Inicio » Servizos » Servizo de Normalización Lingüística » Área de Asesoramento » Fundamentos lingüísticos » Criterios » Linguaxe Administrativa » Características
Seccións
Presentación
O Servizo
Asesoramento
Formación
Dinamización
Terminoloxía
Documentación

Características

A situación tradicional


Dúas persoas que se comunican entre si non empregan unha variedade lingüística ou outra de xeito gratuíto, senón que a súa escolla pon de manifesto a relación existente entre eles.

A linguaxe administrativa, vehículo comunicativo entre a Administración e o cidadán, serve como indicador da posición dunha e doutro ao longo da historia. Se a correlación de forzas que existe entre eles se modifica, os postulados de tipo lingüístico vanse reconsiderar case de inmediato.

Así, ata hai poucos anos, o administrado situábase nunha posición subordinada con respecto á Administración; o que no plano lingüístico implicaba trazos como:

• Carácter pouco democrático 

Reflectíase tanto na actitude de submisión que o cidadán adoptaba fronte ao organismo a que se dirixía, e que se traducía nun estilo reverente e suplicante; como na concepción masculinista do mundo, xa que a discriminación da muller nas cuestións formais era continuada.

Expresións como "...suplícalle que teña a ben..." ou "...o que espero obter do recto proceder de ..."; ou referencias xenéricas a "o interesado" ou "o asinante" sen ter en conta que o documento pode estar dirixido a unha muller ou ser remitido por ela, son exemplos claros do que se acaba de dicir.


• Despersonalización

Ata hai pouco tempo era habitual atopar documentos sen ningún tipo de sinatura, ou asinados por unha persoa que non se identificaba ou por un colectivo. Calquera destes tres hábitos provocaba que non houbese un individuo concreto que se fixese cargo do contido dun documento, o que mantiña unha indeterminación que impedía esixir responsabilidades particulares, nos casos en que isto fose pertinente.

Un exemplo como o seguinte permite que non exista unha persoa concreta que se faga responsable da decisión que se tomou e das consecuencias que implicaría no caso de ser inxusta.

Comunícaselle a... que a comisión avaliadora arquivou a súa solicitude de axuda, tendo en conta que non presentou todos os datos que se lle esixiron.
A comisión

• Escurecemento do contido


Se —como se acaba de ver— a Administración se situaba nun plano de superioridade con respecto ao cidadán, a lingua tiña que manifestar a desigualdade da relación que se establecía. E non o facía só por medio das fórmulas de submisión, senón que afastaba todo o posible a expresión das "elites superiores" do idioma común, recorrendo a métodos como:

 

— o barroquismo léxico

Era frecuente o uso abusivo de arcaísmos, a repetición innecesaria de conceptos e o recurso case continuo a tecnicismos dos que se podería prescindir sen interferir na precisión e na calidade do texto.

— o barroquismo sintáctico

Consiste no alongamento esaxerado dos períodos e na ordenación estraña dos seus compoñentes, o que chega a provocar alteracións nos usos sintácticos habituais na lingua. O escaso uso dos signos de puntuación é outro dos seus trazos típicos.


— a visión falsamente literaria da lingua administrativa


Os dous procedementos anteriores contribuían a crear unha retórica baleira de contido, que unicamente dificultaba a redacción e a comprensión dos documentos.

Todos estes defectos fanse evidentes nun exemplo como o seguinte, tirado dunha sentenza xudicial asinada hai só 21 anos:

1) CONSIDERANDO: Que moviéndonos dentro de la teoría general del proceso, la que, por tanto, entorna a los juicios ejecutivos, y en gracia a la inconveniencia de estricto entalle formalístico que, en tan rituario parámetro, enarbolan los cuatro ejecutados, cumple, con prioridad al justiprecio de las excepciones, motivo oposicional y causas de nulidad, con que item puedan acorazarse, desde otras perspectivas, los accionados, escrutar el aducido óbice que prima facie, encuentra apoyo en el apart. 3º art. 533 de la Ley de Enjuiciamiento Civil...

• Non uniformidade


Na documentación, ademais de todo o visto, podíanse atopar tamén propostas moi diverxentes sobre algúns aspectos dubidosos, tanto na vertente gráfica coma na lingüística.

Na primeira delas, a falta de uniformidade e unha presentación moi pouco clara, ocasionaban problemas á hora de recoñecer os documentos e de identificar con rapidez os contidos relevantes.

Aínda que a inestabilidade en cuestións gráficas, e polo tanto convencionais, é negativa, o problema vólvese moito máis grave cando se estende ao léxico especializado, de tal xeito que non é posible atopar denominacións únicas para realidades que si o son.

Esta proliferación de sinónimos, aínda que é un signo da riqueza léxica dun idioma, debe ser vixiada de cerca, xa que pode provocar problemas de comprensión en quen recibe a información.

Así por exemplo, para o concepto que o castelán denomina coa forma cuneta os dicionarios galegos ofrecen polo menos catro posibilidades: ‘gabia’, ‘batoca’, ‘foxo’ e ‘cuneta’. Nun ámbito como o da linguaxe administrativa, no que a claridade da comunicación adquire un valor esencial, habería que intentar converter unha delas en prioritaria, xa que o uso indiscriminado de calquera obriga aos receptores a un esforzo suplementario.



A modernización da linguaxe administrativa


Nos últimos anos, a relación que existe entre a Administración e os cidadáns estase percibindo doutra maneira: desde a perspectiva xerárquica vixente no pasado evolucionouse cara a unha visión máis igualitaria, que establece deberes e dereitos para cada unha das partes, e non só para os administrados.

Esta nova concepción está modificando, como era previsible, os trazos definidores da linguaxe administrativa, que na actualidade poden ser descritos case totalmente por oposición aos ofrecidos máis arriba.


• Democratización

Nun marco igualitario de relacións non poden ter cabida as expresións de submisión e súplica empregadas no pasado, que deben substituírse por fórmulas nas que se manifeste a corrección e o respecto entre as dúas partes.

Ademais, hai que evitar a aparición de expresións, termos ou marcas que marxinen a calquera sector da poboación, especialmente aquelas que poñen de relevo o sexismo latente nos usos lingüísticos máis habituais.


• Personalización

A persoa que emite un documento administrativo non pode agacharse detrás da indeterminación que ofrece unha sinatura colectiva, senón que debe aparecer indicada con claridade e responsabilizarse dos seus actos, para poder dar conta deles no caso de que fose preciso. Por iso, téntase reducir a abundancia de expresións impersoais que dilúen as accións e as obrigas individuais.

Por suposto, isto non se contradí co afán de acadar un estilo impersoal e obxectivo, algo desexable tendo en conta que, na maioría dos casos, o emisor deste tipo de comunicacións non fala como persoa particular senón en función do cargo que ocupa ou representa.



• Claridade dos contidos


Á escuridade tradicional débeselle enfrontar un novo estilo, que teña na simplicidade da expresión unha das súas liñas mestras. A lingua administrativa debe intentar achegarse á común sen que iso mingüe a calidade nin a precisión da comunicación.

Para acadar este obxectivo xeral, pódese botar man dunha serie de mecanismos, entre os que destacan:

— a modernización das formas

Cómpre rexeitar termos e fraseoloxía que o idioma abandonou hai anos e que revelan unha concepción anticuada da relación Administración-cidadanía. No seu lugar débense empregar outros máis actuais, que as persoas sintan como usuais e próximos a elas.


— a concisión e a precisión


Só se debe incluír a información que sexa útil e relevante no proceso comunicativo, o que implica desbotar o barroquismo léxico e sintáctico sinalado máis arriba.

Só a busca da precisión pode levar a un segundo plano a importancia da brevidade. Aclarar o sentido da información sen deixar aberta ningunha posibilidade de dúbida é unha necesidade clave en calquera linguaxe especializada, e máis nunha actividade tan regulamentada como a administrativa.


— a sinxeleza


Os dous puntos anteriores contribúen a evitar pretensións pseudoliterarias ou de falsa elegancia na expresión. A naturalidade debe ser o ideal que se persiga, como lle corresponde a un tipo de lingua que ten como finalidade primordial comunicar feitos ou opinións.


— a ordenación dos contidos


Se se cumpren as propostas indicadas ata o de agora, as ideas esenciais dos documentos deben destacar dentro do conxunto. É importante estruturalas de xeito claro, lóxico e —na medida do posible— visual, para ofrecer unha imaxe do texto como un todo coherente e organizado.



• Uniformidade


A importancia que na linguaxe administrativa ten que comprender e interpretar correctamente os textos provoca que a súa fixación formal sexa moi superior á da lingua común. Por iso, a abundancia de sinónimos aparece en ocasións como un atranco, e téndese a fomentar a adopción de denominacións únicas para cada concepto.

Tamén é importante manter unha certa uniformidade na presentación dos documentos, porque a asociación dunha forma externa cun modelo concreto facilita e automatiza o traballo do redactor e permítelles aos usuarios unha identificación máis doada dos elementos relevantes da mensaxe. 

 

Reitoría da USC
Colexio de San Xerome
Praza do Obradoiro, s/n
15782 Santiago de Compostela
Teléfono: +34 981 56 31 00
Logotipo de Universia Universia   Logotipo da Unitenda Unitenda   Logotipo do Grupo Compostela
Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: +34 982 28 59 00