|
|
Achegándonos ao medio rural II: Lingua, muller e dinámica social
Campus de Lugo
16, 23 e 30 de marzo, 6 e 14 abril de 2011
Neste 2011 cúmprense 80 anos do sufraxio feminino no Estado español. Con este motivo, e atendendo á orientación formativa do Campus de Lugo cara ao medio rural, as comisións de Normalización Lingüística das facultades de Humanidades e Veterinaria e das escolas de Formación de Profesorado e Politécnica Superior queremos propoñer como temática para a reflexión o trinomio lingua, muller e medio rural. As xornadas son continuación das primeiras Xornadas "Achegándonos ao Medio Rural", organizadas pola CNL de Veterinaria no ano 2010. Os obxectivos que nos fixamos son:
-
Dar a coñecer o papel das mulleres na transmisión de recursos lingüísticos acordes coas necesidades contextuais de Galicia.
-
Definir estratexias e criterios para o desenvolvemento profesional das mulleres no medio rural.
-
Poñer de manifesto a permeabilidade das dinámicas entre o rural e o urbano e entre o local e o global en relación coa función social das mulleres.
-
Difundir experiencias profesionais de mulleres centradas na utilización da lingua galega.
-
Achegar a realidade das mulleres que traballan e viven no medio rural á comunidade universitaria e ao público en xeral.
As xornadas artéllanse arredor de catro táboas redondas e unha conferencia marco. Cada unha das táboas redondas organízase entorno a experiencias de mulleres que apostaron polo rural en temáticas relacionadas cos centros e coa difusión dos usos lingüísticos.
Colaboran a Deputación de Lugo (Vicepresidencia Primeira) e a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
|