|
|
COMPARATIVA DE TRADUTORES AUTOMÁTICOS:
ES-GL fronte aos baseados en OPENTRAD
Cada vez son máis os recursos ao noso dispor para vivir nun mundo multilingüe. Quen viu o futuro baseado na uniformidade, cunha única lingua común parece non estaba acertado. Semella, pola contra, que o futuro vai camiño de se asentar no multilingüismo e na multiculturalidade e, con estas condicións, é onde os tradutores automáticos van ter que demostrar toda a súa potencialidade.
Os tradutores automáticos actuais pouco teñen que ver con aquelas ferramentas de tradución automática de hai unha década. Aqueles conformábanse con lles dar aspecto de galego a documentos escritos en castelán, malia que, algunhas veces, as traducións que ofrecían eran cómicas: María *Enxebrísima por María Purísima ou Revolución de *Caldeiro por Revolución de Cuba. Porén, estes programas constituíron a base dos actuais e foron as primeiras ferramentas que facilitaron a tradución de documentos ao galego, baseada na tradución manual ata ese momento.
Os tradutores que se van comparar son tres, aínda que, en realidade, estean baseados en dous sistemas. Un é o tradutor es►gl, que agora a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en liña. Os outros dous son o tradutores baseados na tecnoloxía de software libre Opentrad, pero con dúas personalizacións. Unha feita pola empresa de programación Imaxín e outra, Traducíndote, desenvolvido por Óscar Hermida López.
O tradutor automático ES►GL traduce textos de castelán para o galego e tamén ten un sistema de tradución de páxinas web que permite “navegar en galego”. A interface que dá acceso ao tradutor é moi simple e pouco traballada. Non crea ningún problema, o cal xa é abondo, pero a unha ferramenta de calidade, na que se levan investido tantos recursos económicos, débeselle pedir ir un pouco máis alá en canto ao deseño.
Gustounos a posibilidade de escoller entre dezasete linguaxes de especialidade (lecer, dereito, medicina, enxeñarías…), o cal debe axustar mellor o resultado da tradución. Dicimos "debe" porque nas nosas comprobacións non hai diferenza no resultado das traducións cando se concreta o ánito da especialidade. Tamén é salientable a boa calidade da tradución e a rapidez coa que xestiona, aínda que a limitación do texto que permite reste mérito a esta característica.
Como aspectos para a mellora destacamos que só permite a tradución nunha soa dirección (castelán-galego). Pensan, equivocadamente, os seus creadores que a maneira de normalizar un idioma é traducir textos cara a el, e aínda que isto é certo, o fundamental é provocar que a xente cre os textos utilizándoos de raíz.. Tampouco nos gusta que só permite traducir ata 4096 caracteres (aproximadamente unha páxina e media) en formato ASCII, que elimina calquera tipo de formato introducido no texto. Ademais, este sistema provoca que a xestión das traducións sexa un labor pesado, pois non se poden traducir arquivos, senón textos que hai que cortar e pegar dúas veces; unha vez cando se introduce no tradutor e outra cando se volve pegar no procesador de textos. En documentos longos hai que multiplicar isto por cada páxina e media, o cal é un labor pesado e reduce a rendibilidade na utilización desta ferramenta.
ES►GL melloraría a nosa valoración se permitise traducir arquivos e se traducira tamén cara ao castelán. A ver se co tempo.
A diferenza do tradutor da Secretaría Xeral, o tradutor desenvolvido por Imaxín Software traduce arquivos de castelán para o galego e, viceversa, do galego para o castelán. Ademais, permite a tradución de anacos de texto que se debe, como no caso do ES►GL, colocar nunha ventá cortando e pegando. A posibilidade de traducir ao castelán gústanos moito, porque fai rendible escribir en galego, tendo en conta que podemos ter, premendo nun botón, unha versión traducida para o castelán automaticamente. Esta posibilidade é, contrariamente ao que se puidese pensar, moi positiva para o galego. A existencia só de tradutores de castelán para o galego ten o risco de converteren o noso idioma en lingua de destino, en lingua obxecto; en lingua de papel no canto de lingua viva.
Á parte disto, tamén traballa cos mesmos pares de linguas na navegación por Internet. Podemos ver EL PAIS en galego ou VIEIROS en castelán. Francamente, unha e outra posibilidade parécennos máis fitos simbólicos ca oportunidades reais de uso. A navegación por Internet ten na inmediatez e nos saltos imprevisibles entre páxinas a súa substancia. Non é moi realista, entón, pensar que se vai navegar desde a páxina do Imaxin..
A calidade de tradución é boa. A interface é a máis estruturada e a máis traballada esteticamente, aínda que a alguén pode chamarlle a atención a escolla de cores que, particularmente, nos gusta.
Porén, non nos cadra a limitación de formatos en que admite os arquivos. Só acepta textos con formato txt, html e rtf. Este último é o formato que hai que escoller cando traballemos con procesadores de textos; hai que gardar como formato RTF para non perdermos os formatos do documento orixinal. Ou sexa, non traduce arquivos dos procesadores de texto máis comúns: Word (doc) nin Openoffice (odt); nin tampouco das aplicacións máis usadas, como follas de cálculo ou presentacións dixitais.
Á parte disto, permite –como o ES►GL– cortar e pegar texto nunha ventá para traducir anacos de texto, pero o tradutor de Imaxín acepta textos máis grandes. Na nosa proba sometemos ao tradutor a documentos de máis de 40 000 caracteres (dez veces máis ca o límite do tradutor da Secretaría Xeral) e funcionou perfectamente. Esta cantidade, aproximadamente doce páxinas, semella suficiente para a maioría dos usuarios do tradutor. É un tradutor completo e bo que funciona cada día na tradución automática de La Voz de Galicia. Co produto desta experiencia, é lóxico pensar que este produto só pode ir mellorando.
A personalización feita por Óscar Hermida está baseada, como o tradutor de Imaxin, na tecnoloxía Opentrad, pero ten unhas características que o fan un produto diferente. Traducíndote non permite ver páxinas web en galego que fosen creadas en castelán. O seu creador se cadra pensou, coma nós, que moi poucas persoas ían ter a disciplina de entrar na páxina do tradutor para navegar pola Rede. Os seus esforzos dedicounos a facer posible que o tradutor permitise traducir arquivos dos formatos máis comúns. Traduce arquivos en formato Word, Excel, Powerpoint, LateX e MysQl, así como todos os formatos de Openoffice (writer, calc, draw, math), coherente coa filosofía de facer un produto sobre software libre que funcione para programas baseados nel. A xestión da tradución de arquivos é simple e rápida. Selecciónase o documento para traducir e prémese no botón. Non hai que, previamente, ter gardado o documento en formato txt ou rtf. En segundos, o tradutor devolve o arquivo no mesmo formato que como foi enviado.
Como aspecto negativo, debemos salientar que non permite cortar e pegar texto nunha ventá para traducir, cousa que si que nos parece interesante para utilizar en textos curtos, pola rapidez que este sistema comporta.
A nosa valoración xeral é moi positiva. A calidade de tradución tan boa como as anteriores pero a usabilidade é maior. Esteticamente a interface sitúase entre a institucional –pobrísima– e a de Imaxín. Este detalle queda en segundo plano ante a diversidade de formatos que admite e, como consecuencia, a facilidade para xestionarmos os arquivos para traducir.
Valoración global
A diferenza de valoración dos tres tradutores non vén marcada pola calidade da tradución, senón pola facilidade na xestión dos arquivos, polos formatos admitidos ou polas direccións de tradución que permite. É dicir, o que resulta máis útil e fai o produto máis usable. A posibilidade de navegarmos por internet en galego fainos ilusión, pero non é un motivo determinante para escollermos un ou outro. Tendo en conta isto, se se van traducir arquivos a escolla máis razoable debera ser traducíndote, polos diferentes formatos que admite. Se o que se necesita é a tradución de textos curtos collidos, por exemplo, da Rede as opcións máis recomendables serán es►gl ou Imaxin.
Como produto máis completo e coidado merécenos a mellor valoración o tradutor de Imaxin, polo feito de poder traducir arquivos, anacos de textos e permitir navegar en galego. Como produto máis usable, que ao final é o máis determinante, leva a mellor consideración traducíndote; traduce arquivos nas dúas direccións e sen ter que andar mudando a súa configuración e respectando os formatos dos documentos.
De todos os xeitos, estamos ante tres produtos de calidade e absolutamente recomendables para telos entre os nosos favoritos. Ademais, os recursos informáticos gratuítos permítenos dispoñer dos tres a toque de rato. Daquela, por que renunciar a ningún?
| |
es>gl |
Traducíndote |
Imaxin |
| Deseño e claridade da Interface |
* |
** |
*** |
| Xestión da tradución de arquivos |
-- |
*** |
* |
| Tamaño de texto |
* |
*** |
*** |
| Traduce páxinas de Internet (navegando) |
Si |
Non |
Si |
| Traduce texto en ventá |
Si |
Non |
Si |
| Traduce arquivos Word, Excel, Powerpoint, Openoffice, Latex, MysQL |
Non |
Si |
Non |
| Español-Galego |
Si |
Si |
Si |
| Galego-Español |
Non |
Si |
Si |
| VALORACIÓN GLOBAL |
** |
*** |
*** |
|