Colexio Oficial de Psicólogos, inclúense artículos que abordan estes aspectos.

 

  1. Finalmente, a ANECA puxo en marcha o Programa de Converxencia Europea, coa intención de impulsar e apoiar a integración do sistema de educación español no Espazo Europeo de Educación Superior. Dito programa contempla medidas dirixidas a difundir o proceso, a apoiar a realización de experiencias piloto de deseño e implantación de titulacións converxentes e a valorar a adopción dos criterios de converxencia. En concreto, a ANECA presentou, ata o momento, dúas convocatorias de axudas para o deseño de planos de estudo e títulos de grao.

 

   
         
       
 

4. Na nosa Universidade

 
   

      O Vicerreitorado de Organización Académica e Profesorado conformou unha Comisión de Coordenación do Proceso de Converxencia Europea na que participan representantes de todolos centros da Universidade. As suas funcións son:

 

  • Promover a difusión entre a comunidade universitaria da información disponíbel sobre o proceso de converxencia no Espazo Europeo de Educación Superior.

  • Promover e coordenar os debates sobre os distintos elementos implicados no proceso de converxencia.

  • Coordenar os traballos a levar a cabo nos centros para o desenvolvemento do proceso de converxencia.

  • Recoller as opinións da comunidade universitaria sobre os distintos aspectos implicados no proceso de converxencia.

  • Propor ao Consello de Goberno medidas que posibiliten conseguir os obxectivos do proceso de converxencia nas mellores condicións posibeis.

 

          O Vicerreitorado mantén tamén un sitio adicado ao Espazo Europeo de Educación Superior na páxina web da universidade.

 

   
         
       
 

5. Na nosa Facultade

 
   

O 29 de Abril de 2003 constituíuse na Facultade unha Comisión de Converxencia co Espazo Europeo de Educación Superior, con representación das distintas áreas de coñecemento. As súas reunións son abertas para todos os membros da Facultade.

 A reunión de Constitución da Comisión foi de carácter informativo. Nela presentouse un documento base no que se aportaba unha panorámica xeral  sobre o proceso de converxencia e recopiláronse fontes de información sobre o tema.

 Nas restantes reunións reflexionouse sobre os eventos recentes do proceso de converxencia e se discutiron as iniciativas a tomar de cara a participar no mesmo. En concreto, analizouse o documento marco do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, así como os Reais Decretos publicados e borradores de Reais Decretos en tramitación. Comentáronse tamén os comunicados das recentes reunións internacionais de Graz,  Berlín e Bergen

 Paralelamente, levouse a cabo un intenso labor de pescuda de información e documentación que foi verquida nunha base de datos sobre o Espazo Europeo de Educación Superior, que conta na actualidade con máis de 100 documentos, dispoñíbeis no Decanato. Concurríuse tamén a distintas conferencias e reunións monográficas sobre o Espazo Europeo de Educación Superior.

        A nosa Facultade participou, xunto coas demáis facultades de psicoloxía do estado na convocatoria de axudas para o deseño planos de estudio e títulos de grao da ANECA.

 O plano de traballo a desenvolver, dacordo coa convocatoria, esixiu a concreción dun modelo “ideal” para o título e a definición dun perfil académico-profesional e unhas competencias necesarias para o exercicio da psicoloxía e, finalmente, o deseño da titulación, incluíndo a asignación de créditos ECTS e duns criterios de valoración de calidade da mesma. Todo isto recolleuse no Libro Branco da Titulación.

De cara a distribuir o traballo que este plantexamento conlevou, conformáronse unha serie de grupos de traballo interfacultades aos que se lle asignaron tarefas específicas. En función desta distribución de tarefas, os representantes da nosa Facultade tiveron un papel especialmente activo na análise da correspondencia entre os contidos definidos para o futuro plano de estudo e as horas de traballo do alumno, así como na definición de criterios e indicadores de avaliación considerados máis relevantes para garantir a calidade da titulación.

A nosa implicación neste último aspecto foi plenamente coherente coa participación da facultade na convocatoria de ACREDITACIÓN da ANECA.

Adenáis de todo isto, na nosa facultade trazáronse distintas liñas de actuación de cara a facilitar o proceso de converxencia, que se describen nos seguintes apartados.

 

5.1. Actividades relacionadas co proceso de converxencia

 

 

                  5.1.1. Experiencia piloto de titorías universitarias individualizadas

             Decidíuse poñela en marcha a raíz da participación no proxecto piloto de acreditación da ANECA durante o curso 2003-04, para avanzar en aspectos relativos á atención aos/ás estudantes.

             Están a participar 25 profesores/as que titorizan a 50 estudantes de 1º curso, todos eles (estudantes e profesores) con carácter voluntario. A experiencia estase a desenvolver con base no modelo instaurado na Facultat de Ciéncias de la Salut i de la Vida da Univesitat Pompeu Fabra, coas necesarias adaptacións ás condicións da nosa Facultade, e coa intención de definir as condicións nas que este tipo de atención se deberá prestar no futuro marco (carácter universal ou dirixido aos estudantes con baixo rendimento académico, número máximo de estudantes a titorizar por profesor/a, aspectos nos que centrar a orientación, tempo de adicación necesario por profesor/a, etc.).

             Esta acción iniciouse cun seminario de formación, impartido polo prof. Jordi Pérez, da Universitat Pompeu Fabra, que se celebrou en setembro, e se está a desenvolver mediante reunións trimestrais do profesorado participante para a posta en común do proceso de titorización. Contou cunha subvención da Vicerreitoría de Calidade e Planificación Estratéxica que se repartíu entre o profesorado participante a modo de incentivo e de complemento á súa asignación para material docente.

             A continuación relaciónase o profesorado participante:

 

  1. Alcaraz García, Miguel
  2. Becoña Iglesias, Elisardo
  3. Campos García, Alfredo
  4. Carrillo de la Peña, Mª Teresa
  5. Castro Balsa, Mª Josefa (*)
  6. Cuba López, José
  7. Díaz Fernández, Olga
  8. Fraga Carou, Isabel
  9. Godás Otero, Agustín
  10. Gómez Fraguela, José Antonio
  11. Juncos Rabadán, Onésimo
  12. Lado Campelo, Mario A.
  13. Lindín Novo, Mónica
  14. Otero López, José Manuel
  15. Pérez Pereira, Miguel
  16. Ponte Fernández, Mª Dolores
  17. Rivas Torres, Rosa Mª
  18. Rodríguez Casal, Mauro L.
  19. Rodríguez Fernández, Dámaso
  20. Rodríguez Holguín, Socorro (*)
  21. Senra Rivera, Carmen
  22. Seoane Pesqueira, Gloria
  23. Taboada Ares, Eva
  24. Torres Maroño, Mª Carmen (*)
  25. Varela Mallou, Jesús
  26. Vázquez Fernández, Fernando Lino
  27. Vázquez Rodríguez, Mª Isabel
  28. Zurrón Ocio, Montserrat

                    (*) Coordenadoras

 

 

                5.1.2. Programa de formación do profesorado

A Facultade de Psicoloxía está a desenvolver, neste comezo de curso, un programa de formación do seu profesorado para a adaptación das materias da titulación ao Espazo Europeo de Educación Superior e ao sistema de créditos ECTS.

  O programa inclúe seminarios sobre métodos didácticos (textos-guía, aprendizaxe baseado en problemas,...), ferramentas de apoio á docencia (uso das TIC) e a comunicación de experiencias que se están a desenvolver noutras universidades (País Basco, Almería, Pompeu Fabra) e na propia facultade de Santiago de Compostela.

Para esta experiencia, cóntase con apoio económico da ACSUG e do Vicerreitorado de Calidade e Planificación Estratéxica.

 

                5.1.3. Experiencia piloto de adaptación de materias ao crédito europeo

Ten por obxectivo a adaptación do proceso de ensinanza-aprendizaxe aos principios educativos asumidos no proceso de converxencia. Apóiase no programa de formación do profesorado e na elaboración de guías docentes para as materias afectadas.

Esta acción comezou a iniciativa propia do Centro, e foi logo incorporada pola ACSUG na 'II Fase do Proxecto paa a Realización de Estudos para a Adaptación ao EEES en Titulación do SUG'. Alén disto, recibiuse unha pequena subvención da Vicerreitoría de Calidade e Planificación Estratéxica.

Durante o curso 2004-05, os 18 profesores e profesoras participantes celebraron reunións de coordenación, de periodicidade mensual, para resolver colectivamente as dúbidas que ían xurdindo no proceso; coordenar as competencias, obxectivos e actividades docentes e de avaliación que se establezan para as materias, e unificar, na medida do posible, a estrutura e formato das guías docentes. Naquelas materias nas que o número de grupos de teoría e prácticas o permitía, procedeuse á adaptación dos horarios de clase á programación docente prevista.

Durante o curso 2005-06 implementouse a experiencia nas clases, que se desenvolveron dacordo co planificado nas guías docentes; ao longo do curso mantivéronse varias reunións de coordenación entre o profesorado, para avaliar o desenvolvemento da experiencia, e tamén unha reunión cos/as estudantes. Ademáis, recolleuse información por escrito da valoración que os/as estudantes facían da materia, e do tempo adicado á mesma. Finalmente, elaborouse un informe que vai ser publicado pola ACSUG.

No curso 2006-07 as materias que se incorporaron á experiencia piloto continúan a desenvolverse nese novo marco; non obstante, polo momento non se puxo en marcha formalmente unha nova fase á espera dunha maior claridade respecto do futuro plan de estudos.

A continuación preséntase a relación de materias e profesorado participante.

 

PROFESOR/A

MATERIA/S QUE IMPARTE COA/S QUE PARTICIPA NO PROXECTO

CARÁCTER

CURSO

Amenedo Losada, Mª Elena

081522-Psicofisioloxía aplicada(*)

OP

Carrillo de la Peña, Mª Teresa

081204-Psicoloxía fisiolóxica(*)

TR

Castro Balsa, Mª Josefa

081535-Psicoloxía do currículum

OP

Díaz Fernández, Olga

081406-Técnicas de modificación de conduta

TR

Fraga Carou, Mª Isabel

081523-Psicoloxía da lectura

OP

Fraga Carou, Mª Isabel

Redondo Lago, Jaime M.

081502-Psicoloxía da Linguaxe

 

TR

 

Lindín Novo, Mónica

Rodríguez Salgado, Dolores

Zurrón Ocio, Montserrat

081104-Fundamentos de psicobioloxía

 

TR

Losada Vázquez, Mª Concepción

081442-Farmacoloxía do comportamento

OP

Páramo Fernández, Mª Fernanda

081533-Familia e desenvolvemento humano

OP

Pérez Pereira, Miguel

081532-Dificultades no desenv. da linguaxe e intervención(*)

OP

Ponte Fernández, Mª Dolores

081102-Atención e emoción(*)

TR

Rodríguez Fernández, M. Dámaso

081553-Formación e desenvolvemento de persoal

OP

Senra Rivera, Carmen

081546-Rehabilitación psicosocial

OP

Tinajero Vacas, Carolina

081531-Construción dos coñecementos escolares e aprendizaxe: dificultades e intervención

OP

Torres Maroño, Mª Carmen

081512-Orientación vocacional

081536-Toma de decisión vocacional e inserción socio-laboral

TR

OP

Vázquez Rodríguez, Mª Isabel

081541-Avaliación e intervención en psicoloxía da saúde

OP

Coordenadora: Carolina Tinajero Vacas, Vicedecana.

 

(*) Materias nas que se está a aplicar a experiencia no 2º cuadrimestre do curso 2004-05

 

          5.1.4. Estudo sobre a carga de traballo dos estudantes

Pincha aquí para ver o informe elaborado

 

          5.1.5. Estudo para o deseño do Prácticum no futuro plan de estudos de Grao en Psicoloxía

            No mes de Outubro de 2004 organizouse, na Facultade de Psicoloxía da USC, unha Xornada Estatal sobre o Prácticum de Psicoloxía no futuro Título de Grao, financiada pola S.A. de Xestión do Xacobeo e a propia Facultade, na que se reuniron responsables do Prácticum de Psicoloxía de 30 universidades do Estado Español. O seu obxectivo foi reflexionar sobre o deseño desta materia, que no futuro título deberá ter un papel primordial na formación práctica dos futuros profesionais. 

            Como conclusión desta Xornada decidíuse crear un Grupo de Traballo que faga unha proposta de deseño do futuro Prácticum de Psicoloxía e que poida servir ademáis como modelo para outras titulacións. Este grupo está xa constituído; está dirixido polo responsable do Prácticum da Facultade de Psicoloxía da USC e del forman parte tamén os seus homólogos das Universidades de Murcia, Complutense de Madrid, Salamanca e Valencia. O tempo previsto para o desenvolvemento deste proxecto é de 12 meses, polo que os seus traballos, que deberán comezar proximamente, continuarán durante parte do curso 2005-06. Ao remate dese curso espérase poder presentar os seus resultados, co obxecto de que sexan tidos en conta no deseño do plan de estudos do título de grao de Psicoloxía polo conxunto das Universidades que organicen esta titulación.

 

5.2. Documentos de traballo

 

 

          5.2.1. Competencias do Psicólogo/a

Unha das liñas mestras do proceso de reforma dos plans de estudo enmarcado na converxencia con Espazo Europeo de Educación Superior, é a concreción das competencias que deberá ter o profesional en exercicio. Unha vez concretadas, terá que asegurarse a súa presenza no programa formativo dos futuros títulos de grao e postgrao.

 A competencia defínese como unha capacidade aprendida para realizar adecuadamente unha tarefa, función ou rol; relaciónase cun contexto de traballo particular e integra coñecementos, habilidades e actitudes (Roe, 2002)*.

 O libro branco da nosa titulación, que se está a elaborar por parte dun grupo de representantes das distintas facultades con estudos de Psicoloxía, ten que contemplar as correspondentes competencias e a súa relación coas materias que se propoñan para o futuro plan de estudos.

 A Comisión de Converxencia co Espazo Europeo de Educación Superior ven traballando fai algún tempo nunha táboa comparativa na que se recollen distintas propostas de competencias de especial interese para a formación en Psicoloxía. Ofrécese dita táboa á comunidade universitaria co obxectivo de orientar nas labores de documentación, debate e tarefas que se formulen no ó fío do proceso de converxencia.

* Roe, R.A. (2002). What makes a competent psychologist? European Psychologist, 7(3), 192-202.

  Táboa de competencias (en castellano).pdf

  Táboa de competencias (en galego).pdf

 

          5.2.2. Modelo da Guía Docente

  Prema aquí para acceder ao modelo de guía