Inicio » Servizos » Servizo de Normalización Lingüística » Área de Asesoramento » Fundamentos lingüísticos » Criterios » Linguaxe Administrativa » Linguaxe Administrativa galega
Seccións
Presentación
O Servizo
Asesoramento
Formación
Dinamización
Terminoloxía
Documentación

A linguaxe administrativa galega. Presente e futuro

 

Pode haber quen pense que o emprego do galego como idioma da Administración é un feito contemporáneo, do que non sería posible atopar pegadas antes de 1981 (ano no que entra en vigor o Estatuto de autonomía que establece a oficialidade do galego); ou —como moito— antes de 1936 (cando se aprobou en plebiscito un Estatuto que a Guerra Civil impediu aplicar). Porén, mirando para atrás pódese descubrir que durante amplos períodos da nosa historia (varios séculos) esta foi a única lingua usada para desenvolver o traballo administrativo e xurídico no país galego.

Nas seguintes páxinas farase un brevísimo percorrido por todos eles, desde a idade media ata a actualidade.

Na península Ibérica o latín perviviu na documentación oficial ata moito máis tarde ca noutros puntos de Europa. Mentres o francés, por exemplo, xa aparecía en escritos notariais durante o século XII, aquí houbo que esperar ata o xiii para ver xurdir documentos na variedade galego-portuguesa.

De todos os xeitos, esta novidade só se estenderá a partir da segunda metade deste século, e pervivirá durante todo o xiv e a primeira metade do xv, período en que o galego vai ser a lingua de todos os materiais de tipo administrativo, xudicial e notarial, tanto do ámbito privado coma do público.

Empregábase, xa que logo, en temas fiscais,

O dito conçello, justiças et omes bõos jurados disseron que por quanto Mayor Dominges avoa de Johan Bõo, clerigo do coro da Iglesia de Santiago, era moller pobre et tal que non t˜iina por que pagar renda nen fallas nen outros tributos que se lançavan...

de seguridade,

O dito conçello mandaron que as personas que tinan as chaves das portas da dita çidade que as fezesen çarrar cada noyte por que non viese por elas dano a a dita çidade.

comerciais,

Primeiramente ordenaron e mandaron [...] que se venda o pescado en esta maneira: a libra dos sacadores et das sollas et dos bodiõos et dos polvos et das fanequas et das rayas et das langostas et das sibias et das luras a
tres dineiros a libra.

urbanísticos,

... o conçello derribou et mandou derribar h˜uas casas [...] as quaes estavan feitas et edeficadas et levantadas [...] çerqua da Porta de Maçarelas ...

ou en calquera outro.

Durante case 200 anos Galicia viviu nunha situación de monolingüismo práctico: empregábase o galego en toda a documentación interna, mentres que o uso do castelán quedaba limitado só ás relacións exteriores (as que as institucións galegas mantiñan coa Chancelaría Real).

A partir da metade do s. xv este uso oficial empezou a minguar e, pouco a pouco, a presenza do galego foise reducindo aos documentos privados. Neles perdurou —aínda que moi contaminado polo castelán— ata os primeiros anos do XVI.

Este abandono non tivo, nin moito menos, causas voluntarias. A súa orixe foi sobre todo política, e as loitas dinásticas pola coroa de Castela, nas que os nobres galegos apostaron sempre polo bando perdedor, tiveron moito que ver. Por todo isto, durante os séculos XIV e XV, primeiro a dinastía dos Trastámara e despois os Reis Católicos empezaron a colocar nos cargos de goberno de Galicia a nobres casteláns que converteron o seu idioma nun instrumento de poder e dominación.

Ademais, empezouse a asentar a identificación entre Estado (Castela) e idioma (castelán), o que provocou que se ditasen normas que pretendían convertelo na única lingua de cultura. Así por exemplo, no ano 1450 as Cortes de Toledo dispuxeron que a partir dese momento só se outorgase o título de escribán a aquelas persoas que superasen o exame e obtivesen a licenza do Real Consejo (por suposto, o castelán era o único idioma no que había que demostrar capacidade e coñecementos).

Todos estes factores provocaron que o que fora só vehículo de relación co exterior se convertese no idioma da comunicación legal, ao ser o propio da nobreza foránea que gobernaba o país.

Entre a metade do s. XVI e a metade do XIX o galego desapareceu practicamente dos textos escritos, aínda tendo en conta que a inmensa maioría da poboación non coñecía outra lingua. O castelán só chegará a sectores sociais amplos coa urbanización, a industrialización, a escolarización e a extensión dos medios de comunicación que tivo lugar nos ss. XIX e XX.

De xeito simultáneo a esta extensión, desde mediados do xix comeza a xurdir unha clara vontade de defensa do idioma propio en sectores intelectuais da pequena burguesía, que vai tomando corpo político á altura do cambio de século. A recuperación da escrita literaria foi un logro importante, pero no terreo que estamos a analizar, o impulso definitivo vai chegar coa fundación das Irmandades da Fala (1916). Estas agrupacións, que se estenderon por Galicia no primeiro terzo do século XX, apostaban xa polo uso do galego en todos os ámbitos da vida (na política, na economía, na industria, na ciencia...).

Este novo ambiente que se respiraba, verase recoñecido oficialmente no Estatuto de autonomía de 1936, que establecía unha situación legal moi semellante á actual, como se ve no seu artigo 4.

Serán idiomas oficiales en Galicia, el castellano y el gallego...

Coa Guerra Civil e a vitoria franquista este rápido avance cara á normalidade perdida séculos antes quedou paralizado, xa que a nova clase gobernante era declaradamente hostil a calquera proxecto que supuxese a recuperación das "lenguas regionales".

Foi preciso agardar ata 1978 para que a Constitución establecera que as tres linguas do Estado distintas do castelán eran cooficiais nos seus respectivos territorios. O Estatuto de autonomía (1981) desenvolveu máis este aspecto, pero foi a Lei de normalización lingüística a que, en 1983, o ordenou tal e como hoxe se atopa.

Desta descrición histórica é doado deducir que certos aspectos da linguaxe administrativa galega estarán fortemente contaminados pola presión do castelán. Por iso, é fundamental tomar consciencia da necesidade de reconstruír unha variedade de noso, depurada e sen ningunha caste de engadidos estraños, por moito que a tradición pareza autorizalos.

Para acadar este fin pódese botar man de tres mecanismos fundamentais:

• Recuperar formas existentes na documentación medieval.

Un termo como concello, hoxe totalmente asentado, foi extraído dos textos medievais e habilitado para a comunicación moderna, na que fora substituído polo castelán ayuntamiento ou pola forma calcada *axuntamento.

• Aproveitar a riqueza dialectal do galego.

O substantivo pagaré (documento polo que un se compromete a pagar unha cantidade prestada ou depositada) é, evidentemente, unha forma do castelán. Á hora de buscar unha denominación galega para este concepto, e tendo en conta que na tradición administrativa non se atopaba unha forma que puidera substituíla, aproveitouse o substantivo obriga, que nalgúns lugares de Galicia posúe o mesmo valor dese termo castelán.

• Harmonizar as solucións galegas coas adoptadas por outras linguas romances.

Se se quere depurar do galego unha unidade como justiprecio, non parece razoable defender unha forma *xustiprezo, xa que ningunha das outras linguas do noso arredor opta por unha solución semellante:
 
(portugués) aprecio, avaliação
(inglés) evaluation, appraisal
(francés) evaluation
(italiano) stima, valutacione

A que se escolla como forma galega debe buscar a coincidencia cos idiomas veciños; por iso, valoración ou prezo xusto parecen moito máis apropiadas.

Este principio non debe aplicarse unicamente para resolver problemas léxicos, senón que tamén pode resultar útil na resolución de cuestións de forma, deseño, estrutura, etc.

Fóra de situacións como as que se acaban de exemplificar, nas que non existe unha forma galega viva na lingua común, no tecnolecto administrativo galego desaconséllase o uso gratuíto de unidades que (como os arcaísmos, os dialectalismos ou os coloquialismos) van en contra dalgúns dos seus presupostos básicos e que o afastan do nivel estándar.

Se a claridade e a modernidade das formas son características fundamentais da lingua administrativa, parece lóxico que, como norma xeral, se desboten unidades do pasado que hoxe non teñen vixencia na fala, como por exemplo *capíduo, *conquerir, *padescer, *ren ou *vegada; sobre todo tendo en conta que as formas vivas capítulo, conquistar ou conseguir, padecer, nada e vez son totalmente galegas.

A presenza de marcas dialectais debe tamén evitarse en beneficio da uniformidade que debe presidir a variedade estándar. Por iso, a pesar de ser unidades ou fenómenos totalmente galegos, aconséllase prescindir na redacción de documentos administrativos de particularidades como a gheada, plurais do tipo camiós ou camiois, pronomes persoais como tu ou il, formas verbais como vós cantástedes, ti viste, ti fixeche, etc. 

Así mesmo, débense eliminar dos textos os coloquialismos xa que romperían a formalidade e a neutralidade estilística que deben presidir a comunicación administrativa, afastándoa do rexistro culto no que necesariamente ten que moverse. Cumprirá prescindir, xa que logo, de formas como ghicho, facha, guiri, flipar, non tal, voar (por fuxir), liscar e outras de formalidade semellante.

En resumo, a linguaxe administrativa galega ten que buscar o seu camiño sendo moi consciente do seu pasado e das particulares circunstancias que viviu e segue vivindo —a presión do castelán e do inglés é cada vez máis forte—; e intentando equilibrar de cara ao futuro a universalidade coa propia idiosincrasia, pero sen perder nunca de vista cales son as fronteiras que non pode transgredir.

 

Reitoría da USC
Colexio de San Xerome
Praza do Obradoiro, s/n
15782 Santiago de Compostela
Teléfono: +34 981 56 31 00
Logotipo de Universia Universia   Logotipo da Unitenda Unitenda   Logotipo do Grupo Compostela
Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: +34 982 28 59 00