|
|
Celga 4
O nivel Celga 4 acredita unha competencia no uso da lingua suficiente para expresarse con fluidez e espontaneidade na maior parte das situacións comunicativas.
Correspóndese co nivel C1 do Marco europeo común de referencia para as linguas, e o Nivel 4 de Alte.
As habilidades e contidos correspondentes a este nivel son as seguintes:
1. Descrición xeral do nivel.
2. Descrición do nivel segundo as habilidades.
3. Contidos.
1. Descrición xeral do nivel.
A persoa que supere o Celga 4 será capaz de comprender unha ampla variedade de textos orais e escritos extensos e cun alto nivel de dificultade. Poderá expresarse de forma bastante fluída e espontánea en distintos contextos comunicativos (persoal, público e académico) sen mostrar moita dificultade para encontrar as expresións máis axeitadas. Será capaz de producir textos ben estruturados e sobre temas de certa complexidade e para distintos fins. Mostrará un uso correcto da norma ortográfica e morfosintáctica, así como dos mecanismos máis comúns de organización e cohesión textual.
2. Descrición do nivel segundo as habilidades.
2.1. Comprensión oral.
Será capaz de seguir, sen apenas dificultades, un discurso extenso sobre temas moi diversos. Terá poucas dificultades para entender e seguir os discursos descontextualizados e mesmo pouco estruturados.
Máis en concreto, será capaz de comprender mensaxes relacionadas coa vida cotiá, académica e laboral, como as seguintes:
- Conversas e interaccións orais espontáneas en contextos diversos.
- Conversas e debates entre terceiras persoas sobre temas descoñecidos e complexos.
- Textos informativos que teñan pouca calidade acústica, en ámbitos públicos nos que se facilita información específica (estacións, aeroportos, etc.).
- Explicacións sobre o funcionamento de aparellos e as características de produtos e servizos cotiáns.
- Textos gravados transmitidos fóra do contexto habitual.
- Discursos televisivos e radiofónicos de diversos tipos: informativos, entrevistas, programas de entretemento e de actualidade, etc.
- Presentacións, conferencias e debates sobre temas de actualidade.
2.2. Comprensión escrita.
Demostrará capacidade para ler e entender distintos textos escritos extensos e de bastante complexidade que traten temáticas xerais ou da súa especialidade, aínda que teña que volver sobre as partes máis difíciles. Será capaz de extraer a información máis relevante de textos expositivos e a tese e argumentos de textos de opinión, podendo, ademais, en todos eles, identificar sen moita dificultade a estrutura e as partes en que están organizados.
De xeito máis detallado, estará en condicións de ler e entender textos do seguinte tipo:
- Correspondencia persoal e profesional especializada.
- Textos extensos da súa especialidade ou doutros ámbitos, empregando esporadicamente o dicionario.
- Instrucións extensas e complexas sobre o funcionamento de aparellos domésticos, volvendo sobre as seccións máis difíciles.
- Textos xornalísticos informativos e de opinión sobre temas de actualidade, identificando sen dificultade as ideas centrais e as liñas argumentais básicas.
- Textos literarios cun nivel medio de complexidade lingüística, estrutural e temática.
2.3. Expresión oral.
Utilizará oralmente a lingua de maneira bastante fluída demostrando o dominio dunha serie de recursos lingüísticos que lle permiten expresarse con claridade sobre unha gran variedade de temas xerais, profesionais, académicos e de lecer. Saberá manter unha conversa con fluidez e espontaneidade, mostrando algunha dificultade unicamente nos temas que lle resulten alleos. Poderá producir discursos claros, ben estruturados e axustados á norma estándar.
Máis en concreto, estará en condicións de resolver de xeito satisfactorio situacións de comunicación oral coma as seguintes:
- Realizar presentacións e descricións claras e detalladas sobre temas diversos.
- Organizar os seus discursos e intervencións de maneira que se distingan as súas ideas das tomadas por outras persoas.
- Participar en conversas nas que teña que poñer en relación as súas opinións coas expresadas por outras persoas.
- Empregar o idioma con eficacia e flexibilidade para expresar a súa opinión e os seus sentimentos.
- Negociar unha solución de conflitos: desculparse, reclamar, pedir responsabilidades, etc.
- Intervir en debates nos que se traten temas de certa complexidade e pouco coñecidos.
- Defender o seu punto de vista e argumentar con convencemento.
- Responder a preguntas de forma fluída, espontánea e adecuada ao contexto.
- Participar nunha entrevista, como entrevistado e como entrevistador.
- Discutir sobre problemas laborais e económicos, sobre accidentes, sobre enfermidades e coidados médicos, sobre cuestións académicas ou sobre calquera tema de actualidade.
2.4. Expresión escrita.
Mostrará capacidade para escribir textos de certa complexidade cun estilo claro e fluído, facendo un uso adecuado da norma estándar e mesmo introducindo certas modulacións en función do interlocutor e da finalidade do discurso. Non terá dificultade para destacar as ideas principais e para expoñer axeitadamente as súas opinións. Manterá un nivel de corrección alto, presentando poucas dificultades ortográficas e de escasa relevancia.
En concreto, estará en condicións de:
- Redactar notas, cartas, mensaxes electrónicas dirixidas a distintos destinatarios e con diferente finalidade.
- Escribir sobre temas complexos e dun xeito claro e ben estruturado.
- Redactar comunicados oficiais ou dirixidos a moitas persoas.
- Describir con precisión obxectos, persoas e situacións.
- Expresar experiencias e sentimentos cun estilo adecuado á finalidade e ao destinatario.
- Redactar exames e traballos académicos de distinta natureza.
- Elaborar resumos, paráfrases e comentarios críticos de textos informativos e expositivos.
3. Contidos.
3.1. Lingua e comunicación: funcións comunicativas.
Neste nivel a persoa poderá falar de cambios e transformacións, e tamén valorar experiencias propias e alleas. Na transmisión da súa información poderá expresar distintos graos de coñecemento e certeza; na expresión de sentimentos será capaz de transmitir desexos e preferencias, desilusión, fastío, nostalxia, rexeitamento ou indignación, entre outros. Será quen de facer invitacións e suxestións, e de dar instrucións con bastante precisión.
Con respecto ao control da comunicación oral será capaz de indicar que a intervención está sendo malinterpretada, poderá pedir un cambio de tema e empregar os mecanismos lingüísticos pertinentes para o control na quenda de palabra.
Ademais das funcións comunicativas sinaladas para o nivel Celga 1, Celga 2 e Celga 3, que se verán ampliadas no ámbito de uso nas que se activan, e aumentando a complexidade lingüística coa que se realizan, especialmente desde o papel de emisor na elaboración de discursos orais e escritos, a persoa que supere o Celga 4 debe estar en condicións de:
- Facer a presentación de alguén en público dando información detallada.
- Dar ánimos e tranquilizar a alguén.
- Mostrar agradecemento e malestar de xeito formal.
- Aclarar malas interpretacións.
- Expresar xuízos e valoracións sobre experiencias propias e alleas.
- Lamentarse por un suceso.
- Expresar estrañeza e asombro.
- Recoñecer información específica de declaracións percibidas con pouca calidade.
- Reprochar, ameazar e mostrar incredulidade, incomprensión e indignación.Expoñer e xustificar tomas de decisións, posturas, ideas, etc.
- Responder a preguntas sobre sucesos e experiencias propias e alleas.
- Desmentir e confirmar unha información.
- Expresar dúbidas ou reservas sobre algunha afirmación.
- Argumentar e negociar.
- Comparar ideas, argumentos e puntos de vista.
- Reproducir diferentes puntos de vista sobre un tema.
- Extraer as ideas principais e identificar argumentos en debates, discursos e textos extensos de estrutura complexa.
- Valorar a capacidade comunicativa nun mesmo e noutras persoas.
- Valorar accións, logros e características das persoas.
- Describir cambios na vida de alguén.
- Xustificar ou criticar comportamentos.
3.2. Lingua e sistema: coñecemento do código.
Neste nivel incluiranse contidos lingüísticos de maior especialización e de uso máis específico, ao mesmo tempo que se profundará na comprensión do funcionamento do código como un todo interrelacionado.
Trataranse, entre outras cuestións, a correlación de tempos en estilo directo e indirecto referidos ao pasado, ao presente e ao futuro, a combinación de estilo directo e indirecto nun mesmo relato, e a construción de oracións compostas de distinto tipo.
Desde o punto de vista discursivo desenvolveranse recursos de cohesión léxica e gramatical e tamén trazos definidores das distintas tipoloxías textuais.
De xeito máis detallado, os saberes relacionados co código lingüístico -gramaticais, fonéticos, ortográficos e léxicos- que se consideran necesarios para desenvolver de xeito satisfactorio as anteriores funcións comunicativas son os que se relacionan no seguinte cadro:
* Gramática.
- Todas as estruturas dos niveis anteriores.
- Flexión de xénero e de número: palabras compostas, estranxeirismos e cultismos.
- Formacións especiais de xénero (variacións sobre a base -actor/actriz, príncipe/princesa, etc. e outras bases léxicas); substantivos con cambio de xénero ligado a cambio de significado.
- Formación de palabras: derivación e composición (formas e significados).
- Agrupacións de determinantes: art. + indef., indef. + indef., etc. (este meu amigo, algunha outra solución, etc.).
- Pronomes persoais tónicos e átonos: casos especiais na colocación dos clíticos; diferenza no uso entre nós/nosoutros, vós/vosoutros; pleonasmo de OD.
- Formas e valores dos tempos da conxugación regular e irregular.
- Usos e valores das perífrases verbais: formas con varios valores.
- Uso dos tempos de subxuntivo: alternancias entre formas (andara/andase), presente de subxuntivo/infinitivo conxugado.
- Uso das formas verbais: discurso directo e indirecto con referencias ao presente, ao pasado e ao futuro.
- Uso e equivalencia das formas de infinitivo conxugado: oracións temporais, inf. conxugado/subxuntivo, inf. conxugado nas oracións condicionais, etc.
- Uso do sistema preposicional: rexencias preposicionais de adxectivos e verbos; ausencia/presenza da preposición a co complemento directo.
- Construción de oracións: oracións subordinadas substantivas (indicativo, subxuntivo e infinitivo); finais; modais; condicionais; adxectivas (indicativo e subxuntivo); concesivas e adverbiais con xerundio.
- Conectores discursivos de uso nos discursos formais extensos: comezo, resumo, repetición, explicación, etc.
* Fonética e ortografía.
- Os contidos dos niveis anteriores.
- Pronuncia e ortografía das realizacións do sistema fonolóxico: grupos cultos, encontros vocálicos, etc.
- Usos especiais de maiúsculas e minúsculas.
- Siglas e abreviaturas de uso frecuente.
* Léxico.
As capacidades comunicativas descritas na epígrafe de habilidades implican o dominio do vocabulario relacionado cunha serie de áreas temáticas.
No Celga 4 o léxico dispoñible abranguerá de forma ampla o conxunto de áreas e ámbitos temáticos. A persoa que supere este nivel estará tamén en condicións de discriminar matices significativos entre sinónimos e de facer uso de termos específicos e non só xenéricos.
As áreas temáticas e algúns dos campos semánticos nos que se desdobran son os seguintes:
- Identificación e caracterización das persoas: idade e cronoloxía en xeral, sexo e estado civil; procedencia e localización xeográfica; características físicas; roupa e maneiras de vestir; estudos e profesións; carácter, estados de ánimo, etc.
- Vivenda e contorno físico: o fogar, as partes da casa, o mobiliario, os tipos de hábitat, a organización urbana, a localización no espazo, a paisaxe, o relevo, a vexetación, a fauna, o clima e a meteoroloxía, etc.
- Relacións humanas: relacións familiares e de parentesco; relacións de amizade e inimizade; formas de convivencia; agrupamentos e interaccións humanas; fórmulas de saúdo, despedida, felicitación, condolencia, agradecemento, desculpa, etc.
- Organización da sociedade e servizos públicos: organización política; estrutura administrativa; organismos e servizos públicos; organizacións sociais, políticas e profesionais, etc.
- Lecer e tempo libre: xogos, deportes, espectáculos, festas, lectura, música, hostalaría, vacacións, etc.
- Alimentación: alimentos, bebidas, dietas, gastronomía típica, estabelecementos de restauración.
- Viaxes e comunicacións: medios de transporte, vías públicas, estacións e aeroportos, turismo, sistemas de comunicación interpersoal, aparellos para a transmisión da voz e a imaxe, etc.
- Compras e actividades comerciais: actividades de compra e venda, estabelecementos comerciais, rede bancaria, moeda e formas de pagamento, etc.
- Saúde e atención sanitaria: estado de saúde, doenzas, tratamentos médicos, consultas, sistema sanitario, etc.
- Educación: sistema educativo, profesionais da educación, estudos e titulacións, recursos e materiais escolares, actividades e tarefas escolares, etc.
3.3. Lingua, cultura e sociedade: contidos socioculturais.
Co mesmo criterio orientativo ca nos niveis anteriores e buscando esa progresión crecente que guía todo o proceso, enténdese que neste chanzo da aprendizaxe da lingua pode ser interesante que se realice un achegamento máis persoal a algúns aspectos da historia ou da actualidade de Galicia a través da análise máis en profundidade ou da indagación sobre algún acontecemento relevante de tipo político, social, cultural, ambiental, deportivo, etc. Este labor apoiarase en fontes diversas e en informacións fornecidas en diferentes modalidades de lingua e en distintos formatos: textos impresos, imaxes, gráficos, material videográfico, etc.
En todo caso, deberase ter sempre en conta que a función destes contidos segue sendo a de servir de soporte para a interacción comunicativa e para unha máis rigorosa comprensión do universo sociocultural no que se desenvolve a lingua galega.
|