Estatuto do PDI
Comunicado Estatuto PDI
Nas eleccións do 24 de maio pedimos o teu voto para seguir defendendo a Universidade pública de calidade e os dereitos do profesorado na negociación do Estatuto do PDI.
Desde hai mais de dous anos a CIG participa como sindicato maioritario nas negociacións sindicais do Estatuto do PDI. Frente ao preacordo de UGT, CCOO e CSIF co texto difundido en xaneiro, a CIG non pode apoialo. Cuestións como a compatibilización do exercicio en universidades públicas e privadas, a precarización do emprego con doble docencia en máis dunha universidade, a segmentación do profesorado con carreiras só docentes, xestoras ou investigadoras ou a hipertrofia da transferencia do coñecemento están no cerne da nosa discrepancia. Na nova rolda de negociacións que se abrirá en breve despois das consultas ás Universidades a CIG loitará por:
- A defensa de que o novo marco normativo debe ir acompañado de medidas económicas de recuperación do poder adquisitivo e non pode supoñer o adiamento dos compromisos económicos pactados como sucede no texto (complemento de carreira horizontal, igualación da remuneración dos sexenios, suba do complemento específico e do complemento de destino)
- O rexeitamento á avaliación da carreira horizontal que se superpón a outras avaliacións ás que se seguirá sometendo o profesorado (docencia, investigación), burocratizando aínda máis o noso traballo.
- A subida de nivel para os Titulares de Universidade ao nivel 29 e os Catedráticos de Universidade ao nivel 30
- A firme oposición ás medidas que abren as portas á compatibilización da docencia nas Universidades públicas e privadas
- A consideración de que todo o profesorado universitario debe realizar tarefas de docencia e investigación polo que nos opoñemos á posibilidade de que as Universidades impoñan perfiles de intensificación nunha ou outra tarefa ou na xestión. A reivindicación da docencia e a investigación como as funcións centrais dos profesorado frente a unha hipervaloración da transferencia do coñecemento cunhas connotacións exclusivamente mercantís
- O mantemento dos acordos acadados en relación co encargo docente dos TEUs, a reducción de encargo a partir dos 60 anos e o cómputo dentro do encargo docente das clases interactivas que deben ir acompañado da dotación económica precisa