|
|
Documentación metodolóxica
O traballo cos termos, tanto o que se centra na produción de dicionarios, vocabularios, glosarios... (terminografía sistemática), como o que se limita a resolver dúbidas arredor de un ou uns poucos termos concretos (terminografía puntual), debe basearse nunhas pautas metodolóxicas que aseguren a calidade do labor realizado.
Terminografía sistemática
A pesar de que esta vertente é a máis estudada a nivel internacional, non contamos con ningún documento metodolóxico pensado especificamente para o ámbito galego.
Por ese motivo, nos traballos realizados desde o SNL botamos man de materiais concibidos cunha vocación de validez internacional, como as normas ISO (ISO 860:1996; ISO 704:2000), ou para linguas próximas, como a Metodologia de la recerca terminològica, elaborada en 1984 por Auger e Rousseau para o francés do Quebec, ou a Metodologia del treball terminològic, elaborado en 1990 polo Termcat para o catalán.
Amais, manuais como La terminologia, de T. Cabré, Curso práctico sobre el procesamiento de la terminología, de J. C. Sager, Handbook of terminology management, de S. E. Wright e G. Budin ou Manual de terminologia, de S. Pavel e D. Nolet inclúen tamén amplos epígrafes dedicados a cuestións metodolóxicas aos que recorremos con frecuencia.
Terminografía puntual
A investigación puntual recibiu, a nivel xeral, unha atención moito menor ao apoñérselle un carácter parcial e falta de sistematicidade. Porén,
unha boa parte do labor terminográfico que se realiza nos servizos lingüísticos diríxese a resolver cuestións puntuais.
O material metodolóxico que no SNL tomamos como referencia é a Metodoloxía do traballo terminográfico puntual en lingua galega, publicada en 2003 polo Consello da Cultura Galega, completado con algunha información puntual recollida nos manuais citados no epígrafe anterior.
|