versión en castellano
english version

versión para discapacitados

 
Inicio » Observatorio do Código Ético » Código Ético
Seccións
Presentación
O Código Ético da USC
Plano de ubicación
Formulario para a presentación de queixas e suxestións
Informes anuais
Ligazóns

Regulamento de Réxime Interno do Observatorio

 

REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DO OBSERVATORIO DO CÓDIGO ÉTICO

O Código Ético aprobado polo Claustro con data do 31 de maio de 2007, establece no seu punto 30 que para o seguimento do mesmo se establecerá un observatorio, coordenado polo Valedor, que seguirá e avaliará o cumprimento deste código e a tal efecto realizará informes periódicos e recibirá suxestións e queixas, sobre as cales elevará os correspondentes informes.

Para a realización destas actividades, proponse para aprobación o seguinte REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DO OBSERVATORIO DO CÓDIGO ÉTICO.


Artigo 1.- Composición do Observatorio

O Observatorio do Código Ético estará formado por 8 membros, presididos polo Valedor da Comunidade Universitaria, con representación dos sectores de PDI, PAS e estudantado.

Para a súa elección teranse en conta os criterios de paridade, representación de grandes áreas científicas e representación dos campus de Lugo e Santiago de Compostela.

Serán elixidos por catro anos, debendo ser renovado cando menos un terzo dos seus membros cada dous anos.

Os membros exercerán gratuitamente o seu cargo, sen que en ningún caso poidan percibir retribución algunha polo seu desempeño, sen prexuízo do seu dereito a seren reembolsados dos gastos xustificados que o exercicio das súas funcións lles ocasione.


Artigo 2.- Funcionamento do Observatorio

O Observatorio poderá funcionar en Pleno, en Comisión Delegada ou en Comisións de Traballo, coa composición e funcións que o Pleno determine.

Son funcións do Observatorio en Pleno:
1. Difundir o Código Ético na Comunidade Universitaria e externamente.
2. Avaliar anualmente o cumprimento do Código Ético.
3. Emitir un Informe anual.
4. Emitir informes sobre as queixas e suxestións recibidas.
5. Propoñer a adopción de medidas precisas para o mellor cumprimento do Código Ético.
6. Aprobar os plans de actuación, e avaliar os seus resultados.
7. Establecer a composición e funcións da Comisión Delegada e das Comisións de Traballo, designando a un dos seus membros como secretario/a.
8. Calquera outra función que non estea asignada expresamente a outro órgano, ou veña atribuída no Regulamento de Réxime Interno.

O observatorio en pleno constituirase nun prazo non superior a dous meses dende o nomeamento dos seus membros. A convocatoria será realizada pola presidenta ou presidente e nela se designará necesariamente ao secretario ou secretaria, a composición da Comisión Delegada e iniciará a análise do impacto do Código Ético.


Artigo 3- Presidencia e Secretaría

1.- A Presidencia do Observatorio corresponde ao Valedor da Comunidade Universitaria.

Corresponderalle á Presidencia o exercicio das seguintes funcións:
a).- Convocar, fixar a orde do día, presidir e moderar as sesións do Observatorio, dispoñendo de voto dirimente en caso de empate. Tamén poderá presidir as sesións doutros órganos colexiados que se creen (Comisión Delegada e de Traballo).
b).- Velar polo cumprimento do Código Ético, comunicando aos órganos competentes calquera incumprimento co dereito a estar informado das actuacións que se practiquen.
c).- Autorizar, co seu visto e prace, as actas das sesións.
d).- Tramitar as suxestións e queixas.


2.- O pleno designará de entre os seus membros a un/unha Secretario/a do Observatorio. As súas funcións serán as de:
1. Levar o libro de actas.
2. Convocar as sesións por orde da presidente ou presidenta.
3. Dar fe dos acordos adoptados.
4. Notificar os acordos e informes.


Artigo 4.- Réxime de sesións

1. As sesións do Pleno poderán ter carácter ordinario ou extraordinario, e se realizarán no lugar que se fixe na convocatoria.

2. Son sesións ordinarias aquelas cuxa periodicidade está preestablecida, fixándose a mesma mediante acordo do órgano adoptado na sesión constitutiva deste, e sen prexuízo das súas posibles modificacións. En defecto do mesmo, celebrarase sesión ordinaria, al menos unha vez no ano, con motivo da aprobación do Informe Anual. Convocarase cunha antelación mínima de dez días hábiles.

3. Son sesións extraordinarias as que se convocan pola Presidencia, con tal carácter, a iniciativa propia ou a solicitude dun terzo dos membros do órgano. As sesións extraordinarias convocaranse, a lo menos, con sete días hábiles de antelación.

4.- As convocatorias correspondentes ás sesións ordinarias e extraordinarias cursaranse de orde da Presidencia, e irán acompañadas da orde do día e indicarán o día e a hora da reunión.

5.- O órgano quedará validamente constituído en primeira convocatoria cando concorran a presidenta ou presidente e o secretario ou secretaria e, ao menos, a metade dos membros. En segunda convocatoria, que deberá realizarse como máximo unha hora despois, quedará validamente constituído cando asistan a presidenta ou presidente e a secretaria ou secretario, e ademais un terzo dos membros.

6.- O órgano poderá reunirse validamente sen necesidade de previa convocatoria cando se atopen presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden expresamente, requiríndose, así mesmo, a presenza do presidente ou presidenta e do secretario ou secretaria.

7.- Nas sesións ordinarias poderán adoptarse acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día cando así o solicite algún membro por razóns de urxencia, e se aprecie pola maioría absoluta do número legal de membros do órgano.

8. - Levarase un libro de actas das sesións, onde se consignará, en cada acta, o lugar, día e hora de comezo da sesión, a relación de asistentes, os asuntos sometidos a deliberación, os acordos adoptados, así coma o sentido das votacións e os acordos acadados. As opinións emitidas quedarán reflectidas na acta cando así o considere o secretario ou secretaria ou así o solicite o intervinte, aportando copia escrita da súa intervención nas 48 horas seguintes á celebración da sesión. As actas serán autorizadas coa sinatura do secretario ou secretaria e o visto e prace da presidente ou presidenta.

9.- Os acordos adoptaranse por maioría simple do total de votos emitidos, dirimindo os empates a Presidencia.

10.- O réxime xurídico dos actos do Observatorio será o establecido con carácter xeral polas disposicións que regulan o procedemento administrativo das Administracións Públicas, que resultarán de aplicación no non previsto neste Regulamento de Réxime Interno.


Artigo 5.- Informe Anual

O pleno do Observatorio elaborará e difundirá o informe anual sobre o cumprimento do Código Ético.

O informe constará, como mínimo, dos seguintes apartados:
 Accións de difusión para o coñecemento e cumprimento do Código Ético
 Cumprimento e incumprimentos en relación ao Código Ético
 Resolución e tratamento das queixas e suxestións


Artigo 6.- Queixas e Suxestións

A USC establecerá un sistema telemático de acceso, xestión e contestación de queixas e suxestións relativos ao Código Ético. No caso de solicitalo, as queixas e suxestións terán un tratamento anónimo.

No informe anual darase conta das queixas e suxestións aceptadas e os motivos das rexeitadas.

A presentación de queixas e suxestións non suspende os prazos para a interposición de impugnacións, nin substitúe aos recursos que procedan contra os actos administrativos.

Poderán inadmitirse a trámite cando a queixa ou suxestión non estea dentro do ámbito do Código Ético, ou cando xa se resolveran outras de similar contido e se dera publicidade ás mesmas.


Disposición final

O presente Regulamento entrará en vigor na data de aprobación polo Consello de Goberno.

Reitoría da USC
Colexio de San Xerome
Praza do Obradoiro, s/n
15782 Santiago de Compostela
Teléfono: +34 981 56 31 00
Logotipo de Universia Universia   Logotipo da Unitenda Unitenda   Logotipo do Grupo Compostela Grupo
Compostela
Vicerreitoría de Coordinación
do Campus de Lugo
Praza Pío XII, 3
27001 Lugo
Teléfono: +34 982 28 59 00