Inicio » Servizos » Servizo de Normalización Lingüística » Área de Formación » Curso "Falar ao dereito". Descrición »
Seccións
Presentación
O Servizo
Asesoramento
Formación
Dinamización
Terminoloxía
Documentación

Curso "Falar ao dereito". Descrición

Trátase dun obradoiro para mellorar as habilidades orais e argumentativas do alumnado.

Os profesionais egresados da Universidade non só deben contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos. Tamén é desexable que teñan desenvolvidas outras destrezas, habilidades e valores: autonomía, pensamento crítico, dominio das novas tecnoloxías... Todos os universitarios/as deberían posuír habilidades comunicativas orais, e máis aínda tratándose de titulados/as en Dereito.

Por outra banda, aínda que é comunmente aceptado que o Dereito é unha práctica argumentativa, as facultades de dereito prestaron pouca atención á análise da argumentación xurídica. Este curso pretende iniciar o alumnado na natureza, instrumentos, límites e fins da argumentación no marco das actividades desenvolvidas polos xuristas.

O obxectivo xeral do curso é estimular e mellorar as habilidades comunicativas orais e argumentativas do alumnado, en galego. Concretamente:

• Aprender a superar o medo a falar en público
• Adquirir estratexias de expresión oral e xestual
• Desenvolver ou reforzar as capacidades que melloren a expresión oral na vida persoal e profesional
• Mellorar a competencia dos alumnos e alumnas na expresión oral en galego
• Familiarizar o alumnado co cadro en que se desenvolve a argumentación en xeral
• Identificar as peculiaridades da argumentación xurídica respecto da argumentación en xeral.

A metodoloxía que se vai empregar será eminentemente práctica; incluirá traballo persoal, en grupo e en grupos:

• Análise das actuacións comunicativas propias, do resto do grupo e de situacións reais tiradas dos medios de comunicación.
• Audicións, visionados e gravacións sobre situacións comunicativas e actos de fala cotiáns e profesionais, relacionados co Dereito.
• Estudo teórico de nocións lóxicas e argumentativas básicas e dos criterios hermenéuticos xurídicos clásicos (con entrega de material e bibliografía).
• Supostos prácticos que requiren a elaboración dun pequeno traballo persoal e en grupos de 3-4 persoas sobre temas propostos polo profesor (como, por exemplo, a normativa anti-botellón ou as redes sociais en Internet), a súa exposición pública e a crítica xurídica dos restantes grupos.

O curso ten unha duración de 30 horas (20 horas teóricas + 10 horas prácticas) e ao remate a Universidade de Santiago de Compostela outorga un certificado de bo aproveitamento.

Organízase conxuntamente coa Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito.

   
Reitoría da USC
Colexio de San Xerome
Praza do Obradoiro, s/n
15782 Santiago de Compostela
Teléfono: +34 981 56 31 00
Logotipo de Universia Universia   Logotipo da Unitenda Unitenda   Logotipo do Grupo Compostela
Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: +34 982 28 59 00