Inicio » Servizos » Servizo de Normalización Lingüística » Área de asesoramento » Corrección de textos » Correctores ortográficos
Seccións
Presentación
O Servizo
Asesoramento
Formación
Dinamización
Terminoloxía
Documentación

Correctores ortográficos

Como funciona un corrector ortográfico
Formato Flash [1,5 MB]

Definir idioma en Word
Formato Flash [1,6 Mb]

 

Instalar o corrector

(Na parte superior dereita podes ver un titorial para ver como funciona un corrector. Dura só 1 m)

Se optas polo software libre hai correctores instalados nas últimas versións:

OpenOffice windows
OpenOffice MacOX
OpenOffice GNU/Linux

Se prefires o paquete ofimático Microsoft tamén che existen correctores para as últimas versións:

Office 2003
En determinadas configuracións de Office pode aparecer un problema despois da súa instalación. Para solucionalo debe instalar esta versión do corrector (non é preciso desinstalar previamente).
Office 2007

Office 2010

Xeneralidades dun corrector ortográfico

Un corrector ortográfico é unha ferramenta básica para conseguir textos de calidade, xa que facilita a corrección do texto. Por suposto, a utilización do verificador ortográfico non libera do traballo de ler detidamente o documento. Un corrector ortográfico é, pois, un complemento fundamental para a corrección dos textos pero non é a solución definitiva. O funcionamento dun corrector ortográfico baséase en marcar palabras que non ten arquivadas nunha listaxe máis ou menos grande. Debéramos destacar que non é certo que os correctores doutras linguas funcionen mellor, porque todos se basean na mesma forma de traballo.

Hai que ter en conta que:

  • Non todas as palabras dun idioma están contidas nun corrector ortográfico, de xeito que palabras de pouco uso, como as que forman parte da linguaxe de especialidade, adoitan non estar recollidas. Neste caso vanse considerar como "erróneas" (debéramos dicir "non rexistradas") palabras correctas.
  • O corrector non relaciona palabras nin no seu contido nin na súa construción sintáctica, de xeito que unha frase coma "a can ben falou" vai ser considerada correcta porque cada unha das palabras que a integran é correcta.

Que corrixe un corrector?

Un corrector ortográfico corrixe:

Faltas: entendemos por faltas aquelas incorreccións que se cometen nun texto a pesar de que o autor sabe como é a forma correcta. Son basicamente grallas como escribir cann* no sitio de can, ou non acentuar camion*, malia saber que as agudas rematadas en -n levan til.

Erros: entendemos por erros aquelas incorreccións que se cometen nun texto motivadas porque o autor non sabe realmente a forma correcta. Un corrector ortográfico tamén pode corrixir estas incorreccións e, polo tanto, pode cumprir unha función formadora. Serían o caso da persoa que pon borde*, porque non sabe que é bordo. Neste caso a utilización do corrector non só é boa porque corrixe o erro senón porque se converte nunha forma de aprender.

Quen ten que pasar o corrector?

O corrector ortográfico debe ser pasado polo autor do documento por dous motivos:

1) Vimos anteriormente que pasar o corrector ortográfico a un documento é unha boa forma de aprender.

2) A corrección do documento gaña en fiabilidade. Normalmente a persoa que escribe un texto sabe moito máis dos contidos do texto ca o especialista en lingua que lle vai corrixir o documento. Se este corrixe un texto que veña co corrector ortográfico pasado polo propio autor terase que preguntar necesariamente por que deixou pasar ou aceptou certos termos que, en principio, ao lingüista lle parecen incorrectos. Poñamos por caso a palabra adsorción. En principio se o texto non ten pasado o verificador automático, o que vai corrixir o documento pode ver unha falta en adsorción por confusión do d polo b, pois entende que o que quere poñer é absorción, palabra máis común coñecida por el. Se, pola contra, o texto ten pasado o corrector, que parou seguramente en adsorción, o corrector con formación en lingua terase que preguntar por que o autor aceptou esta palabra e así darase conta de que, efectivamente, é unha palabra do ámbito da física que é perfectamente correcta.

Cando hai que pasar un corrector?

Un corrector ortográfico é unha ferramenta que se pode ter activa cando se escribe o documento, de tal xeito que vaia subliñando as palabras que el non teña recollidas. Se esta opción non nos cadra, é mellor pasar o corrector ortográfico antes da derradeira lectura que se lle vai dar ao documento. Se o facemos así, esta o proceso de lectura/corrección vaise centrar naqueles aspectos da corrección de textos que un verificador ortográfico non é quen de reparar: relacións sintácticas, coherencia, cohesión, adecuación, etc.

Con todo, non estaría de máis pasar tamén ao remate de todo o proceso de corrección outra vez o verificador ortográfico, que reduciría a posibilidade de que os cambios que se metesen nos momentos finais non levasen incorreccións ortográficas.

Reitoría da USC
Colexio de San Xerome
Praza do Obradoiro, s/n
15782 Santiago de Compostela
Teléfono: +34 981 56 31 00
Logotipo de Universia Universia   Logotipo da Unitenda Unitenda   Logotipo do Grupo Compostela
Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: +34 982 28 59 00