Os períodos de tempo
As horas
Para sinalar un momento concreto ou un período de tempo indicando a hora débense ter en conta os seguintes aspectos:
• As horas exactas poden representarse con letras ou con números.
Convocámolo para as nove da mañá do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 9.00 horas do día 5 de marzo.
• As indicacións numéricas poden optar entre dividir o día en dúas metades de doce horas ou nunha soa de vinte e catro, aínda que o máis normal é empregar esta última.
Convocámolo para as 9 da mañá do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 7 do serán do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 9.00 horas do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 19.00 horas do día 5 de marzo.
• Se na mención do momento hai que incluír fraccións de hora usaranse sempre os números.
Convocámolo para as 9 h 15 min do día 5 de marzo.
Neste caso, pódese optar entre diversas representacións gráficas, que posúen un grao de formalidade decrecente:
Convocámolo para as 9 h 15 min do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 9.15 h do día 5 de marzo.
Convocámolo para as 9:15 do día 5 de marzo.
• A hora e as unidades menores (minuto e segundo) represéntanse por medio dos símbolos correspondentes:
hora: h
minuto: min
segundo: s
• As cantidades de tempo escríbense sempre con letra.
Agardamos na porta máis de dúas horas.
• Os horarios escríbense sempre con números.
As entrevistas desenvolveranse entre as 10.30 e as 14.00 horas.
Horario de abertura ao público: de 9.00a 14.00 horas.
Agora ben, tendo en conta que a comunicación administrativa se desenvolve en situacións formais, parece mellor respectar as seguintes pautas:
• Continuar a numeración a partir de 12 para marcar horas posteriores ao mediodía.
• Escoller como forma xeral de marcar unha hora calquera das dúas máis formais (9 h 15 min ou 9.15 h) reservando a terceira (9:15) para aqueles casos nos que a concisión adquira unha relevancia especial (horarios, cadros, gráficos, programas de actos...).
• Aínda que se indique unha hora sen fraccións, cómpre representar tamén os minutos, nese caso con 00.
A reunión rematou ás 20.30 horas.
A reunión rematou ás 20.00 horas.
Os días
Para os usos administrativos prefírense as denominacións máis habituais dos días da semana (domingo, luns, martes, mércores, xoves, venres e sábado) antes ca as formas tradicionais (segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira e sexta feira) xa que son as que coinciden coas das linguas do noso arredor e as que están máis estendidas.
Á hora de escribilas débense ter en conta os seguintes aspectos:
• Non levan letra maiúscula.
• As abreviaturas que corresponden a cada unha delas son:
Ao redor da indicación dos días pódense engadir algúns aspectos máis:
luns
|
non ten
|
martes
|
mt.
|
mércores
|
mér.
|
xoves
|
xv.
|
venres
|
ven.
|
sábado
|
sáb.
|
domingo
|
dom.
|
• Existen unha serie de adverbios que permiten referirse a días anteriores ou posteriores a aquel no que se vive.
mañá (o día despois de hoxe)
pasadomañá (o día despois de mañá)
onte (o día antes de hoxe)
antonte (o día antes de onte)
trasantonte (o día antes de antonte)
• Dentro do período de 24 horas que constitúe un día (das 0.00 h ás 23.59) pódense individualizar diversos períodos de tempo (madrugada, mañanciña, serán, solpor…) tomando como base distintos criterios. Os máis empregados na comunicación administrativa son os seguintes:
a mañá (desde o amencer ata o mediodía)
o mediodía (as 12.00 horas)
a tarde (desde o mediodía ata o anoitecer)
o serán (parte da tarde comprendida entre o solpor e o comezo da noite)
a noite (desde o anoitecer ata o amencer)
a medianoite (as 0.00 horas)
a madrugada (parte da noite comprendida entre a medianoite e o amencer)
Os meses
Igual que ocorría cos días, coexisten tamén dúas ou incluso tres formas para denominar algúns meses (xullo/Santiago/o mes da sega). Sexa como for, e polo mesmo afán de harmonización que xa se indicou máis arriba, aconséllase empregar no ámbito administrativo os nomes máis habituais (xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio, xuño, xullo, agosto, setembro, outubro, novembro e decembro).
Existe unha serie de particularidades que inciden na inclusión desta información nos textos e que é útil coñecer:
• Non levan letra maiúscula.
• As abreviaturas que lles corresponden son:
xaneiro: xan.
|
xullo: xll.
|
febreiro: feb.
|
agosto: ag.
|
marzo: mz.
|
setembro: set.
|
abril: ab.
|
outubro: out.
|
maio: (non ten)
|
novembro: nov.
|
xuño: (non ten)
|
decembro: dec.
|
No apartado que se dedica á abreviación explícase por que se ofrecen abreviaturas para formas como marzo ou xullo ás que, en teoría, non lles correspondería levalas.
• Nos casos en que se empregan cifras para indicar as datacións, os meses numéranse do 1 ao 12, normalmente con números arábigos, pero tamén poden aparecer con romanos.
8 de novembro de 2004 --> 08.11.2004 ou 08.XI.2004
Para determinadas cuestións trabállase con períodos de varios meses que reciben diversos nomes segundo a súa duración: bimestre (dous meses), trimestre (tres meses), cuadrimestre (catro meses), semestre (seis meses). Os adxectivos que corresponden a estes substantivos son bimestral, trimestral, cuadrimestral e semestral.
Os anos
A representación dos anos na documentación administrativa debe ter en conta as seguintes particularidades:
• Normalmente escríbense con números.
• Débese escribir a cifra completa.
• Non se deixa espazo nin se escribe punto entre uns números e outros.
Estudou a evolución do fenómeno entre 1950 e 1980.
De todos os xeitos existen algúns casos puntuais que non seguen este padrón.
• En contextos coloquiais, ou no nome de feitos que recollen o ano en que se celebraron como parte da súa denominación, é normal que só aparezan as dúas últimas cifras. Nestes casos, non se utiliza apóstrofo (’) diante da cantidade.
As corporacións locais asinaron este acordo no ano 98.
O Xacobeo 04 encheu Santiago de Compostela de peregrinos.
• Os períodos de tempo que se representan por medio de anos só empregan todos os díxitos cando inclúen un cambio de século.
A obra de Anxo Lavandeira (1859-1934) foi pouco coñecida...
Nos restantes casos, indícanse só as dúas últimas, ben do segundo deles ou ben de ambos, atendendo ao grao de formalidade do documento.
No período 1988-95 o persoal do estaleiro...
O curso 98-99 inaugurouse o 4 de outubro.
Igual que se viu no caso dos meses, tamén existen unha serie de denominacións que agrupan os períodos de varios anos segundo a súa duración: bienio (dous anos), trienio (tres anos), cuadrienio (catro anos), quinquenio (cinco anos), sexenio (seis anos), decenio (dez anos), milenio (mil anos). Os adxectivos correspondentes son bienal, trienal, cuadrienal, quinquenal e sexenal.
Outras indicacións de tempo
Existen unha multitude de formas, de sobra coñecidas, que expoñen contidos temporais. Aquí non se fará unha listaxe explícita senón que unicamente se comentarán algúns casos puntuais que presentan problemas ou particularidades no seu uso.
• con data de + artigo
Esta locución emprégase unicamente para referirse ao día en que se redactou ou se rexistrou un documento.
Recibimos o seu informe con data do 25 de maio.
Polo tanto, hai que evitar utilizalo para indicar o día en que algo ocorreu, imitando innecesariamente o castelán con fecha de. Este mesmo contido exprésase con moita maior naturalidade por medio da forma O día...
*Con data do 30 de maio terá lugar o encontro.
O día 30 de maio terá lugar o encontro.
• o... que andamos
Esta expresión serve para referirse a unha subdivisión temporal (normalmente anos ou meses) que está a transcorrer nese momento.
O día 8 do mes que andamos celebrouse a última reunión.
Como se pode ver, funciona como sinónimo de este..., e abrangue o valor da fórmula do castelán de los corrientes.
O día 8 deste mes celebrouse a última reunión.
El día 8 de los corrientes se celebró la última reunión.
• Para indicar que xa pasou tempo desde que ocorreu algunha cousa, o galego recorre ao verbo haber.
Hai seis semanas que non se reunía a comisión.
Porén, para falar do tempo atmosférico emprega o verbo ir.
Onte pola mañá ía moito frío.
|