|
|
Concepto
A lingua, como medio de comunicación e identidade social, úsase nos terreos máis diversos da actividade humana. En cada un deles vai adaptando as súas características ás peculiaridades da situación na que se emprega, o que permite determinar unha serie de variedades definidas por criterios moi diversos: a zona xeográfica (os de Foz non falan coma os de Ribeira), o grao de confianza que hai entre os interlocutores (un exprésase de distinto xeito con alguén que acaba de coñecer ou cun amigo), o seu nivel social e incluso outros factores.
Nalgúns contextos concretos (comunicación formal, lingua culta) esa variabilidade, que é consubstancial ás linguas, vese como pouco conveniente, polo que se tende a potenciar unha das alternativas que xa existen ou a crear un híbrido tomando elementos dunhas e doutras. Esta variedade potenciada adquire unha relevancia especial e recibe o nome de estándar.
Agora ben, calquera das variedades lingüísticas vistas vai introducir peculiaridades especiais, sobre todo no léxico e na fraseoloxía, en función do tema que con ela se trate. A linguaxe xurídica, a da cantería, a da física ou a da pesca posúen trazos distintivos con independencia do nivel social ou da zona de procedencia dos falantes.
Tendo en conta todo isto, parece xa posible situar e definir a linguaxe administrativa no punto que lle corresponde: no espazo lingüístico onde a variedade estándar se cruza coas especializacións temáticas que se relacionan co mundo da administración. |