|
|
Código Ético da USC
Aprobado polo Claustro Universitario o
31 de maio de 2007
I. CONSIDERACIÓNS XERAIS
Obxectivos
1. Propor uns compromisos éticos e tornalos visíbeis
tanto, exteriormente, de cara á sociedade canto, interiormente,
de cara á propia universidade.
2. Satisfacer, con iso, unha tripla función:
1) servir de carta de presentación perante a sociedade,
mostrando o sentido e as liñas xerais da actividade e a acción
da universidade;
2) concluír un triplo compromiso ético –da universidade
coa sociedade, da universidade co persoal universitario, e entre
o persoal universitario– acerca dos obxectivos e os
procedementos asumidos pola universidade;
3) ofrecer á comunidade universitaria unha guía de
actuación que sintetice e exprese en termos éticos o cadro
regulamentario e legal vixente e que inspire e estimule o
desenvolvemento deste.
Definicións
3. O presente código reúne un conxunto de principios,
valores e normas, referidos á actividade interna e á acción
social da universidade, que expresan padróns éticos de actuación
aptos para servir como pautas reguladoras da práctica individual
e colectiva.
4. A forza obrigante deste código reside no compromiso
adquirido, de modo expreso e formal, pola comunidade
universitaria e, de modo implícito e en consciencia, polos seus
membros, que o asumen como referencia orientadora da súa conduta.
Suxeitos
5. O presente código é aplicado ás persoas e polas
persoas que compoñen a USC: a propia universidade, xunto cos
seus órganos e agrupacións, como persoas colectivas, e os
distintos integrantes do persoal universitario, como persoas
individuais.
6. A efectos deste código, as persoas son axentes:
1) autónomos, aptos para tomaren as súas decisións e
actuaren en consecuencia;
2) responsábeis, dispostos a asumir os seus actos e as
súas consecuencias;
3) razoábeis, capaces de procurar o seu propio ben e
harmonizar esta procura coa dos outros;
4) con sentido de xustiza, coñecedores da legalidade e
prestos a dirimir racionalmente, con obxectividade e
imparcialidade, as diferenzas cos outros implicados;
5) con capacidade de empatía, dispostos a incluír no seu
ámbito de responsabilidade a todos os outros afectados polas
súas escollas e as súas actuacións, en especial a aqueles que
teñen menos capacidade para facer valer os seus intereses ou
mostrar o seu valor (oprimidos, desfavorecidos, marxinais,
persoas con discapacidade, pobos lonxincuos, xeracións
vindeiras, animais, ambiente, etc.).
7. Polas súas características, as persoas posúen
dignidade e merecen ser tratadas con respecto, tomando en
consideración os seus dereitos, deberes e aspiracións.
II. A UNIVERSIDADE
A USC
8. A USC é unha institución pública, financiada
fundamentalmente con fondos públicos, cuxa misión é xerar e
transmitir coñecemento, póndoo ao servizo da sociedade mediante
a formación de profesionais e a transferencia de saber,
atendendo ás demandas sociais e ás necesidades humanas.
9. A USC é unha universidade centenaria, emblemática de
Galiza e de España, comprometida coa cultura e a lingua galegas,
cuxa actuación se proxecta no espazo galego, hispano, luso,
europeo, latinoamericano, e demais espazos que lle sexan propios
no contexto dunha sociedade mundial, multicultural e
globalizada.
Organización
10. Canto á súa estruturación e funcionamento, en
consonancia co ordenamento vixente, a universidade adopta:
1) a democracia como modelo organizativo: participación
universal, principio de legalidade, alternancia na gobernación,
regra da maioría e respecto á minoría;
2) os dereitos humanos, individuais, sociais, culturais e
ambientais como guía condutual.
11. Como organización, a universidade constitúe unha
persoa xurídica que se expresa, axe e responde a través dos
órganos unipersoais e colexiados encargados da súa
representación, goberno e administración.
Acción social
12. Xunto coa xeración e transmisión de coñecemento, a
universidade asume como tarefas e fins seus achegar o seu
concurso a:
1) a xustiza social, contribuíndo ao benestar e á
nivelación sociais, á equidade entre mulleres e homes, á
erradicación da explotación, a opresión, a alienación e a
exclusión, indo até a remoción das estruturas inxustas, asumindo
e difundindo unha cultura de paz;
2) o progreso cultural, enriquecendo o acervo propio e
acollendo a riqueza allea, conservando, labrando e proxectando
un patrimonio cultural singular, aberto e universalista;
3) o desenvolvemento sustentábel, coidando o respecto ao
ambiente e apostando polo crecemento con equidade, así como pola
solidariedade e a cooperación, desde a escala local á global;
4) a dinamización socioeconómica, apoiando as iniciativas
emprendedoras e implicándose cos axentes económicos e sociais,
en especial no seu contorno.
13. Ademais de na súa propia acción, a universidade
observará estas directrices nas súas relacións con outras
entidades e persoas.
Actividade interna
14. A universidade, ademais dunha empresa colectiva con
fins sociais levada a feito co esforzo de todos, é tamén un
ámbito de traballo onde se dirimen intereses contrapostos, se
enfrontan visións diferentes e concorren proxectos grupais e
individuais, polo que:
1) debe procurar o desenvolvemento harmónico e
equilibrado das súas partes (campus, sectores, centros, áreas,
etc.) e realizar unha política de equidade entre homes e
mulleres, que asegure a súa progresión no traballo en condicións
de igualdade;
2) debe fornecer ao persoal universitario un medio físico
seguro e saudábel, atendendo á diversidade funcional, así como
ao contexto regulamentario e aos recursos materiais adecuados
para desenvolver as súas actividades;
3) debe favorecer a realización persoal integral, alén de
na súa faceta profesional, do persoal universitario.
Funcionamento
15. Como institución pública financiada pola sociedade, a
universidade e o persoal universitario deben actuar coidando,
administrando e empregando os medios ao seu dispor con senso e
responsabilidade.
16. Como institución pública ao servizo da sociedade, a
universidade debe actuar con transparencia, dando conta da súa
acción e os seus resultados, e eficiencia, procurando optimizar
a relación entre os recursos empregados e os obxectivos
atinxidos. Así mesmo, debe asegurar a calidade das súas
prestacións.
17. Estes imperativos de senso, transparencia, eficiencia
e calidade esixen na xestión universitaria profesionalidade,
participación, axilidade, flexibilidade e avaliación, e en
particular, na xestión económica racionalización e
planificación.
18. Como referente ético, a universidade debe espallar os
valores secularmente asociados á vida universitaria: a liberdade
(de expresión, de investigación, etc.), a igualdade (de
oportunidades, de trato, etc.) e a solidariedade (o
compañeirismo, o compromiso, etc.), contemplando con ollos
críticos a súa propia historia.
19. Así mesmo como referente ético, debe reflectir nela
mesma os padróns éticos cuxa satisfacción demanda ao persoal
universitario e que aspira a proxectar na sociedade. En
consecuencia, deberán presidir a súa actuación a honradez, a
veracidade, a xustiza, a eficiencia, o respecto e a
responsabilidade.
III. O PERSOAL UNIVERSITARIO
Persoal universitario
20. Aos efectos deste código, o persoal universitario
está formado por todos aqueles que, de modo temporal ou
permanente, realizan actividades docentes, discentes,
investigadoras, administrativas, de servizos ou outras funcións
na universidade.
21. A avaliación, selección e promoción do persoal
universitario atenderá ao mérito e a capacidade das persoas,
apreciados por medio de procedementos públicos, regrados,
obxectivos e imparciais, aos cales sexa posíbel concorrer en
igualdade de oportunidades e sen que caiba discriminación
algunha por razóns de xénero, discapacidade, procedencia
académica, ideoloxías políticas, opcións sexuais, crenzas
relixiosas, grupo étnico, trazos raciais, etc.
Boas prácticas
22. O cumprimento das actividades docentes, discentes,
investigadoras, administrativas, de servizos e demais na
Universidade debe discorrer por canais institucionais e
materializarse en prácticas nas cales os suxeitos envolvidos
poidan actuar seguindo padróns éticos e lles caiba esperar dos
outros a reciprocidade correspondente.
23. A universidade, a través dos seus órganos de goberno,
debe proporcionar o cadro regulamentario necesario para o
desenvolvemento das boas prácticas, que asegure os intereses
xerais, mais contemplando a prosecución e defensa dos lexítimos
intereses particulares, e velar pola súa aplicación.
Exercicio das funcións
24. O persoal universitario deberá cumprir as súas
funcións con honradez, veracidade, xustiza, eficiencia, respecto
e responsabilidade. En consecuencia, deberase actuar con:
1) Honradez, aplicando os seus recursos (coñecemento,
capacidade, experiencia) ao cumprimento da función, evitando a
interferencia de intereses espurios propios ou alleos.
2) Veracidade, procurando a obxectividade e exactitude na
información e na comunicación, mais tamén gardando a debida
confidencialidade con respecto a informacións das que participa
mais que fican excluídas do dominio público. A veracidade esixe
absterse de iniciar, propagar e acoller rumores, mais tamén
obriga a non furtar ao debate cantos temas sexan susceptíbeis de
tratárense no espazo público.
3) Xustiza, coñecendo a legalidade vixente e, en
especial, as normas atinentes á función, obrando en consonancia
con estas e, alén disto, actuando con imparcialidade.
4) Eficiencia, en xeral, pondo os mellores medios para a
consecución dos fins perseguidos e, en concreto, facendo un uso
debido do tempo, o espazo e os recursos, procurando o mellor
aproveitamento destes por medio do seu perfeccionamento e da
innovación.
5) Respecto, tratando coa debida consideración ás persoas
e dispensando, na medida do posíbel, un trato digno aos demais
seres.
6) Responsabilidade, asumindo as consecuencias das
decisións e os actos propios, en especial cando delas se seguen
prexuízos, chegando neste caso, se for preciso, a facer un
recoñecemento público, a ofrecer escusas públicas e mesmo, se ha
lugar, a presentar a demisión, con independencia das posíbeis
sancións regulamentarias ou legais.
Dedicación ao traballo
25. É propio do persoal universitario entregarse ao
traballo buscando a excelencia nos ámbitos do ensino e a
aprendizaxe, da investigación, da administración e servizos e a
proxección social da Institución potenciando sempre a
cooperación.
26. O esforzo e a entrega no traballo esixíbeis sono en
función das contrapartidas institucionais, legal e
regulamentariamente establecidas, contemplando necesariamente
unhas expectativas razoábeis de beneficio persoal.
Condutas reprobábeis
27. Sen prexuízo das sancións regulamentarias ou legais
correspondentes, merecen reprobación o incumprimento e o mao
cumprimento das funcións propias e xunto con isto:
1) O abuso do poder, sexa na forma de actos puntuais de
arbitrariedade e extralimitación sexa establecendo relacións de
dominación e redes de dependencia do tipo do caciquismo e
clientelismo.
2) O uso indebido do tempo, o espazo e os recursos
universitarios, ora porque se destinan a fins particulares, dun
mesmo ou de terceiros, alleos á función pública ora, tamén,
porque o tempo, o espazo e os recursos se malgastan ou se
estragan.
3) A actuación en beneficio propio ou en prexuízo de
terceiros ou en detrimento do interese xeral, sexa establecendo
normas, ditando resolucións, adoptando acordos ou tomando
decisións, ao amparo e coa cobertura aparentes do cadro
regulamentario e legal vixentes.
4) A participación en procesos decisorios cando están en
xogo intereses particulares dun mesmo ou doutros achegados
susceptíbeis de resultar beneficiados.
5) A apropiación, desde o ocultamento até ao
acaparamento, do traballo, os méritos e os beneficios dos
outros.
6) O comportamento e o tratamento neglixentes, con
desatención das obrigas requiridas e con desconsideración ás
persoas, á súa actividade e ás súas expectativas.
7) A aceptación de obsequios e favores vinculados,
directa ou indirectamente, ao desenvolvemento da actuación
persoal no exercicio das funcións universitarias, así como a
subscrición de colaboracións e patrocinios susceptíbeis de
condicionar a actuación persoal nun sentido particular alleo, se
non contrario, ao funcionamento e as finalidades, ao servizo do
interese público e xeral, da institución universitaria.
IV. CUMPRIMENTO
Conflitos e incumprimentos
28. En casos de conflito e incumprimento, antes de
recorrer aos procedementos e solucións formais regulamentarias e
legais, deberá acudirse, de ser posíbel, ás vías e saídas
informais: explicación, diálogo, mediación, negociación entre
aqueles afectados.
29. No suposto de incumprimento, o presente código só
contempla sancións informais: o xuízo da propia consciencia e,
alén disto, a súa expresión pública en forma de opinión e
crítica, ora entre os actores implicados, ora como materia de
discusión e debate nos órganos universitarios. Estas sancións
informais teñen un valor estritamente ético e non exoneran dos
procedementos e sancións regulamentarios e legais previstos para
o suposto incumprimento.
Seguimento
30. Un observatorio, coordenado polo Valedor da
Comunidade Universitaria, seguirá e avaliará o cumprimento deste
código. A tal efecto: 1) realizará informes periódicos; e
2) recibirá suxestións e queixas, sobre as cales elevará
os correspondentes informes.
|