|
|
Dereitos lingüísticos na docencia da USC
Todos/as temos dereito a usar a lingua oficial da nosa preferencia (galego ou castelán) durante as actividades académicas da USC. Non está recoñecido na lexislación vixente ningún outro dereito máis ca este en relación coa docencia universitaria. (Lei 3/1983, de Normalización lingüística, artigos 12 e 15)
Os estudantes teñen dereito
- a presentaren traballos escritos en galego
- a realizaren os exames en galego
- a dirixírense ao profesorado, tanto en público como en privado, en galego
Os docentes teñen dereito
- a impartiren clases en galego
- a facilitaren os materiais escritos en galego
- a faceren os exames en galego
Segundo a lexislación vixente, ninguén, nin estudantes nin docentes, ten a obriga de cambiar de lingua, galego ou castelán, por problemas de comprensión oral ou escrita dos demais nas actividades académicas.
O Plan de Normalización Lingüística da USC e o Plan Estratéxico da USC contan entre os seus obxectivos o de consolidar a lingua galega como un dos idiomas instrumentais da docencia, para o cal se propoñen medidas de sensibilización e de promoción do seu uso.
A USC ofrece información previa sobre a situación lingüística de Galicia e da propia universidade a quen provén de fóra de Galicia, e así mesmo ofrece cursos e outros medios para asegurar unha comprensión abonda do noso idioma que permita seguir a actividade académica.
|